O Sergas non suma ningún caso novo de coronavirus nun día por primeira vez dende o inicio da pandemia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Xunta non contempla publicar a serie histórica da evolución do coronavirus en Galicia malia dispoñer dela. Tampouco fai públicos os datos que transmite cada día ao Estado sobre a marcha da pandemia en Galicia, caso dos novos casos diagnosticados cada día, as novas hospitalizacións ou a incidencia acumulada da doenza.

Á ausencia desta serie pública agrégase outra práctica da Consellería de Sanidade que dificulta aínda máis a observación da epidemia a través dos datos da Xunta. Dende mediados de marzo sumou practicamente en cada parte casos detectados en días previos, pero sen referencia temporal. Moitas delas -unhas 2.000- eran persoas que deron positivo en test de anticorpos pero sen síntomas da doenza no momento da proba, polo que eran sumadas directamente como "curadas" sen seren antes "positivos activos".

Por primeira vez o número de positivos activos descende o mesmo que aumenta o número de "curacións", en tres persoas, mentres o Ministerio de Sanidade indica que na última xornada Galicia rexistrou un novo diagnóstico da covid-19

Deste xeito, cada día dende finais de marzo os partes da Xunta incluían casos novos que se podían calcular sumando ou restando positivos, altas e falecementos. Isto sucedeu sen excepción cada xornada ata este 15 de xuño, cando o número acumulado de persoas que segundo o Sergas pasaron pola covid-19, xa fosen detectadas mediante proba PCR ou con test de anticorpos, é exactamente o mesmo que o día anterior: 11.456. Esta cifra foi obxecto de "revisións" en días pasados, admite o Sergas, pero a ausencia dunha serie pública impide coñecer se inclúe casos erróneos ou duplicados.

Así, por primeira vez, o número de persoas que Sanidade sinala como "curadas" aumenta o mesmo que baixa o número de "positivos activos", en tres persoas. As infeccións resoltas son xa 10.489 -incluíndo cando menos 2.055 que nunca foron "positivos activos"- e os positivos activos quedan en 348 noutra xornada sen novos falecementos. Isto quere dicir, daquela, que nesta xornada a Xunta non suma no seu cómputo caso ningún de días anteriores, ao contrario do que vén sucedendo.

Isto non implica, non obstante, que na xornada previa non houbese novos diagnósticos de coronavirus en Galicia. O Sergas non ofrece esta información, pero si lla transmite ao Ministerio, que este 15 de xuño indica que no día anterior se rexistrou un diagnóstico novo. Isto querería dicir que, en rigor, nas últimas vinte e catro horas houbo catro "positivos activos" menos e un novo, polo que o saldo quedaría en -3 e que ese novo caso xa estaría incluído nos "positivos activos" do día anterior, xa que o acumulado non aumenta.

De calquera xeito, ambas fontes de datos amosan que a pandemia segue a transitar por niveis mínimos. Os casos diagnosticados na última semana en Galicia son apenas 23, segundo o Ministerio, e a cifra da última semana queda en apenas 12. Desa ducia de diagnósticos, só un caso ten como data estimada de inicio de síntomas os últimos sete días.

Só quedan 8 persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus

Esta ausencia de casos novos segue a reflectirse tamén nas cifras da hospitalización. Quedan ingresadas nos hospitais galegos apenas 8 persoas con test positivo de coronavirus -as persoas ingresadas por mor da covid-19 desaparecen da estatística cando dan negativo, aínda que continúen hospitalizadas-, ningunha delas na UCI. Mentres, as persoas illadas a domicilio son 340 tras as devanditas tres altas epidemiolóxicas, as tres de persoas nesta situación.

Estas cifras prodúcense mentres, segundo o Sergas, xa foron procesadas en Galicia un total de 159.102 probas PCR. A Consellería de Sanidade non especifica cantos test de anticorpos leva feitos, pero o Ministerio si actualizou esta cifra con datos pechados ata o pasado día 11 de xuño eran 189.767.

Por áreas sanitarias, os tres positivos activos menos desta xornada correspóndense coas da Coruña, Lugo e Ourense. As outras catro áreas permanecen igual, en ausencia de casos novos. En calquera caso, a ausencia de serie pública e de datos completos por parte do Sergas impide coñecer onde se localizan os novos diagnósticos, toda vez que a información do Ministerio só chega ata o nivel autonómico e, posteriormente, ao provincial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.