Milleiros de docentes que non teñen praza fixa viven situacións moi diferentes, en función da duracións dos seus contratos, do destino concedido e de circunstancias persoais, pero comparten a incerteza, a inestabilidade e a precariedade
Non é doado ser mestre ou mestra substituta, tampouco ser interina. As e os docentes que non teñen praza fixa viven situacións moi diferentes entre si, en función da duracións dos seus contratos, do destino concedido e de circunstancias persoais, pero comparten a incerteza, a inestabilidade e a precariedade, ao non contar en moitos casos cos mesmos dereitos laborais que as súas compañeiras e compañeiros titulares. Tamén un certo sentimento de abandono.
Son moitas e moitos. O curso pasado a Consellaría de Educación deu a coñecer que máis do 9% do profesorado do ensino público en Galicia é interino -docentes sen praza pero con contrato durante todo o curso académico a xornada completa-, ao redor de tres mil profesionais, malia o obxectivo declarado da Xunta de reducir a taxa de interinidade total por baixo do 5% e mesmo por debaixo do 2%. Os substitutos e substitutas cóntanse tamén por miles.
A comunidade educativa e os sindicatos veñen reclamando un incremento do número de prazas de profesorado que permita mellorar a calidade do ensino e, ao tempo, regularizar a situación de moitas destas substitutas e substitutas. Porén, o número de docentes está por debaixo do que existía en 2009.
Aínda que traballen durante todo o curso ou a meirande parte del, son despedidas e despedidos o 30 de xuño, unha decisión adoptada pola Xunta que incumpre un acordo cos sindicatos que viña do ano 1995
A finais de outubro o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) denunciou un dos maiores agravios comparativos que sofren moitas substitutas e substitutos: aínda que traballen durante todo o curso ou a meirande parte del, son despedidas e despedidos o 30 de xuño, unha decisión adoptada pola Xunta hai uns anos, incumprindo un acordo cos sindicatos que viña do ano 1995. Deste xeito, perden case dous meses de contrato e de salario (xullo e os días correspondentes do mes de agosto) dos si goza o profesorado titular que traballou un tempo semellante ao longo do curso.
O STEG alerta da "situación extrema" que están a vivir moitas das substitutas e substitutos, detallando "problemas de saúde mental e ansiedade asociadas á falta de estabilidade e á obriga de teren que cambiar de destino varias veces por curso, coas dificultades engadidas en relación a atopar unha vivenda durante un tempo limitado, os custos de transporte así como as dificultades para conciliar a vida familiar e a laboral".
"O traballo de mestra é xa de por si moi estresante e para unha substituta aínda o é moito máis"
O STEG alerta da "situación extrema" de moitas das substitutas e substitutos, detallando "problemas de saúde mental e ansiedade asociadas á falta de estabilidade e á obriga de teren que cambiar de destino varias veces por curso, coas dificultades engadidas en relación á vivenda"
Ana Belén Paleo é profesora de Lingua e Literatura galega nun instituto da Coruña e leva sete anos sendo substituta, un tempo no que pasou por centros de Miño, Oleiros, Fene, Lugo ou Foz, entre outras localidades. No seu caso, di, ten a sorte de estar encadeando nos últimos cursos varias interinidades (está todo o curso no mesmo centro), debido a que no caso concreto de Lingua Galega está a haber un gran número de xubilacións, o que deixa moitas prazas vacantes.
En calquera caso, amósase moi crítica coas eivas e obstáculos que sofre o profesorado substituto, comezando polo feito, denunciado, de non cobrar os meses de verán. E tamén polas dificultades que atopa un docente que ten que incorporarse a un centro novo, sobre todo cando o curso xa está iniciado, coller de inmediato uns ritmos que xa están en marcha, xestionar un grupo de rapaces que non sempre trata ao profesorado substituto co mesmo respecto e atención que ao titular. "Temos que adaptarnos ao centro en pouco tempo, a unhas rutinas, a unha programación... O traballo de mestra é xa de por si moi estresante e para unha substituta aínda o é moito máis. A min cubrir cada baixa supoñíame un subidón de estrés e de ansiedade", di.
"Hai un estigma social cara aos interinos, sobre todo os que vamos tendo unha idade" que se deixa ver, di, nas propias oposicións", denuncia Ana Belén Paleo
Paleo critica, igualmente, o trato que algúns equipos docentes dan ao profesorado interino que chega a un centro de ensino: "a interinidade moitas veces é envelenada, ao que chega danlle os peores grupos ou as peores tarefas. Hai centros nos que teñen moita sensibilidade cos interinos, outros en absoluto".
Ana Belén Paleo alerta igualmente de que "hai un estigma social cara aos interinos, sobre todo os que vamos tendo unha idade" que se deixa ver, di, nas propias oposicións. "Sei que moita xente pensa non temos praza porque somos lacazáns, os tribunais mírannos con malos ollos. Pero a realidade é que hai moita xente que simplemente está moi queimada e moi farta de ir a oposicións e non sacar a praza", explica. E engade: "non queremos que nos regalen a praza, pero si pedimos que nos quiten os obstáculos que outros non teñen". Para a mestra, este estigma esténdese cara aos "sindicatos maioritarios" que, critica, "téñennos moi esquecidos aos interinos e substitutos, non nos apoian en absoluto, deixan de lado o persoal que está máis precarizado".
A mestra conclúe: "as substitutas e interinas estamos sostendo o sistema educativo, porque hai moitas prazas vacantes e ademais hai moitas baixas, porque o profesorado está sobrecargado" e alerta de que "estamos facendo este traballo en condicións de gran precariedade e inestabilidade".
"Ata que non saquen as prazas en función das necesidades reais, non se van poder estabilizar as persoas que estamos nas listas"
"Preparar as opos é moi difícil para as persoas que traballamos e máis aínda se temos que coidar nenos, nenas ou dependentes"
Iria Zaera non é interina, senón que ten que ir encadeando substitucións. Así leva dez anos e neste curso xa pasou por dous centros. É mestra de Infantil e aínda que é de Ribeira vive dende hai tempo en Arteixo. Neste momento traballa non colexio da Coruña.
Chama a atención sobre as grandes dificultades de conciliación, no seu caso con dúas nenas pequenas. Dado que a menor delas ten tres anos, isto permitiulle ata agora limitar á comarca da Coruña os centros para os que a podían chamar para realizar unha substitución, pero a partir do vindeiro curso, a limitación xeográfica mínima será provincial, de xeito que pode acabar traballando moi lonxe da súa casa, o que implicará grandes desprazamentos e aínda máis problemas de conciliación.
"As prazas son totalmente insuficientes en relación ás prazas vacantes e xubilacións. Ata que non saquen as prazas en función das necesidades reais, non se vai poder estabilizar as persoas que estamos nas listas", di Iria Zaera
Ademais da inestabilidade e incerteza inherentes á súa situación como substituta ("aínda que en principio che dixeran que ías estar un tempo determinado nun centro, sempre quedas a expensas de que a persoa se incorpore antes, nunca estás segura", Zaera denuncia tamén os problemas específicos das docentes que cobren as prazas de persoas con permiso por nacemento. Explica que as persoas titulares de praza poden ir axustando os seus días de permiso aos períodos lectivos e non lectivos (por exemplo desactivando a súa baixa cando chega o Nadal e reactivándoa cando se reinician as clases en xaneiro), o que axuda a nais e pais a estender o seu permisos de maternidade e paternidade, pero supón un gran prexuízo para as persoas que os substitúen. "O substituto queda totalmente vendido, con contratos intermitentes", di.
A estas dificultades, Zaera engade a difícil tarefa de acadar unha praza a través dos procesos selectivos que se convocan cada ano: as oposicións. "As prazas son totalmente insuficientes en relación ás prazas vacantes e xubilacións. Ata que non saquen as prazas en función das necesidades reais, non se vai poder estabilizar as persoas que estamos nas listas", di a mestra, que relata o "esgotamento" que supón preparar o exame todos os anos: "preparar as opos é moi difícil para as persoas que traballamos e máis aínda se temos que coidar nenos, nenas ou dependentes".
"Pasar por cinco ou seis centros distintos cada curso xa non é viable para min"
A sucesión de contratos, de centros e de localidades distintas polas que pasou neste tempo "afectoume moito a nivel de saúde mental, deixoume moi tocada", di Patricia Ares
Patricia Ares tamén é substituta e leva nove anos nesta situación, acumulando cada curso de pasa máis cansancio por unha situación de inestabilidade e de precariedade que non melllora. A sucesión de contratos, de centros e de localidades distintas polas que pasou neste tempo "afectoume moito a nivel de saúde mental, deixoume moi tocada", di.
De feito, para este curso optou por escoller un contrato de media xornada para deste xeito poder ficar durante todo o curso no mesmo centro e preto de Santiago, onde vive cos seus pais. "Prefiro isto, aínda que sexa a media xornada: poder estar nun mesmo centro ata final de curso, co mesmo grupo de alumnos, e máis ou menos preto da casa, sen ter que estar pagando unha pensión noutro lugar", di. "Pasar por cinco ou seis centros distintos cada curso xa non é viable para min", engade.
Patricia, profesora de Lingua e literatura castelá, confesa que está pensando en abandonar o ensino e que, de feito, xa está a procurar outras opcións. "Isto non vai cambiar, non vai mellorar, senón que vexo que está indo a peor", di. "Vendo o que vexo cada día, non é un sector no que queira traballar. E iso que me gusta ensinar, gústame a docencia, pero é que o que menos facemos é docencia, alertando dunha relación cada vez máis difícil co alumnado", engade. Para esta profesora, "non ten sentido estar no paro todos os veráns e ter que pedir cartos á túa familia para poder ir traballar a outro lugar". Neste momento, "non me podo permitir ter unha estabilidade, non podo permitirme nada", resume.
Máis "estabilidade" para poder "facer plans ou organizar a miña vida"
"Ás veces chámante un martes e o mércores ás 8 da mañá tes que estar na outra punta de Galicia: vas traballar, rematas o teu horario e pola tarde tes que dedicarte a buscar un piso de alugueiro"
Óscar Polo é mestre de Primaria, na especialidade de Educación Física, e leva cinco anos facendo substitucións. No seu caso, foron maioritariamente substitucións de curta duración (en varios centros en cada curso, polo tanto) e habitualmente lonxe do seu lugar de residencia, A Coruña. "Percorrín toda Galicia e a verdade é que ata agora tiven bastante mala sorte e os destinos sempre me tocaron lonxe da casa", di.
Esta situación provócalle grandes dificultades para facer unha vida normal e tamén a nivel económico. Ou ben ten que gastar tempo e diñeiro en facer grandes desprazamentos cada día, ou ben ten que quedar a durmir na localidade que lle tocou en sorte, cun desembolso aínda maior de cartos, ademais das crecentes dificultades para atopar algún lugar. "Ás veces chámante un martes e o mércores ás 8 da mañá tes que estar na outra punta de Galicia: vas traballar, rematas o teu horario e pola tarde tes que dedicarte a buscar un piso de alugueiro para unhas semanas ou un hostal para uns días, e coa incerteza de que moitas veces non sabes canto vas quedar nese centro de ensino", explica. "É unha constante incerteza e, ademais, un dobre gasto, porque tes que seguir pagando o alugueiro da túa casa, no meu caso na Coruña", engade.
"Cada 15 días teño que cambiar a miña vida completamente: un lugar distinto, distintos horarios, un grupo de compañeiros e de alumnos distinto... Tes que acostumarte, porque doutro xeito pode ser moi duro mentalmente"
O que Óscar Polo máis bota de menos é a "estabilidade" para poder "facer plans ou organizar a miña vida". "Cada 15 días teño que cambiar a miña vida completamente: un lugar distinto, distintos horarios, un grupo de compañeiros e de alumnos distinto... Tes que acostumarte, porque doutro xeito pode ser moi duro mentalmente", di.
Polo amósase moi crítico co actual sistema de oposicións, "inxusto e moi subxectivo" e reclama que debería terse máis en conta o que eles fan no día a día das clases. Denuncia, ademais, os atrasos nos pagamentos da nómina que sofren moitos substitutos que non comezan a traballar antes do día cinco de cada mes, e a imposibilidade de cobrar entre xuño e outubro ("ves que compañeiros doutras comunidades si que cobras o verán").
Finalmente, pon en valor a importancia a e dificultade do traballo que realiza o profesorado. "Sempre se di que os mestres vivimos moi ben -'traballades de nove a dúas e tedes dous meses de vacacións', dise. Pero habería que ver a moita xente xestionando en solitario 25 nenos e nenas todos os días", destaca. E advirte: "os substitutos somos importantes, sen nós non fucionaría o sistema educativo. Se chegásemos a facer unha folga, o efecto sería tremendo".
"Hai que reducir a 18 as horas lectivas para estabilizar máis persoal"
"A sensación de abandono é xeneralizada entre boa parte do persoal substituto e interino. E todo parte da creación por parte da Consellaría destas categorías de docentes de primeira e docentes de segunda"
Miguel Paz Cabo é tamén profesor interino, pero neste momento é liberado sindical polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), onde é Secretario de Organización. Ao igual que as outras docentes coas que falamos, advirte da "sensación de abandono" que ten este colectivo: "penso que esta sensación é xeneralizada entre boa parte do persoal substituto e interino. E todo parte da creación por parte da Consellaría destas categorías de docentes de primeira e docentes de segunda", di.
O representante do STEG é ademais o primeiro interino que consegue unha liberación sindical, unha posibilidade que ficara bloqueada no ano 2012 co decreto de racionalización do gasto público que recortou dereitos laborais e sindicais e que ficou derrogado en 2019. "Con isto búscase que quen somos a parte máis precaria do ensino público teñamos ferramentas de loita, porque se non podes participar activamente no sindicato, estás moi vendido", destaca.
"Noutras comunidades os substitutos que traballan máis de cinco meses si cobran o verán", di Miguel Cabo, que alerta de que o que sucede en Galicia "traslada a idea de que o traballo docente acaba en xuño". "Quen avalía, entón? Quen organiza o curso que vén?", pregúntase
Paz Cabo incide na necesidade de que os funcionarios interinos e substitutos conten cos mesmos dereitos que o resto de docentes, compañeiros e compañeiras nos centros de ensino, que realizan en moitos casos o mesmo traballo durante todo o curso. Comezando pola necesidade de que os seus contratos non se dean de baixa ao chegar o 30 de xuño. "Noutras comunidades autónomas os substitutos que traballan máis de cinco meses si cobran o verán", lembra, e alerta de que a discontinuidade que introduce a Consellaría de Educación "traslada a idea de que o traballo docente acaba en xuño". "Quen avalía, entón? Quen organiza o curso que vén?", pregunta.
Tamén alerta dunha situación que se está a dar precisamente este días previos ao Nadal, sinalando que cando menos unha semana antes das vacacións a Consellaría de Educación deixa de chamar substitutos para cubrir as baixas que se producen entre o profesorado. "Isto significa que as persoas nos primeiros postos nas listas de substitución xa saben que non van traballar entre o 15 de decembro ata despois de Reis. E tamén significa que estes días en moitos centros haberá rapaces e rapazas sen mestre. E todo por aforrar", denuncia.
"O regreso ás 18 horas lectivas levaría a un aumento da do cadro de persoal e polo tanto a unha estabilización para moitos docentes e, ademais, contribuiría a unha mellora da calidade educativa", di Miguel Paz
Paz Cabo lembra, así mesmo, que o profesorado interino e substituto sofre "un grave problema de vivenda". "Un docente que se despraza a un centro lonxe do lugar onde vive normalmente está pagando dous alugueiros e todo no contexto actual de dificultades para acceder a un piso de alugueiro e con prezos disparados", explica. "Ten que haber solución habitacional por parte da Consellaría, ao igual que antes existían as casas do mestre. Hai ferramentas e a Xunta debe actuar", salienta.
Miguel Paz fai fincapé, sobre todo, na necesidade de que a Xunta incremente o número de prazas de profesorado, comezando polas moitas "interinidades que en realidade son estruturais". "Iso hai que solucionalo e estabilizar ese persoal", di. Tamén incide, ao igual que outros sindicatos, na recuperación das 18 horas de traballo lectivo (na actualidade son 20 horas) que eran a referencia no ensino secundario cando o PP se fixo co Goberno da Xunta no ano 2009. O representante do STEG lembra que outras comunidades si que reduciron a 18 as horas lectivas máximas do profesorado e que en Euskadi mesmo baixaron a 17 horas.
"Isto levaría a un aumento da do cadro de persoal e polo tanto a unha estabilización para moitos docentes e, ademais, contribuiría a unha mellora da calidade educativa", di. "Pero semella que a Consellaría non o contempla, así que nos toca a nós "facer presión para que muden o rumbo". "Esa é a clave: traballar mellor, traballar todas e para que o alumnado reciba unha atención de calidade", resume.