O número de pacientes con coronavirus nas UCI galegas baixa a 2, noutro día sen novos diagnósticos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia encadea este luns o seu segundo día sen novos diagnósticos de coronavirus, ao non terse detectado ningún positivo este domingo. A este dato, fornecido polo Ministerio de Sanidade, pódese engadir os dous novos positivos que suman as estatísticas do Sergas, detectados por test de anticorpos, e non identificados por data, polo que poden tratarse de contaxios antigos.

Nos últimos 14 días diagnosticáronse 78 casos de coronavirus en Galicia. E nos últimos 7 días foron unicamente 19 os novos casos detectados

Nunha xornada na que, ademais, non houbo que sumar ningún novo falecido, a situación epidemiolóxica de Galicia segue sendo moi favorable, cunha incidencia acumulada nos últimos 14 días de 2,89 casos por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo da media estatal (13,87).

En total, nos últimos 14 días diagnosticáronse 78 casos de coronavirus en Galicia. E nos últimos 7 días foron unicamente 19 os novos casos detectados. O Ministerio de Sanidade informa tamén dos novos casos diagnosticados nos que os síntomas empezaron nos últimos 14 días (16) e nos últimos 7 días (unicamente 4).

Galicia atópase no ecuador da Fase 2 e hai tres semanas que iniciou a Fase 1. Porén, neste tempo non se produciron rebrotes da enfermidade e as cifras manteñen unha tendencia descendente, especialmente nos últimos 7 días.

Fronte ás 616 mortes contabilizadas polo Sergas, o Ministerio de Sanidade sinala en Galicia só 609 decesos, dos cales dous corresponderían á última semana. Esa diferenza débese, como indicou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, Fernando Simón, a que algúns casos poden estar duplicados ou existir dúbidas sobre se o falecemento se debeu ou non á covid-19.

O Sergas segue a informar cada mañá do número total de positivos activos", que este 1 de xuño seguen baixando e quedan en 722 -dez menos ca onte- mentres as persoas que considera "curadas" chegan a 9.970 -doce máis-.

Con estas cifras, o número acumulado de persoas que deron positivo nalgún momento chega ás 11.308. Son dúas máis que o día previo e, dado que o Ministerio informa de que nas últimas vinte e catro horas non se produciron diagnósticos novos, cabe deducir que esa media ducia de casos corresponden a positivos en test de anticorpos de días pasados. A Xunta, en calquera caso, non o aclara.

O número de probas PCR realizadas en Galicia chega ás 143.580, segundo o Sergas. Son 825 máis que un día antes. 

Tan só 2 persoas nas UCI

Outro dos indicadores que leva varias semanas experimentando unha clara tendencia favorable é o das hospitalizacións de pacientes con coronavirus. Este domingo pola noite tan só dúas persoas coa enfermidade estaban ingresadas nas UCI dos hospitais galegos, en concreto en Lugo e Compostela. Son dúas menos ca onte e están moi lonxe das 177 que chegou a haber na primeira semana de abril.

Este domingo pola noite tan só dúas persoas coa enfermidade estaban ingresadas nas UCI dos hospitais galegos, en concreto en Lugo e Compostela

Descende tamén o número de pacientes con coronavirus no resto de unidades hospitalarias. Baixan de 33 a 32, tamén moi lonxe das 939 dos primeiros días de abril.

Os datos do Ministerio reflicten tamén que nos últimos sete días non houbo ningún novo ingreso en UCI en Galicia e que tan só sete persoas con diagnóstico positivo tiveron que ser ingresadas nos hospitais galegos 

No que atinxe ás persoas que seguen en illamento domiciliario tras daren positivo, este 1 de xuño son setemenos e quedan en 688. Entre elas inclúense 41 persoas usuarias de residencias e centros de atención á discapacidade e 40 traballadores e traballadoras.

Vigo, a área máis afectada

Dos 722 casos activos comunicados pola Xunta, 162 son da área da Coruña, 40 da de Lugo, 75 da de 
Ourense, 28 da de Pontevedra, 262 da área de Vigo, 135 da de Santiago, e 20 da de Ferrol.

Na última semana os casos activos en Vigo mesmo aumentaron lixeiramente, a diferenza do resto das áreas, claramente en descenso

A área viguesa é, con gran diferenza, a máis afectada e na última semana as súas cifras mesmo aumentaron lixeiramente, a diferenza do resto das áreas, claramente en descenso. En todo caso, os datos achegados polo Ministerio non amosan que se estean producindo rebrotes de importancia ou grandes aumentos de casos novos.

A incidencia na área viguesa (casos por habitante) é a máis elevada de Galicia, moi por diante dos datos de Santiago e A Coruña, os únicos por riba da media galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.