O XXVI Premio Reimóndez Portela galardoa as entrevistas sobre os 40 anos do Estatuto publicadas en Praza.gal por David Reinero

Manuel Reimóndez Portela (A Estrada 1916-1994), presidente da comisión que elaborou o Estatuto dos 16 © Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada

O premio xornalístico en lembranza do médico e político estradense que presidiu a elaboración do Estatuto dos 16 recoñece as conversas con Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo, Teresa Táboas e Agustín Hernández publicadas durante o pasado agosto
 

O XXVI Premio Xornalístico Reimóndez Portela vén de ser outorgado polo seu xurado á serie de cinco entrevistas elaboradas polo xornalista de Praza.gal David Reinero sobre o que mudou Galicia desde a aprobación do Estatuto de Autonomía hai 40 anos. Baixo o denominador común Galicia 1981-2021, as conversas con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo Galicia neste tempo (Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo, Teresa Táboas e Agustín Hernández) publicáronse nas fins de semana do pasado mes de agosto.

O premio xornalístico que organiza cada ano a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, o Concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra lembra a figura de Manuel Reimóndez Portela (A Estrada, 1916-1994), médico e político que presidiu pola UCD a comisión que elaborou o coñecido como Estatuto dos 16, anteproxecto elaborado en 1979 do Estatuto de Autonomía finalmente aprobado en 1981. Reimóndez Portela con varios libros escritos sobre a súa vila e o seu patrimonio cultural, tamén foi alcalde da Estrada nos anos oitenta.

Libro de Reimóndez Portela sobre o Estatuto dos 16 © Editorial Galaxia

O premio de xornalismo na súa homenaxe recoñece cada ano o mellor traballo ou serie de ata cinco traballos que se presenten a concurso de entre todos os publicados en lingua galega en calquera medio de comunicación escrito. Está dotado con mil euros e a cerimonia de entrega deste ano realizarase ao longo do mes de decembro, en data e lugar aínda por concretar. 

A serie de entrevistas premiada este ano pretendía achegar cinco visións sobre as transformacións non só políticas senón da sociedade galega en xeral desde a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981 a través de conversas con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto, electos pola cidadanía.

Pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade, as persoas entrevistadas axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia. Esta imaxe compleméntase co podcast Retrocorenta, unha produción de Praza.gal e VINTE que ao longo deste ano está a facer un exercicio de memoria colectiva.

CC-BY-NC-SA Foto: Arquivo Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.