Os casos de COVID que afectan a centros de ensino achéganse aos niveis anteriores ao Nadal

Evolucion da incidencia ca COVID no ensino CC-BY-SA Praza Pública - CIG

Hai un ano a Xunta ditaba as primeiras recomendacións no eido educativo pola pandemia e pedía aos centros evitar viaxes a zonas afectadas polo coronavirus e esta semana vén de iniciarse a vacinación masiva do persoal docente

Hai un ano a Xunta emitía as súas primeiras recomendacións aos centros de ensino sobre un virus que se detectara en China un par de meses antes e que xa comezaba a circular por Europa pero do que aínda pasaría unha semana ata que se rexistrase o primeiro caso en Galicia. Sanidade recomendaba aos centros educativos que evitasen as viaxes a zonas afectadas polo coronavirus e pedía ao alumado e o profesorado que retornase delas que seguise coa súa actividade normal prestando atención á posible aparición de síntomas.

Un ano despois esta semana a Xunta iniciou a vacinación masiva do seu persoal docente mentres a pandemia remite tamén no eido do ensino ao igual que entre o resto da sociedade tras chegar hai un mes ao seu pico, con preto de 4.000 casos activos entre alumnado e profesorado, o 1% das arredor de 400.000 persoas que compoñen eses colectivos desde a Educación Infantil ata o Bacharelato, incluíndo a Formación Profesional.

Hai 1.063 casos activos, unha cuarta parte que no pico de hai un mes, e 31 aulas pechadas, pero ningún centro está pechado por completo

Segundo os datos divulgados este sábado pola Xunta, correspondentes a este venres e cos que dá conta só dos casos activos e non dos novos contaxios nin da cifra acumulada total no que vai de pandemia, hai 1.063 casos activos de COVID entre persoal docente e alumnado que obrigan a manter pechadas 31 aulas pero xa non ningún centro ao completo. A curva de casos activos comeza a achegarse así á situación que se rexistraba antes do Nadal, con arredor de 900 casos.

O centro con peor situación é o CEIP Paradai de Lugo, con 29 casos activos, seguido do CPR Plurilingüe El Pilar de Vigo, con 23 casos e, ao tempo, o maior número de aulas pechadas, con 4. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.