O número de taxis en Galicia segue en caída libre, sobre todo fóra das cidades

Taxis en Ferrol CC-BY-SA Robert. Photography

O número de taxis caeu un 26,5% en Galicia, un 31,3% fóra das catro capitais provinciais

En 1994 había 5.246 taxis en Galicia. 25 anos despois, o seu número descendeu ata os 3.855, unha caída do 26,5%, segundo os datos publicados este martes polo INE

O descenso afecta máis ás zonas máis rurais. Os datos do INE ofrecen información desagregada sobre as 'capitais provinciais', neste caso as cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Nestas catro urbes o número de turismos de servicio público mantívose estable nestes 25 anos e mesmo se incrementou lixeiramente (de 776 a 785). Porén, no resto do país o descenso foi aínda máis importante: de 4.470 a 3.070, un 31,3%.

No conxunto do Estado español, o número de taxis case non variou entre 1994 e 2019, cun descenso de só o 3,5%. Galicia é, de feito, a comunidade autónoma na que máis se reduciu neste tempo o número de taxis, moi por diante de Estremadura (-22%), Asturias e Castela-León (-13%), Murcia (-12%), Euskadi (-9%), Castela-A Mancha (-8%) e Andalucía (-7%). Canarias, Baleares, Navarra, A Rioxa ou a Comunidade Valenciana mesmo incrementaron o seu número de turismos de servicio público.

 En Galicia hai máis de 300 licenzas VTC, ao redor de 1 por cada 9 autorizacións para a condución de taxi 

Estas cifras chegan nun contexto de crecente competencia dos vehículos VTC e as plataformas como Uber ou Cabify, que xa operan na Coruña e a súa comarca. Nos últimos dous os taxistas levaron a cabo mobilización para esixir un maior control á concesión de licencas VTC e tamén aos servizos que prestan. En Galicia hai máis de 300 licenzas VTC, ao redor de 1 por cada 9 autorizacións para a condución de taxi (3.586), segundo os datos da Xunta. 

Hai tres anos o Real Decreto 1057/2015 estableceu un límite máximo de 1 permiso VTC por cada 30 licenzas de taxi. Porén, varias sentenzas xudiciais determinaron que a administración non pode denegar as solicitudes de novas licenzas VTC realizadas entre 2009 e 2015 e que tampouco se poden retirar as licenzas xa concedidas.

En Galicia varias voces alertaron xa do perigo de que desaparezan os servizos de taxi nas zonas rurais e pouco poboadas, onde emprestan un servizo fundamental, dado o espallamento dos distintos núcleos e o avellentamento da poboación. 

O descenso é especialmente rechamante na provincia de Ourense, cunha caída de case o 40%

Por territorios, o descenso é especialmente rechamante na provincia de Ourense, cunha caída de case o 40% (-38,9%), moi superior ás da Coruña (-24,5%), Lugo (-25,7%) e Pontevedra (-25,1%). Ademais, mentres que na cidade de Ourense o número de taxis se mantivo estable ao longo dos últimos 25 anos (106), no resto da provincia a cifra caeu dende os 486 aos 256, un descenso do 47%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.