Desde a ONG Igaxes manteñen que os recursos melloraron, pero reivindican "moita máis prevención" para evitar que determinados casos se "cronifiquen"
"O que máis nos preocupa, que é o que máis vemos no día a día, son as autolesións. Ademais, estamos vendo que aumenta a apertura de protocolos por parte dos centros educativos por risco suicida e tamén por acoso. Pensamos que todo isto realmente existiu sempre, pero que se volveu máis visible desde a COVID, porque as persoas estamos máis concienciadas e se destinaron máis recursos", explica a psicóloga da ONG Igaxes Cristina Allo, que este xoves participou na I Xornada Internacional de Reflexión: Coidar a saúde mental. Coidando a profesionais e mocidade en risco, que organizou a entidade.
A psicóloga salienta que entre a poboación infanto-xuvenil se están dando "problemáticas que antes non eran tan habituais". Igaxes traballa directamente con centros educativos, ademais de con entidades en rede, cos servizos sociais e co Sergas polo que ten unha visión moi ampla da situación. "Nunca pensamos que unha autolesión é unha chamada de atención", asegura Cristina Allo. "É un recurso que teñen para xestionar un malestar emocional. Aínda que é certo que nos últimos anos houbo un auxe que non sabemos se pode estar influenciado en parte polas redes sociais, ou mesmo por algunha serie, si que temos claro que esta idea xorde como un intento de alivio dun malestar que existe", argumenta.

Desde Igaxes manteñen que os recursos melloraron, pero reivindican "moita máis prevención" para evitar que determinados casos se "cronifiquen". "Resulta fundamental que haxa unha boa coordinación entre os diferentes recursos que hai no sistema porque a demanda é moi alta e non podemos permitirnos duplicar actuacións. Necesitamos axudar mellor, para iso precisamos máis recursos, por suposto, pero tamén organizar mellor as actuacións e empregar un enfoque multidisciplinar. En Igaxes non só estamos as psicólogas, tamén traballamos con educadoras e traballadoras sociais para abordar os casos dunha maneira máis ampla", conta Cristina Allo.
"Buscamos axudar a persoa na área laboral, emocional e familiar", di a psicóloga de Igaxes, que destaca o éxito da abordaxe en grupo en moitos dos casos
"O que buscamos é axudar a persoa na área laboral, emocional e familiar; nese círculo que pode estar influíndo nela. Intentamos personalizar a demanda ou a necesidade que teña e seguir o ritmo que precise, facendo un acompañamento", engade. Neste sentido, a psicóloga sinala que antes apostaban por terapias máis individuais, pero que están comprobando que unha vez identificados os casos, funciona de maneira existosa unha abordaxe en grupos con casos afíns.
"É necesario que todo mundo coopere. Temos observado moitos casos que empezamos intervindo de maneira individual porque son persoas maiores de idade, pero se o resto das persoas da súa familia ou as persoas coidadoras son tamén partícipes vemos que esa colaboración fai que a persoa mellore moito porque estamos incidindo en todo o que a rodea", destaca Allo.

Tendo moi presentes as vulnerabilidades da mocidade tutelada, a psicóloga de Igaxes tamén pon o foco na mocidade en risco de exclusión social que está coas súas familias, mais en contextos onde os pais e nais non dispoñen de tempo para dedicarlles a atención que precisan.
"Imaxinemos o caso dun mozo cuns pais que están traballando moito e teñen pouco tempo para el, en cambio hai outro rapaz que ten aos seus pais máis tempo na casa, cuns traballos mellores e que se sinten máis integrados na sociedade; pois iso tamén lle vai beneficiar ao seu fillo ou filla. Isto non quere dicir que o primeiro mozo vaia ter problemas emocionais asegurados, nin quita que o segundo, polas súas características individuais, acabe desenvolvendo algún tipo de dificultade a nivel psicolóxico; pero ao final a precariedade laboral nas familias afecta e hai que tela en conta", detalla a psicóloga de Igaxes Cristina Allo.
Igaxes aposta por programas de prevención estruturados nas aulas coa mocidade e obradoiros con grupos de pais e nais
En Igaxes consideran que hai recursos accesibles, pero inciden nas actuacións preventivas coa mocidade como vía para lograr que non acaben desenvolvendo patoloxías psicolóxicas severas. "Penso que avanzamos moito e que os mozos e mozas teñen accesibilidade á atención da saúde mental, pero creo que a dificultade está en dar ese primeiro paso. Ti podes saber a onde acudir, pero todas esas emocións que estás sentindo antes de pedir axuda poden facerche sentir un bloqueo que non che permita pedila", apunta Allo.
"Podes coñecer os recursos, pero se non fixemos unha prevención seguramente esa persoa non chegue a facer uso deles se non é cunha supervisión por parte dos centros educativos ou por parte dos servizos sociais comunitarios", asevera a psicóloga, que aposta por programas de prevención estruturados nas aulas coa mocidade e, por outra banda, obradoiros con grupos de pais e nais.