O'Mega suspende a folga médica tras pactar co Sergas "un cambio estrutural nas relacións laborais"

O conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, no acto de benvida ao persoal médico residente da área sanitaria da Coruña, en 2025 CC-BY-SA Sergas

Novo escenario para o conflito médico en Galicia. A Consellería de Sanidade e O'Mega alcanzaron na noite deste pasado xoves un acordo para poñer fin á folga, recuperar as peonadas que moitos se negaban a facer e aliviando as listas de espera e o colapso que semanas de paro provocaron no Sergas. 

O pacto, aínda que non abrangue os paros previstos a nivel estatal, si supón a suspensión da folga convocada en Galicia e das medidas de presión, como a negativa de moito persoal a levar a cabo estas actividades extraordinarias voluntarias para reducir as listas de espera, especialmente en cirurxía. Tamén se desconvocan os paros previstos neste mes de maio.

Protesta convocada por O'Mega en Vigo CC-BY-SA O'Mega

O acordo supón recoñecer a singularidade do persoal médico e abrir un ámbito de negociación propio; O'Mega presume dun "cambio estrutural"

O acordo "histórico", tendo en conta as explicacións de O'Mega, supón que o Sergas se abra a recoñecer a singularidade da profesión médica e facultativa e acorde unha negociación e normativa propia para este persoal, medidas que os sindicatos médicos levan reclamando tempo, tamén no que ten que ver cun estatuto marco propio a nivel estatal que sempre negou o Ministerio de Sanidade. 

Así, O'Mega presume do "cambio estrutural no modelo de relacións laborais do persoal facultativo do Sergas" que supón este pacto que "recolle as principais demandas" da organización gremial, entre elas abrir con este colectivo unha vía de negociación para melloras as súas condicións laborais, incluídos os MIR (médicos residentes). 

O acordo inclúe a aplicación "inmediata" da xornada ordinaria de 35 horas semanais e a apertura de conversas para, en nove meses, aprobar unha regulación das horas extras que logre que sexan voluntarias nun prazo de cinco anos. 

O pacto supón aplicar xa a xornada de 35 horas semanais, mellorar o descansos tras as gardas e incrementos retributivos nas horas extras e en complementos, tamén para os MIR

Segundo O'Mega, o Sergas acordou coa organización gremial un incremento progresivo dos prezos destas horas extras para equiparalas ás horas ordinarias en tres anos, cun incremento do 40% en 2027 e dun 30% en cada un dos exercicios 2028 e 2029. Neste ámbito, o acordo inclúe a "garantía dun descanso compensatorio suficiente" tras as gardas e o compromiso de negociar en medio ano a exención destas para os maiores de 55 anos.

Persoal médico no centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo o pasado 20 de marzo © O'Mega

No pacto entre Sergas e O'Mega inclúese o incremento do 2,5% do complemento de produtividade variable e subas do 20% en 2027 e doutro 20% en 2028. Tamén a intención de "adecuar o salario de médicos e facultativos á contorna da OCDE" e a creación dun grupo de traballo para "reordenar a actividade asistencial estrutural realizada en xornada de tarde", en referencia ás peonadas

Ata 120 euros máis ao mes para os MIR

A acta asinada na noite do xoves supón tamén beneficios para os MIR, con máis gardas remuneradas e con complementos retributivos mensuais de 75, 100 e 120 euros en cada un dos próximos tres anos desde 2027 para "mellorar a competitividade e a capacidade de captación e fidelización de profesionais médicos para Galicia". 

"O acordo beneficiará a práctica totalidade dos profesionais do Sergas", di O'Mega, que celebra pór fin "a un conflito do que médicos e usuarios eran so principais prexudicados". Ademais, a organización gremial "apela" agora ao Ministerio de Sanidade para que "afronte coa mesma capacidade de diálogo o conflito derivado da súa negativa a aceptar a redacción dun estatuto marco propio para médicos e facultativos de toda España e faga posible pór fin ao único conflito que aínda permanece aberto na sanidade pública española". 

O paro de catro días ao mes convocado a nivel estatal polo estatuto marco segue vixente en Galicia

De feito, advirte tamén O'Mega, o paro de catro días ao mes convocado a nivel estatal polo estatuto marco segue "vixente" malia ser a única folga médica que segue en pé en Galicia. Nos últimos meses, milleiros de consultas foron suspendidas por mor dos diferentes paros convocados por este sindicato, tanto na atención primaria como nos hospitais, unhas suspensións que impactaron moito nas listas de espera, ao igual que a negativa a facer peonadas por parte de moito persoal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.