Os novos casos de coronavirus que brotan en Galicia caen ao nivel mínimo dende o inicio da pandemia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Tras a lixeira repunta do pasado sábado con datos correspondentes ao venres, día 22, a actualización deste domingo sobre a evolución da pandemia do coronavirus reflicte o menor número de casos novos en Galicia en vinte e catro horas dende os primeiros días da pandemia. A información divulgada polo Ministerio de Sanidade -transmitida dende o Sergas ao Estado, pero non publicada pola Xunta- reflicte nesta xornada só 7 novos diagnósticos da covid-19 mediante proba PCR, as máis precisas. 

Nas últimas vinte e catro horas rexistráronse en Galicia só 7 novos diagnósticos da covid-19, aos que se une o reporte de 11 positivos en test de anticorpos

A eses 7 novos diagnósticos engádese o reporte de apenas 11 novos positivos mediante test de anticorpos, que non se corresponden necesariamente coa última xornada. Ambos indicadores deixan o número de novos casos coñecidos este domingo en apenas 18, un nivel que non se rexistraba no país dende arredor do 10 de marzo, cando aínda non se declararan nin o estado de alarma nin a emerxencia sanitaria e o total de positivos do coronavirus en territorio galego non chegaba á vintena. 

O gráfico baixo estas liñas amosa a serie de novos casos por día en Galicia actualizada polo Ministerio de Sanidade tras a "revisión" anunciada a pasada semana, cando o Sergas introduciu medio milleiro de curacións sen referencia temporal concreta. A Consellería de Sanidade fixo público que esa revisión dos datos se ía producir, pero segue sen divulgar unha serie histórica completa da evolución da pandemia en Galicia e sen achegar unha fonte de datos abertos [O Estado actualiza a serie histórica completa do coronavirus en Galicia, que a Xunta segue sen divulgar].

Nesta xornada o Sergas dá conta dun único falecemento e o total chega ás 613 persoas, 271 delas residentes en centros de maiores e dependentes

Estes datos de escaso número de casos novos prodúcense nunha xornada na que o incremento de falecementos é tamén mínimo. É só un máis que no día previo, un home de 86 anos que estaba ingresado no hospital Clínico de Santiago, e o total de persoas falecidas con diagnóstico positivo pola covid-19 chega ás 613

Delas, 271 viviran en residencias de maiores -non se rexistran novos falecementos procedentes destes centros dende o pasado día 19- e 132 morreron nos propios centros, mentres que as restantes 139 faleceron en hospitais ou nas residencias "integradas" que foron habilitadas para maiores contaxiados. No caso desas 139 persoas, a Xunta non indica a residencia da que procedían. 

Os "positivos activos" dos que dá conta a Xunta seguen a baixar e quedan en 869, quince menos que un día antes

Fronte á información de novos casos que transmite ao Estado -en cumprimento do protocolo de datos vixente- pero non fai pública, a Xunta segue divulgando comunicados diarios coa evolución dos positivos "activos", isto é, do global de persoas que deron positivo e aínda non son consideradas como recuperadas por dar negativo noutro test. Esa cifra segue a baixar un día máis e descende este domingo en 15 casos, quedando en 869. Mentres, o número de persoas que a Xunta dá por "curadas" -aínda que inclúe tamén os test de anticorpos negativos, que non en todos os casos se refiren a persoas que pasasen a enfermidade- ascende ata as 9.716; 32 máis que no día previo.

Con estas cifras, o número acumulado de persoas que deron positivo pola covid-19 dende o comezo da pandemia en Galicia chega ás 11.198. Faino nunha xornada na que foron procesadas 1.537 novas probas PCR para un total de 134.690, indica o Sergas.

Unha nova hospitalización na UCI mentres segue a baixar o global de ingresos

Nestas últimas vinte e catro horas continuou a descender o número de persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo de coronavirus -as persoas ingresadas por esta causa desaparecen da estatística cando dan negativo na covid-19, aínda que sigan hospitalizadas máis tempo- porque as altas seguen aumentando máis do que o fan as novas hospitalizacións. 

A única nova hospitalización rexistrada foi na UCI, onde permanecen doce persoas con test positivo da covid-19

Desta volta, indica o Ministerio de Sanidade -o Sergas tampouco ofrece este dato-, nas últimas vinte e catro horas houbo só unha nova hospitalización e foi nunha UCI, o que fai que o total de persoas que precisan atención nestas unidades a causa da covid-19 pase de 11 a 12. Mentres, o número de pacientes en unidades de hospitalización ordinaria -en planta- con positivos por coronavirus queda en 61, cinco menos que un día antes. O total de persoas hospitalizadas con test positivo sitúase, deste xeito, en 73. Nos días do pico da pandemia chegou a haber 1.072 persoas ingresadas con test positivo, cifra acadada o 7 de abril.

Os datos deste domingo tamén indican un descenso das persoas en illamento domiciliario con positivos por coronavirus. Quedan en 796; son 11 menos que un día antes e inclúen a 74 persoas usuarias de residencias de maiores e persoas en situación de dependencia.

Lixeiro aumento de positivos activos na área de Lugo

No que atinxe á información por áreas sanitarias, o atranco para coñecer a evolución da pandemia segue a ser a ausencia de información sobre casos novos nos partes xerais que comunica o Sergas, toda vez que a información do Ministerio só chega ao nivel autonómico. Daquela, non é posible coñecer directamente a través da información xeral da Consellería de Sanidade en que área se sitúan os devanditos 7 casos novos.

Por segundo día consecutivo, a área con maior incidencia de positivos activos é a de Vigo, condición que ostentara ininterrompidamente a de Ourense dende finais de marzo

Cos positivos activos como única referencia, a única área sanitaria que rexistra un incremento neste indicador nas últimas vinte e catro horas é a de Lugo e é, en todo caso, moi leve, con só dous positivos activos máis que o día anterior. Mentres, todas as demais agás Pontevedra, sen variacións, ven descender o seu número de casos positivos activos encabezadas pola da Coruña.

No que atinxe á incidencia -número de casos activos por cada 100.000 habitantes-, a maior rexístrase por segunda xornada consecutiva na área de Vigo, con algo máis de 45 positivos activos. Estes dous días son os primeiros dende o 27 de marzo nos que a área sanitaria con maior incidencia no é a de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.