Seguindo o ronsel aberto polo Agrocuir de Monterroso naceron outras iniciativas, dende Laza a Espasante, pasando por Ribadumia ou Moaña, colectivos e eventos que visibilizan as persoas LGBTI pero tamén defenden o patrimonio natural ou loitan contra o despoboamento
Segue a ser difícil ser unha persoa LGBTI no rural? É máis doado saír do armario nunha cidade? Segue a haber agresións, burlas, acoso...? En que medida son importantes os colectivos, eventos e espazos que visibilizan a existencia, tamén fóra da Galicia urbana, destas realidades? Nos últimos anos foron xurdindo diferentes iniciativas fóra da cidade que traballan neste sentido. Festivais e romarías, fundamentalmete lúdicas pero tamén reivindicativas, espállanse pola xeografía, dende Monterroso a Laza, de Cedeira a Ribadumia, Ortigueira ou Moaña.
O Proyecto Hortensia publicou a pasada semana un mapa de iniciativas LGBTI rurais que baixo o título de Plumas de Pueblo recolle ducias de experiencias en marcha en todo o Estado. En Galicia son sete: o Festival Agrocuir da Ulloa (Monterroso), a Festa da Diversidade de Moaña, a Ruada das Gotas (Ribadumia), a romaría Ponte Farruca (Laza), o Porco Pride de Espasante (Ortigueira), o colectivo Mestas LGTBIQ+ (Cedeira) e o espazo comunitario Sete Outeiros da Ribeira Sacra (Monforte).
O Festival Agrocuir da Ulloa (Monterroso), a Festa da Diversidade de Moaña, a Ruada das Gotas (Ribadumia), a romaría Ponte Farruca (Laza), o Porco Pride de Espasante (Ortigueira), o colectivo Mestas LGTBIQ+ (Cedeira) e o espazo Sete Outeiros (Monforte), son algunhas das iniciativas
Pódese dicir que todo comezou co Festival Agrocuir da Ulloa. No ano 2014 un grupo de veciños e veciñas de Monterroso puxeron en marcha un festival agrogay (en 2017 mudou a súa denominación) coa finalidade de "reivindicar a diversidade sexual e de xénero no rural" e de visibilizar estes colectivos pero, ademais, unindo este obxectivo con outras reivindicacións, como a defensa do bosque autóctono, a loita contra o despoboamento do rural, a recuperación da memoria ou a posta en valor do patromonio material e inmaterial da comarca. Nos últimos anos, ademais, coa oposición á instalación da macrocelulosa de Altri.
O Colectivo Agrocuir da Ulloa comezou cun pequeno grupo de amigos e amigas, de diversas procedencias e sen experiencia profesional na xestión de festivais. Dende entón o colectivo foi crecendo "grazas a persoas que cambiaron a cidade polo rural, para habitalo e apostar por un modo de vida máis consciente e vinculado ao territorio"
Co paso dos anos o Agrocuir foi gañando impacto en toda Galicia, convertida "nunha iniciativa de empoderamento comunitario que contribúe a rachar con estigmas existentes sobre o rural"
Co paso dos anos o evento foi gañando impacto en toda Galicia, conseguindo que o Agrocuir se vaia "convertendo nunha iniciativa de empoderamento comunitario que contribúe a rachar con estigmas existentes sobre o rural". Teatro, música, obradoiros, baile, deporte, cine, performance..., un amplo abano de actividades repartidas en dúas ou tres intensas xornadas festivas, con entrada de balde, que amosan "o potencial do rural para establecer novas formas de vida e modelos de sociedade".
"Hai anos unha amiga preguntoume que por que había tantas lesbianas en Monterroso. E eu díxenlle que non pensaba que houbese moitas máis lesbianas en Monterroso que noutros lugares, senón simplemente que eran visibles e por iso parecía que había moitas". Esta testemuña dunha das organizadoras do Agrocuir amosa a importancia da visibilización das persoas LGBTI, especialmente fóra das zonas urbanas. E a importancia, polo tanto, de iniciativas como este festival. A undécima edición do Agrocuir celebrarase en Monterroso os vindeiros 21, 22 e 23 de agosto.
En Laza, Ponte Farruca, unha romaría para celebrar a diversidade e o orgullo rural
"Un grupiño de xente de Laza fomos alí, xa que era o festival máis importante dos que se facían en Galicia e agora case podemos dicir que é a nai de todos os orgullos rurais que se están a organizar”, destaca Xacobo García
O Agrocuir da Ulloa abriu camiño. Así o recoñece Xacobo García, un dos organizadores de Ponte Farruca, unha romaría que dende hai cinco anos se celebra en Laza, impulsada pola asociación A.C. Enlazados, un colectivo local comprometido coa dinamización cultural e social do rural, e que reivindica igualdade, diversidade sexual e de xénero no rural ourensán mediante música, teatro, talleres e cultura popular.
A asociación leva dez anos en marcha, realizando actividades, pero a romaría foi posterior e naceu hai cinco anos, inspirada precisamente polo Agrocuir. "Un grupiño de xente de Laza fomos alí, xa que era o festival máis importante dos que se facían en Galicia e agora case podemos dicir que é a nai de todos os orgullos rurais que se están a organizar”, explica Xacobo. "Ao ver o que organizaban alí dixemos: 'Que envexa que nunha aldea monten esta festa, que consegue que todo o mundo o respecte e o admire. Por que non podemos facer nós algo semellante?'. Debería haber un Agrocuir en todas as aldeas. Así naceu Ponte Farruca”, engade.
Ademais de celebrar a "diversidade sexual e de xénero", Ponte Farruca procura igualmente "reivindicar o orgullo e a identidade rural, visibilizando a riqueza cultural do rural galego, combatendo estereotipos e contribuíndo á loita contra o despoboamento"
Ponte Farruca comparte moitas das súas características e obxectivos co seu festival nai, o Agrocuir. Ademais de celebrar a "diversidade sexual e de xénero", a romaría procura igualmente "reivindicar o orgullo e a identidade rural, visibilizando a riqueza cultural do rural galego, combatendo estereotipos e contribuíndo á loita contra o despoboamento". Así mesmol quere "dinamizar a cultura local, ofrecendo unha programación diversa que combina tradición e vangarda, apoiando a artistas emerxentes e promovendo a participación interxeracional".
O Ponte Farruca é unha romaría pensaba para todas as idades e tamén para familias, incluíndo unha programación de actividades multidisciplinares, como música, obradoiros, actividades infantís, feira de artesanóa e cinema, "para promover a convivencia, a aprendizaxe e demostrar o potencial do rural para establecer novos modelos de sociedade".
O Ponte Farruca non é só festa: é tamén unha forma de construír comunidade, un lugar onde se promoven a igualdade, a diversidade e a sostibilidade a través do diálogo, a escoita e o ocio"
Con ese obxectivo, celébrase o Ponte Farruquiña, unha experiencia teatralizada para as máis pequenas e pequenos ao redor da igualdade e o papel da muller no rural. "O Ponte Farruca non é só festa: é tamén unha forma de construír comunidade, un lugar onde se promoven a igualdade, a diversidade e a sostibilidade a través do diálogo, a escoita e o ocio".
A edición 2026 do Ponte Farruca celebrarase en Laza os días 28, 29 e 30 de agosto. O pasado ano contou coas actuacións das Tanxugueiras, Alana ou Unto Vello e para este ano están xa confirmados os nomes de Xosé Lois Romero & Aliboria, VarioSantos, Svetlana, Dulzaro ou os portugueses Largo de Cumbia. Para financiar a súa organización ten en marcha unha campaña de micromecenado a través da plataforma Goteo coa que busca obter un mínimo de 4.631 euros (e, se pode ser, algo máis: 8.982 euros). De momento, a iniciativa acadou 3.980 euros.
Xacobo García explica que "de entrada fomos con moito coidado, tentando que ninguén se escandalizase. Queríamos que fose, ante todo, unha festa, pero que tamén fose reivindicativa". "O evento ten a finalidade de unir pois na romaría xúntanse persoas moi distintas e diversas", engade. Salienta, ademais, que "a asistencia e a participación foi medrando ano a ano, ademais sempre con boas reaccións e críticas". "Todo isto foi un orgullo para nós", remata.
Dende Laza, Xacobo destaca que para unha persoa LGBTI que vive no rural, como é o seu caso, "o día a día segue a ser máis difícil que nunha cidade". "Esa é a miña vivencia como persoa gai que naceu, medrou e vive no rural. Pero ao mesmo tempo teño que dicir que non tiven os problemas que tería, por exemplo, hai unhas décadas", sinala.
"Seguramente non é unha cousa que, de primeiras, se poida dicir abertamente, pero despois asúmese máis ou menos con normalidade. É certo que sempre vas escoitar algún murmurio, palabras..., tamén algunha ollada estraña. Ao cabo, isto é unha aldea rural na que a xente, maioritariamente, é maior", comenta. "Porén, ao cabo, vaise camiñando cara a unha normalización", engade.
Outras iniciativas LGBTI no rural galego
Ruada das Gotas: Evento cultural e festivo impulsado pola asociación Gotas, colectivo do Salnés "que traballa durante todo o ano pola diversidade afectiva, sexual e de xénero". A Ruada das Gotas, que celebrou a súa última edición hai uns días (o 20 e o 21 de xuño) na Praza do Concello de Ribadumia, con concertos (Sheila Patricia, El Nido, Maricarme, O Xoán...), un Xantar Diverso, obradoiros, contacontos, animación infantil, a lectura dun manifesto e mesmo un partido de fútbol a favor da diversidade e en contra da homofobia no deporte.
Festa da Diversidade de Moaña: Trátase dun encontro comunitario que celebra a diversidade LGTBIQ+ mediante música, cultura, charlas, foliada e actividades participativas no espazo público. A última edición tamén se celebrou hai unhas semanas, o 31 de maio e o 1 xuño, no Arboredo da Xunqueira. Na programación destacan os concertos (Montedapena), pero tamén unha feira de artesanía, as Queer-Olimpiadas e sobre todo unha foliada popular e a xa tradicional Gala Drag Rural.
Porco Pride: Festival que visibiliza a diversidade LGTBIQ+ con actividades de sensibilización, cultura e celebración comunitaria. Dentro de tres semanas, entre o 17 e o 18 de xullo a localidade de Espasante (Ortigueira), famosa polo seu porco Antón -de aí o nome do festival-, criado entre toda a veciñanza e despois indultado, acolle unha nova edición deste evento. Será a cuarta edición dun evento que nos últimos anos incluíu charlas, contacontos, teatro, concertos e pasarrúas. Para este ano non se coñece a programación, pero si se lanzou xa unha nova imaxe e merchandising.
Mestas LGTBIQ+: Preto de Ortigueira -en Cedeira- está activo este colectivo que promove a visibilidade, a igualdade e os dereitos LGTBIQ+ mediante actividades de sensibilización, apoio comunitario, formación e participación social.
Sete Outeiros: Trátase dun espazo comunitario na aldea monfortina de Gándaras, na Ribeira Sacra, para persoas trans e queer "centrado en coidados, encontro e ruralidades disidentes desde unha perspectiva anticolonial". Posto en marcha por Xácia Ceive, que chegou hai anos dende os Estados Unidos.