O ourensán Brais Lorenzo, premio World Press Photo polas súas imaxes dos incendios en Galicia

Unha das fotos da serie 'Terra queimada', pola que Brais Lorenzo recibiu o World Press Photo 2026 © Brais Lorenzo

O fotógrafo ourensán Brais Lorenzo, colaborador de EFE e outros medios, vén de ser recoñecido este xoves co prestixioso World Press Photo da rexión Europa pola súa cobertura dos incendios forestais en Galicia durante o pasado verán que arrasaron máis de 120.000 hectáreas. 

A Fundación World Press Photo anunciou os 42 gañadores rexionais do concurso que cada ano selecciona o mellor do fotoxornalismo mundial e que reparte en tres categorías: fotografías individuais, reportaxes e proxectos a longo prazo. Entre os premiados atópase Brais Lorenzo (Ourense, 1986), que ten colaborado con Praza.gal e VINTE, e que suma este recoñecemento a outros moitos que recibiu nos últimos anos. 

O fotógrafo Brais Lorenzo, xunto a unhas das imaxes dunha das súas exposicións, nunha entrevista con VINTE CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

World Press Photo premia a serie 'Terra queimada', onde Lorenzo documenta a loita da veciñanza contra o lume e a devastación provocada polas lapas

Neste caso, a reportaxe pola que foi premiado Lorenzo titúlase Terra queimada e documenta con imaxes a loita da veciñanza e do persoal de bombeiros contra as lapas e a destrución provocada polos devastadores incendios de agosto de 2025. Amosa duras imaxes de homes e mulleres pelexando contra as lapas, da devastación den lugares como Vilamartín de Valdeorras tras ser arrasada a aldea de San Vicente de Leira ou da fuxida de animais ante o lume. 

Na web da World Press Photo, a organización destaca que o traballo de Brais Lorenzo céntrase "en cuestións sociais e ambientais" e que as súas fotografías foron publicadas en medios como Revista 5W, El País, The Guardian, The New York Times, The Wall Street Journal, The Washington Post ou Time.

O fotoxornalista galego tivo varios recoñecementos ao longo da súa carreira, incluíndo premios como Pictures of the Year International (POYi), Sony World Photography Awards, Istanbul Photo Awards, Siena International Photo Awards, Estaçao Imagem e o Premio Ortega y Gasset.

World Press Photo premiou ademais traballos sobre a guerra en Ucraína, a política migratoria nos Estados Unidos, o drama humanitario polo xenocidio en Gaza, os efectos do cambio climático ou a loita de comunidades marxinadas. Entre os gañadores tamén están os españois Luis Tato e Diego Ibarra.

Aldea de San Vicente de Leira, en Valdeorras, na vaga de agosto de 2025 © Pedro Armestre - Greenpeace

Os premiados no concurso deste ano foron seleccionados entre máis de 53.000 fotografías de 141 países asinadas por 3.747 autores. A organización destaca que 31 dos 42 gañadores son profesionais naturais da rexión que documentaron. 

A Foto do Ano, aínda por anunciar, e o resto de gañadoras serán expostas nunha mostra itinerante de World Press Photo que percorrerá 60 localidades polo mundo a partir do vindeiro 24 de abril. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.