Os novos casos de COVID volven ao nivel de antes do Nadal pero as mortes deixan de baixar

A media diaria de mortes nos últimos sete días leva varias xornadas estancada CC-BY-SA Foto: Xunta. Montaxe: Praza Pública

Os falecementos levan dez días estancados nuns oito por xornada ao igual que tamén frea o descenso da incidencia en varias cidades

O Sergas sumou este domingo, con datos desde as 18 horas do venres ata as 18 horas do sábado, outros 208 novos casos de coronavirus ao total de contaxios desde o comezo da pandemia, dos que di que 194 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas. As fins de semana adoita baixar o número de casos que se comunican, e algúns dos novos casos que se van comunicando a diario son posteriormente depurados e recolocados en días anteriores, pero aínda así tanto unha cifra como a outra supoñen volver aos niveis que se rexistraban antes do Nadal, aos 190 casos confirmados por PCR en 24 horas que se comunicaron o 21 de decembro ou os 249 sumados á serie ao día seguinte.

Porén, as curvas de mortes e hospitalizacións deixan de baixar, cos falecementos estancados desde hai dez días nunha media duns oito por xornada. Igualmente, o descenso da incidencia en varias cidades está a frear e a curva xa non é tan vertical como en xornadas anteriores.

A positividade leva dúas semanas por baixo do 5%, cifra que hai que contextualizar coa realización de cribados masivos

Tamén estancada ou estabilizada neste caso para ben segue a positividade das probas PCR que se realizan, que leva dúas semanas por baixo do 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) para considerar controlada a expansión do virus, pero é unha cifra que hai que contextualizar coa realización de cribados masivos en varias localidades.

Na última xornada o Sergas comunicou sete novas mortes, pero incluso prescindindo desa última cifra porque algún dos falecementos poidan ser recolocados en días anteriores e obviando os altibaixos que se poidan producir dun día a outro, a media de decesos diarios na semana anterior leva varios días estabilizada arredor dos oito.

Hai 532 persoas hospitalizadas, só unha menos que un día antes, con seis menos na UCI pero cinco máis en hospitalización ordinaria

Nos hospitais, a situación comunicada este domingo é similar á do día anterior, con só unha persoa menos hospitalizada, ata un total de 532. Se o sábado o Sergas comunicou 114 persoas na UCI, agora son 108, no nivel do pico da segunda vaga e aínda o dobre que antes do Nadal, e a cambio aumenta a hospitalización ordinaria pasando de 419 a 424 persoas.

Nas residencias, pola contra, a situación segue a mellorar grazas ás vacinacións. Tras máis dunha semana sen comunicar novos positivos, este domingo a Xunta sinala que xa só quedan 40 casos activos entre persoas usuarias de centros de maiores e 4 en centros de dependencia, mentres que entre o persoal xa só son 18 os casos activos. 

As curvas de incidencia das cidades de Pontevedra, Vigo ou A Coruña xa non baixan ao ritmo que o viñan facendo

Outras curvas de evolución da pandemia que se están a estancar son as da incidencia da enfermidade nalgunhas cidades, que xa non baixan coa mesma verticalidade que antes. Pontevedra leva cinco días cunha incidencia de arredor de 180 casos acumulados por 100.000 habitantes nas anteriores 14 xornadas. Neses mesmos cinco días Vigo só foi quen de reducila de 145 a 135. E A Coruña leva tres días con arredor de 296 casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.