Os montes comunais de Vigo reciben tres millóns de visitas ao ano e capturan o CO2 de 49.000 fogares

Vista de Vigo dende un dos montes que rodean a cidade © Montes de Vigo 2046

O proxecto Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor  busca analizar a situación e usos actuais dos montes comunais que rodean a cidade e fixar a estratexia máis axeitada para o seu correcto mantemento e para establecer un modelo de xestión sostible co horizonte do ano 2046

Cal é o papel social, ambiental e económico dos montes veciñais da cidade de Vigo? Que beneficios obtén deles a cidadanía nestes momentos? Como se podería mellorar o seu estado e a súa xestión?

A pasada semana a Mancomunidade de Montes de Vigo celebrou unhas xornadas para presentar as conclusións do proxecto Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor, unha iniciativa realizada en colaboración coa Universidade de Vigo que busca analizar a situación e usos actuais dos montes comunais que rodean a cidade e fixar a estratexia máis axeitada para o seu correcto mantemento e para establecer un modelo de xestión sostible co horizonte do ano 2046, momento en que se celebrará o 50 aniversario da creación da Mancomunidade.

O proxecto levou a cabo a diagnose e valoración dos servizos ecosistémicos que os montes de Vigo achegan á cidadanía viguesa, centrándose nos recreativo-culturais, de regulación hídrica e de captación de carbono. 

É difícil cuantificar o valor económico dos servizos emprestados polos montes vigueses á sociedade, pero este podería situarse entre os 50 e os 100 millóns de euros cada ano

Algunhas das cifras son rechamantes e máis que significativas: os montes comunais, que ocupan o 15% da superficie total do Concello de Vigo, están arborados nun 65%, maioritariamente por coníferas (38%) e frondosas (22%) e moito menos por eucaliptos (11%).

Reciben máis de tres millóns de visitas ao longo do ano, de preto de 200.000 persoas distintas, o que quere dicir que dous de cada tres habitantes da cidade de Vigo desprázase a eles nalgún momento todos os anos. Os montes achegan importantes servizos hídricos, pois o 15% da auga do Concello procede dos montes; e, igualmente, teñen un papel imprescindible a nivel ambiental, capturando cada ano 248.000 toneladas de CO2 na biomasa forestal, o equivalente ás emisións de 49.000 fogares nun ano.

Máis de 390.000 persoas "benefícianse directamente dos servizos que proporcionan estes montes", pero só o 2% da poboación viguesa (os comuneiros e comuneiras) "mantén os recursos que desfruta o 98% da poboación restante, o que evidencia a necesidade dunha planificación e dun sistema estable de apoio público"

É difícil cuantificar o valor económico dos servizos emprestados polos montes vigueses á sociedade, pero este podería situarse entre os 50 e os 100 millóns de euros cada ano. A Mancomunidade de Montes destaca, neste senso, que máis de 390.000 persoas de Vigo e a súa contorna "benefícianse directamente dos servizos que proporcionan estes montes". Porén, só o 2% da poboación viguesa (os comuneiros e comuneiras) "mantén os recursos que desfruta o 98% da poboación restante, o que evidencia a necesidade dunha planificación estratéxica e dun sistema estable de apoio público".

É por iso que a Mancomunidade fai unha chamada "á corresponsabilidade dos axentes que conforman a sociedade viguesa" e promove "un pacto coa sociedade viguesa polos montes de Vigo". Nas conclusións do proxecto aparecen unha serie de recomendacións de actuación, centradas nunha transformación baseada na mellora da regulación hídrica, da captura de carbono e da resiliencia fronte ao lume, así como nun forte empuxe ao investimento e mantemento das infraestruturas recreativas e a súa dinamización.

Xornada de clausura do proxecto 'Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor' ©

A Mancomunidade fai unha chamada "á corresponsabilidade dos axentes que conforman a sociedade viguesa" e promove "un pacto coa sociedade viguesa polos montes de Vigo"

Entre as recomendacións do proxecto están a actualización das infraestruturas recreativas -parques forestais, sendeiros, miradoiros, etc- ás demandas sociais relativas a reforzar mantemento e limpeza de espazos, accesibilidade aos espazos, a sinalización actualizada e a programación de actividades de divulgación e educación.

Tamén a incorporación da potenciación dos recursos hídricos na xestión forestal, buscando promover frondosas que melloren a eficiencia hídrica, restaurar bosques de ribeira autóctonos e reforzar a vixilancia en ríos con sinais de alteración. Todo isto integrando o traballo das Comunidades de Montes co sistema municipal de xestión do ciclo da auga.

Apóstase pola mellora da regulación hídrica, da captura de carbono e da resiliencia fronte ao lume, así como por un forte empuxe ao investimento e mantemento das infraestruturas recreativas e a súa dinamización

Igualmente, chámase a potenciar a captación de CO2 tanto na masa forestal, promovendo masas mixtas e permanentes, como no chan, incorporando pequenas superficies con alto rendemento por hectárea como áreas estratéxicas de conservación e restaurando solos degradados e potenciar frondosas autóctonas.

Finalmente, pídese garantir a sostibilidade do modelo de xestión cunha maior implicación institucional das administracións con competencias nos servizos ecosistémicos que incorpore o valor social que achega ao monte nas políticas públicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.