O paridoiro de Verín que a mobilización librou do peche asume agora partos de embarazadas de Ourense

Hospital comarcal de Verín, durante unha protesta polo peche do paridoiro CC-BY-SA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei

A poucos meses de que se fagan seis anos desde que o Sergas decidira pechar o paridoiro do hospital comarcal de Verín —que obrigaba as mulleres a unha viaxe dunha hora e uns 70 quilómetros para ir dar a luz a Ourense—, outra decisión de Sanidade fai que agora sexan varias as embarazadas que decidan trasladarse ao centro verinés desde a capital provincial para parir.

As condicións do inminente traslado do paridoiro do Materno Infantil a outro edificio do CHUO provoca que embarazadas opten por ir parir a Verín, cuxa sala de partos pechou a Xunta en 2019

Coma se dunha burla do destino se tratase, o polémico traslado previsto para os vindeiros días da área de partos do Materno Infantil ao edificio Cristal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) provoca que fosen abondosas as chamadas ao hospital de Verín de mulleres embarazadas consultando a posibilidade de parir alí. 

Polo menos dúas delas, residentes en Ourense pero con casa familiar na comarca de Monterrei, aproveitaron esta circunstancia para dar a luz no hospital comarcal de Verín ante os problemas de imperfectos e desprendementos que leva anos sufrindo o Materno Infantil —o último caso aínda o pasado mércores— e a "incerteza e inseguridade" que a área provisional para os partos que prepara o Sergas está a causar entre moitas mulleres. 

Estragos tras o último desprendemento no Materno Infantil de Ourense, o pasado mércores, nunha foto difundida por Arrolos de Teta CC-BY-SA Arrolos de Teta

"É certo que dúas mulleres, aproveitando que teñen a familia pola zona, decidiron parir aquí malia viviren en Ourense. Outras simplemente preguntan pero moitas acábano descartando pola importante distancia que hai ata capital", confirman fontes da área de Xinecoloxía e Obstetricia do hospital de Verín, que aseguran que tamén desde Xinzo —a medio camiño entre as dúas localidades— están a recibir chamadas de mulleres interesadas en ir dar a luz ao hospital comarcal en lugar de ao CHUO. 

Polo menos dúas mulleres residentes en Ourense aproveitaron que teñen casa familiar en Monterrei para ir parir a Verín: "Buscan certezas e seguridade"

"Hai bastantes mulleres que vivindo en Ourense deciden ir parir a Verín ou ao Salnés cando teñen dúbidas sobre as instalacións ou sobre que se respecte o plan de parto marcado; agora, con esta situación, hai máis mulleres interesadas e outras que directamente deciden trasladarse a Verín", confirma Parvati Devi, voceira da asociación de apoio á lactación materna Arrolos de Teta, un dos colectivos máis activos nas mobilizacións contra o traslado do paridoiro en Ourense. 

"No hospital comarcal de Verín tes asegurado un cuarto individual... Hai mulleres que non queren asumir riscos e, como é de entender, elixen un lugar onde saben como é a sala de partos, onde van ter un baño, van poder usar unha ducha, ter acceso a axudas non farmacolóxicas para a dor... Buscan certezas e seguridade", insiste. 

Colectivos, oposición e profesionais denuncian que as instalacións provisionais non garanten unhas "condicións dignas" de hixiene, intimidade e seguridade" ás embarazadas

Todas esas condicións, insiste Devi pero tamén outras moitas asociacións, partidos da oposición, sindicatos e profesionais sanitarios, non están garantidas na nova área de consultas e hospitalización pediátricas e obstétricas no CHUO. A través de mobilizacións e escritos ao conselleiro de Sanidade, á Valedora do Pobo e a dirección do hospital, todos eles pediron que estas instalacións provisionais ofrezan "condicións dignas" de "hixiene, intimidade e seguridade" para garantir a calidade asistencial e dereitos básicos das mulleres. 

Este vindeiro luns, a partir das 11:30 na porta do CHUO, haberá outra mobilización convocada por Arrolos de Teta, O parto é noso, a Marcha Mundial das Mulleres, Petra Maternidades Feministas, a Asociación Galega de Matronas e SOS Sanidade Pública. Insisten en que o espazo provisional non cumpre os requisitos mínimos e conta con numerosas "carencias": ausencia de sala de parto natural e bañeira de partos, separacións e pechamentos con láminas de alumino "que non gardan intimidade ningunha", dous baños "precarios" a compartir entre todas as mulleres en dilatación, parto e espertar, eivas na climatización e "falta de garantías e dereitos". 

Mulleres mobilizadas contra o traslado do paridoiro en Ourense CC-BY-SA MMM Galiza

Sen bañeira e con paneis de aluminio

Ante esta situación, os colectivos convocantes advirten da "ausencia total de resposta" por parte do Sergas malia as solicitudes formais de reunión e exixen "a paralización inmediata do traslado nas condicións actuais". Antes dese traslado, que se prevé inminente, piden "a apertura dun diálogo real e transparente co persoal do servizo e coas usuarias", a "garantía de "condicións estruturais, hixiénicas e humanas dignas para o parto e a atención neonatal" e, como mínimo, unha sala de parto natural, así como "a protección da saúde emocional das mulleres e dos seus dereitos asistenciais". 

A área sanitaria ourensá explica que o novo espazo provisional, que podería ser usado durante un ano ata a fin das obras no Materno, conta con cinco salas de dilatación separados con paneis de aluminio e portas corredío, unha ducha para todas as mulleres, un aseo compartido, un espazo para o espertar e dous quirófanos para posibles intervencións como as cesáreas. Tamén destacan a mellora na climatización e no uso de luz natural nunha área que, no entanto, carece dunha sala específica para o parto natural ou da bañeira que adoita empregarse para aliviar a dor durante as contraccións. 

Unha nova mobilización este luns pedirá "a paralización inmediata do traslado nas condicións actuais"

"Non imos deixar de mobilizarnos até garantir unhas condicións de traslado dignas para o paridoiro de Ourense", aseguran os colectivos convocantes dunha nova mobilización, que lembran a nova derruba dun falso teito acontecida este pasado mércores na segunda planta do Materno Infantil e que supuxo o cuarto incidente semellante desde 2023. Malia que foi nun espazo sen actividade, afectou o despacho dunha xinecóloga e volveu causar indignación entre as usuarias e as mulleres embarazadas que agardan a parir neste centro que xa está a trasladar as áreas achegadas á do último desprendemento ou na área provisional que non convence nin ás usuarias nin a profesionais que advertiron nun informe das súas eivas. 

Mobilización ante o CHUO, en Ourense CC-BY-SA MMM Galiza

Ante iso, o hospital comarcal de Verín recibe chamadas consultando a posibilidade de ir parir nas súas instalacións. As mesmas que o Sergas decidira pechar a finais de 2019. Daquela argumentara, entre outras cousas, a baixa natalidade para aludir despois a un suposto "risco" para os bebés e as nais pola "perda de experiencia" e "falta de pericia" dos profesionais, que recibiran con indignación aquelas palabras. A alternativa da xerencia da área sanitaria era un desprazamento para parir de máis dunha hora ao Materno Infantil da capital provincial, o que provocou unha mobilización social e profesional —e mesmo de figuras destacadas do PP na provincia— que acabou por facer recuar á Xunta, que reabriu o paridoiro a principios do mes de febreiro. Desde entón, máis de 500 crianzas naceron na capital da comarca de Monterrei. 

O Goberno galego, para xustificar aquel peche, mesmo aludira a unha recomendación do Ministerio de Sanidade da que obviaba as excepcións "por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade". Agora, cinco anos e medio despois da reapertura, son mulleres embarazadas de Ourense ou co parto previsto no CHUO as que buscan alternativa en Verín para, din, ter "certezas e seguridade" á hora de dar a luz. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.