Un novo incendio en Ponteceso, o sexto nos últimos días, está a cercar a vila de Corme, e obrigou xa ao mediodía a desaloxar a parroquia de Corme Aldea e a cortar a estrada autonómica AC-424. O forte vento, ademais, impide polo momento que actúen os medios aéreos, segundo informa a Consellería do Medio Rural, que advertiu tamén da situación 2 pola proximidade das lapas ás casas.
Este contexto forzou ao Goberno galego no final da tarde a solicitar a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), cuxos integrantes están a dirixirse a Corme dende a súa base en León. A situación está a provocar unha forte angustia na poboación da vila, que ve moi próximas as lapas dende os núcleos habitados. Veciñanza do lugar está a colaborar nos traballos de extinción, por exemplo cargando auga e trasladándoa nos seus tractores.
É o sexto incendio en poucos días en Ponteceso. O resto de incendios que desde a pasada fin de semana asolaron o concello foron remitindo aos poucos. Pasadas as 11 da noite deste luns quedou extinguido o que prendera na parroquia de Cospindo, que afectou finalmente a case 250 hectáreas, 215,38 de monte arborado e 30 de raso tras iniciarse o lume nas primeiras horas da tarde do sábado.
O incendio de Cospindo, un dos cinco que sufriu Ponteceso esta fin de semana, quedou extinguido tras queimar unhas 250 hectáreas
Este lume comezou en Balarés debido, nun principio, á caída dun cable de alta tensión e presentaba varios focos que eran avivados polo forte nordés, que causou problemas co lume noutras localidades. Foi o sábado cando se viviron os momentos de maior tensión, ao ter que desaloxarse praias, vivendas e un hotel e ameazar as lapas zonas protexidas de gran valor natural.
Ademais, na parroquia de Brantuas mantense activo outro incendio, xa estabilizado desde o domingo, que afectou xa unhas 170 hectáreas. Na Graña, a poucos quilómetros, está controlado outro fogo que comezou na noite do sábado ao domingo e que calcinou xa unhas 100 hectáreas.
Os fogos de Brantuas e A Graña continúan activos tras queimar máis de 270 hectáreas; en Vilardevós, o primeiro grande incendio do ano deuse por controlado
Unidos estes tres incendios —dos que si informa a Xunta por pasar das 20 hectáreas— a outros dous máis pequenos en Cores e Nemeño, a cifra de hectáreas ardidas nesta fin de semana en Ponteceso supera as 520 en cinco fogos diferentes.
Non lonxe do incendio que sofre Corme, tamén en Camariñas, na parroquia de Xabiña, tamén o lume está a ser difícil de controlar debido ao forte vento de nordés presente en toda a zona.
Por outra banda, e segundo informa tamén a Consellería do Medio Rural, pouco antes das dez da noite deste pasado luns deuse por controlado o incendio no concello de Vilardevós, en Ourense. Trátase do primeiro grande incendio forestal do ano ao superar as 500 hectáreas queimadas na parroquia de Terroso.
Son, polo momento, 570 as hectáreas arrasadas por un lume que obrigou a decretar a situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas a núcleos de poboación, unha circunstancia desactivada xa na noite do domingo.
Ademais, a Xunta informa tamén da estabilización dun novo incendio forestal, desta vez na parroquia de Riofrío, no concello pontevedrés de Mondariz. As lapas, segundo as estimacións provisionais, queimaron arredor de 20 hectáreas. Noutras localidades, como Sarreaus ou Noia, tamén houbo incendios este pasado luns dos que non informou a Xunta por non superar esas 20 hectáreas de superficie queimada.
No que vai de ano, son algo máis de 2.000 as hectáreas queimadas en Galicia, a maioría neste verán. Ademais, o pasado 2024 foi, con 2.644 hectáreas, o terceiro ano con menor superficie ardida en incendios forestais nos montes galegos dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599). Na banda contraria están catro exercicios dos anos 70 e 80 do século pasado, con máis de cen mil hectáreas anuais arrasadas. E, máis ou menos próximos a aqueles catastróficos rexistros, as 95.000 hectáreas de 2006 ou as máis de 60.000 de 2017, nestes últimos dous casos produto de vagas de lume concentradas en moi poucos días.