O Sindicato de Maquinistas considera "inadmisible esta situación de deterioro constante do ferrocarril" e demanda "que se garanta a seguridade e fiabilidade da rede"
O Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) anunciou este mércores, tras un novo descarrilamento mortal, agora en Catalunya, que convocará folga xeral en todo o sector "coa fin de demandar que se garanta a seguridade e fiabilidade da rede". O sindicato considera "inadmisible esta situación de deterioro constante do ferrocarril".
Tras o descarrilamento e choque de dous trens de alta velocidade o domingo pola tarde en Adamuz, Córdoba, no que o principal foco da investigación está posto nas vías, este martes, no medio de malas condicións climáticas, un tren de Rodalies chocou na provincia de Barcelona contra un muro de contención que caera na vía. Morreu o maquinista do tren e cinco persoas resultaron feridas de gravidade.
No accidente de Adamuz entre as 42 persoas falecidas ata o momento tamén se atopa o maquinista do tren Alvia que chocou contra o Iryo previamente descarrilado. "Todos os integrantes de Semaf estamos devastados e consideramos inadmisible esta situación de deterioro constante do ferrocarril. Han de implantarse diferentes medidas con urxencia na nosa rede que garantan a integridade de profesionais e usuarios", di o comunicado do sindicato.
O Semaf vai "esixir responsabilidade penal ás persoas encargadas de garantir a seguridade na infraestrutura ferroviaria"
O sindicato di que "como medidas iniciais para corrixir a situación da rede ferroviaria estatal" vai "convocar folga xeral en todo o sector para dar legalidade e amparo ás mobilizacións das persoas traballadoras e usuarios, coa fin de demandar que se garanta a seguridade e fiabilidade da rede". Tamén vai "esixir responsabilidade penal ás persoas encargadas de garantir a seguridade na infraestrutura ferroviaria", que se paralice a rede en caso de situación meteorolóxicas que non garantan a súa seguridade e que adapte a marcha dos trens ás condicións reais de explotación da infraestrutura.
Semaf tamén di que "debido á carga emocional motivada por todos os sucesos, recomendamos a quen non se atopen en disposición de prestar servizo o comuniquen ao seus responsables".