Asasinados pola Garda Civil en 1952 en Mesía, e exhumados en 2024 grazas ao empeño dos seus familiares de da ARMH, este luns os seus restos foron entregados nun acto solemne no Concello de Culleredo
José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto foron soterrados este luns ao mediodía no cemiterio de Almeiras (Culleredo). Foi unha volta á casa, o final dunha historia que se iniciou en 1952 co asasinato dos dous guerrilleiros republicanos, duns 30 anos de idade, a mans da Garda Civil en Visantoña (Mesía). Foron soterrados nunha foxa común do cemiterio de San Martiño de Visantoña. Sete décadas despois, o empeño dos seus familiares, que solicitaron á Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) a busca dos seus restos, conseguiu a exhumación dos dous corpos.
Este luns, os restos mortais de José Galán Núñez Dereito e Manuel Ramiro Souto foron entregados aos seus familiares nun emotivo acto celebrado no Salón de plenos do Concello de Culleredo. Presentado por Clara Bernal e co acompañamento musical de Bea a de Estrella, na entrega participaron José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, Mariano Iglesias, alcalde de Mesía, ademais de Marco González, vicepresidente da ARMH, e Gumersindo Campaña, párroco de Visantoña.
Así mesmo, estiveron presentes Alberto Gómez Rodríguez -sobriño- e Dolores Rodriguez Núñez -irmá de José Galán Núñez-; e Teresa Ramiro, sobriña de Manuel Ramiro Souto.

José Galán Núñez
na entrega participaron José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, Mariano Iglesias, alcalde de Mesía, ademais de Marco González, vicepresidente da ARMH, e Gumersindo Campaña, párroco de Visantoña
A comezos dos anos 40, en plena ditadura, José Galán Núñez, orixinario do lugar de Regueira (Alvedro, Culleredo), desertou do servizo militar en Lugo e tivo que fuxir ao monte, uníndose á guerrilla antifranquista. Estivo integrado nos destacamentos “Arturo Cortizas”, “Enrique Líster” e “Manuel Ponte” e participou diferentes actuacións nos anos 1948 e 1949.
Despois de esixir cartos a un veciño de Toroño (Culleredo), foron denunciados e un dos seu compañeiros, Manuel Pose Naya, foi disparado polas forzas da Garda Civil. O 18 de xullo de 1951 foxe xunto a María Amado Otero e Juan Couto Sanjurjo Simeón dun enfrentamento coa Garda Civil en San Pedro de Nós que costa a vida a Antonio Cortiñas Blas M. Vega. Nese tempo a súa familia sufría constantes rexistros e controis e sufriu unha dura represión: a súa nai foi desterrada xunto cunha filla a Corrales del Vino (Zamora). Maruja, moza de José Galén, foi desterrada en Zaragoza.
Manuel Ramiro Souto
Tiñan algo máis de 30 anos e botáranse ao monte a comezos da década dos 40
Naceu en Almeiras en 1925. A comezos da década dos 40, Manuel Remiro botouse ao monte cos seus tíos Ramón Romay Ramoné e Josefa Ramiro Santos, porque eran enlaces da guerrilla e temían que foran delatados. No ano 1948, despois da caída de José Gómez Gayoso, secretario de organización do PC, e Antonio Seoane, xefe do Exército Guerrillero de Galicia, pruduciuse unha ofensiva guerrilleira na que participan Manuel Ramiro Souto e o seu tío e que incluíu a queima do concello de Abegondo.
O 5 de marzo de 1949, agochados nunha casa de Zas un grupo de guerrilleiros, entre eles Manuel Ramiro Souto, foron cercado pola Garda Civil. No enfrentamento morren asasinados Pena Camino, Castelo Mosquera, Carmen Temprano, Peña Terrasa e tamén a rapaza da casa que os acolleu, Manuela Teiga. Manuel Ramiro Souto consigue fuxir.
Captura e morte
O 22 de xuño foron sorprendidos pola Gardia Civil en Visantoña (Mesía) e no intento de fuxir foron asasinados. A autopsia que se lles fixo sinalou como causa das mortes "lesións endocraneais causadas polos proxectís"
En novembro de 1951 José Galán Núñez, Juan Couto Sanjurjo Simeón e Manuel Ramiro Souto estaban integrados no “Destacamento Manuel Ponte”. En marzo do ano 1952 marchan á zona de Betanzos. O 22 de xuño foron sorprendidos pola Gardia Civil en Visantoña (Mesía) e no intento de fuxir foron asasinados. Couto saíu con vida e foi procesado. En 1953 sometérono a un xuízo no que a inicial pena de morte foi conmutada por 30 anos de prisión.
Malia que Couto, condenado a 30 anos, revelou a identidade dos falecidos, os corpos foron expostos no depósito do cemiterio durante 24 horas para a súa identificación. A autopsia que se lles fixo sinalou como causa das mortes "lesións endocraneais causadas polos proxectís". Foron soterrados "nunha foxa aberta ao efecto, distante dous metros da esquina dereita da parte posterior da Igrexa, e un metro do muro de peche do cemiterio"-