O Tribunal Superior avala o despedimento dun condutor escolar que enviou mensaxes "absolutamente inapropiadas" a varias menores

Un rapaz sobe a un autobús CC-BY-SA Ana Varela/Xunta

A sentenza revoga a resolución dun xulgado da Coruña que ordenaba á empresa readmitir ao condutor ou abonarlle unha indemnización

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera procedente o despedimento dun condutor de autobús dunha ruta escolar da Coruña que se comunicou "de maneira innecesaria e impropia", a través de mensaxes por WhatsApp, ou incluso por teléfono, con varias das rapazas de entre 13 e 15 anos que utilizaban o servizo de transporte. 

A sentenza do alto tribunal galego revoga a resolución do Xulgado do Social número 6 da Coruña na que ordenaba á empresa readmitir ao condutor ou abonarlle unha indemnización de 32.000 euros por despedimento. Os maxistrados do TSXG entenden que a actuación da empresa é lexítima, axustada a dereito e proporcional, debido á "concorrencia de culpabilidade e gravidade suficiente" dos feitos xulgados. 

Identificación do transporte escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Tribunal Superior considera que a conduta do traballador "denota transgresión da boa fe contractual" e xustifica a perda de confianza da empresa, "tendo en conta o seu comportamento (inaceptable, tanto xurídica como eticamente) con varias persoas menores de idade". Ademais, a Sala do Social advirte de que, neste caso, se debe ter en conta "o necesario coidado e atención, así como a especial protección, que merecen os menores de idade fronte a inaceptables mostras de confianza por persoas alleas ao seu círculo máis íntimo, persoal e familiar".

A sentenza relata que o condutor, que demandou á empresa polo seu despedimento, traballaba desde o ano 2006 para a compañía e foi despedido en 2020, e que a pesar de que os condutores do servizo de transporte escolar "non teñen os teléfonos dos usuarios ou dos seus pais (nin a necesidade de procuralos)", chegou a comunicarse con varias das menores que viaxaban no seu autocar ao colexio  mediante mensaxes a través da aplicación WhatsApp. 

"Non é aceptable que unha compañía de transporte escolar manteña entre os seus condutores a unha persoa que chega a tal grao de confianza con persoas menores", di a sentenza

Neste sentido, na súa resolución destacan que o condutor escolar utilizou "expresións absolutamente inapropiadas" coas menores e que chegou, mesmo, "a chamalas aos seus domicilios particulares". Para os maxistrados este comportamento "constitúe un incumprimento grave e culpable dos deberes laborais e unha inaceptable transgresión da boa fe do actor, vulnerando así a necesaria confianza ética e profesional que debe existir entre a empresa e os seus traballadores, que nesta ocasión alcanza especial relevancia á vista das persoas alleas á empresa involucradas".

Os xuíces insisten en que a actuación do traballador acredita "de maneira manifesta" a quebra da necesaria confianza ética que debe rexer as relacións de traballo, e aseguran que "non é aceptable que unha compañía de transporte escolar manteña entre os seus condutores a unha persoa que chega a tal grao de confianza con persoas menores, que esixen un nivel de protección e confianza adecuada á súa idade".

Un autobús urbano da cidade da Coruña © Concello da Coruña

Os xuíces consideran probado que "aproveitou a súa posición na compañía para levar a efecto un achegamento persoal a menores"

Ademais, a actuación "social e moralmente reprochable" deste condutor podería chegar "a supoñer a implicación da empresa", segundo describe a sentenza, á vez que destaca que o traballador "aproveitou a súa posición na compañía para levar a efecto un achegamento persoal a menores de idade, mediante un comportamento irregular e, aínda que non sancionable penalmente, si laboral e socialmente reprensible".

Pese a revogar a resolución inicial do Xulgado do Social número 6 da Coruña, o alto tribunal galego si coincide coa maxistrada de primeira instancia ao descartar que a compañía ou a xefa de persoal lesionasen o dereito á honra do condutor. Aínda que considera acreditado que a empregada lle manifestou, en presenza de dous representantes dos traballadores, que para ela era "un depredador sexual de libro", a sentenza recolle que as expresións proferidas "se deben contextualizar no momento en que se mantivo a conversación", que foi "inmediatamente despois de recibir a denuncia dunha traballadora da empresa" relacionada coa súa actitude fronte a menores. Contra esta sentenza cabe presentar recurso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.