No curso 2003-04 a porcentaxe de alumnado galego que cursaba Relixión en Primaria era do 90,9% e situábase case dez puntos por riba da media española. Vinte anos despois é do 53,5%, case dous puntos por debaixo da media
Son moitos os indicadores que amosan o devalo do poder e da influencia da relixión católica. Dende a diminución da porcentaxe de persoas que se consideran crentes e, sobre todo, as que efectivamente practican os seus ritos e, por exemplo, acoden a misa. Tamén o descenso das vodas católicas ou, igualmente, a caída das declaracións da renda que optan por dar unha parte dos seus cartos á Igrexa. E, de forma moi importante, os datos do ensino correspondentes ao alumnado que escolle a materia de Relixión Católica.
As últimas estatísticas do Ministerio de Educación, publicadas hai unhas semanas, e que amosan a situación do curso 2023-24, revelan que a porcentaxe de alumnos e alumnas que cursan esta materia no ensino primario segue a descender e está moi preto de baixar do 50% por primeira vez.
Os datos refliten que Galicia é a comunidade autónoma na que máis descendeu a escolla da Relixión en Primaria, pasando do 90,9% no curso 2003-04 ao 53,5% no 2023-24, vinte anos despois. No Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) e no Bacharelato as cifras tamén amosan unha tendencia á baixa, pero moito máis lenta.
De feito, nos últimos sete cursos con datos practicamente non houbo cambios na porcentaxe e a cifra, tanto na ESO coma no Bacharelato, sitúase algo por riba dos mínimos acadados ao redor do ano 2015.
Tan importante foi o descenso en Primaria que a porcentaxe de alumnado que cursaba Relixión, que sempre fora superior neste nivel que na ESO, situouse por debaixo a partir do curso 2022-23.
En todos os casos (Primaria, ESO e Bacharelato) a porcentaxe de alumnado que cursa unha materia de Relixión correspondente a outras confesións é case inexistente (0,8%, 0,4% e 0%, respectivamente).
O descenso en Galicia (37,5 puntos menos) supera amplamente a redución media (25,9 puntos). Tan só Navarra, Aragón e Baleares presentan caídas na escolla da materia de Relixión con cifras que se aproximan ás galegas, aínda que por debaixo.
As cifras galegas, especialmente en Primaria, chaman máis aínda a atención postas en relación coas que se rexistran noutras comunidades autónomas e no conxunto do Estado español. No curso 2003-04 a porcentaxe de alumnado galego que cursaba Relixión en Primaria era do 90,9% e situábase case dez puntos por riba da media española. Vinte anos despois é do 53,5%, case dous puntos por debaixo da media. Galicia pasou de ser o cuarto territorio que máis escollía Relixión (despois de Estremadura e as dúas Castelas) a ser o sétimo que máis opta pola alternativa á materia de contido católico.
O descenso en Galicia (37,5 puntos menos) supera amplamente a redución media (25,9 puntos). Tan só Navarra, Aragón e Baleares presentan caídas na escolla da materia de Relixión con cifras que se aproximan ás galegas, aínda que por debaixo.
En ESO o descenso dende o curso 2003-04 na proporción de alumnado que escolle a materia de Relixión tamén é superior en Galicia (12,7 puntos menos) á media do Estado (10,4 puntos)
En ESO o descenso dende o curso 2003-04 na proporción de alumnado que escolle a materia de Relixión tamén é superior en Galicia (12,7 puntos menos) á media do Estado (10,4 puntos), pero neste caso as caídas están lideradas por Euskadi e Navarra, ao redor de vinte puntos menos. Aínda así a porcentaxe de quen cursa esta materia en Galicia na ESO supera lixeiramente a media estatal.
No Bacharelato, en cambio, a redución en Galicia (19,2 puntos menos) sitúase algo por debaixo da media do conxunto de España (19,7) e moi lonxe dos decensos rexistrados en rexións como A Rioxa, Estremadura, Cantabria, Navarra ou Asturias. Tamén aquí os datos galegos seguen algo por riba da media.
En Primaria, a porcentaxe de alumnado galego de centros públicos que cursa esta materia confesional é do 45%, mentres que nos colexios privado-concertados a proporción medra ata o 76%
Hai, iso si, importantes diferenzas segundo a titularidade dos centros de ensino á hora de escoller ou non a materia de Relixión católica. En Primaria, a porcentaxe de alumnado galego de centros públicos que cursa esta materia confesional é do 45%, mentres que nos colexios privado-concertados a proporción medra ata o 76%. Nos privados-non concertados, en cambio, os datos son inferiores aos da pública (34%). A situación repítese na ESO (51,5% na pública, 74% na concertada, 34% na privada non subvencionada).
No Bacharelato, a porcentaxe nos centros públicos (29%) é moi inferior á que se dá nos centros privados non concertados (72%), onde domina a escolla da Relixión. En Galicia non hai centros privados concertados que impartan o Bacharelato.
No Bacharelato, a porcentaxe nos centros públicos (29%) é moi inferior á que se dá nos centros privados non concertados (72%)
O derradeiro gráfico, interactivo, permite comparar os datos galegos, por nivel educativo e tipo de centro, coa media estatal e cos das demais comunidades autónomas. Galicia está lonxe dos datos das comunidades autónomas que máis optan pola Relixión en Primaria, como Andalucía, Estremadura, Castela e León ou A Rioxa. Pero tamén se sitúa en niveis moi diferentes dos territorios nos que a materia confesional é máis rexeitada, como Cataluña, País Vasco ou Baleares.
Os datos da maior parte de comunidades autónomas confirman o padrón, tamén observable en Galicia, dunha maior escolla da materia de relixión nos centros privados concertados e un maior rexeitamento tanto nos centros públicos coma nos privados non concertados.