Os novos casos diarios de COVID mantéñense por baixo dos 200 malia o elevado número de probas, con 9.300 PCR na última xornada

Persoal sanitario preparando vacinas da COVID-19 para a súa administración CC-BY-SA Xunta de Galicia

Un novo falecemento eleva a 2.394 as mortes desde o comezo da pandemia mentres que nos hospitais a ocupación volve medrar lixeiramente ata as 202 persoas ingresadas

Na última actualización das cifras oficiais da pandemia en Galicia o Sergas vén de incorporar outros 189 novos casos de COVID-19 á serie histórica, dos que 172 foron detectados por proba PCR na últimas 24 horas. Hai xa dous meses que, con algunha excepción puntual, os novos casos diarios veñen sendo menos de 200, mesmo en xeral arredor dos 150. Unhas cifras que na última xornada hai que contextualizar coas 9.299 novas probas PCR comunicadas pola Xunta, que igualan exactamente as análises comunicadas o 29 de abril e que supoñen o número máis alto de probas nun día desde mediados de febreiro.

Na última xornada rexistrouse un novo falecemento, unha muller de 92 anos no complexo hospitalario da Coruña, co que xa son 2.394 as mortes acumuladas desde o comezo da pandemia.

Vigo, a cidade que presenta unha peor situación, continúa a reducir a incidencia de xeito significativo

Nos hospitais a ocupación volve aumentar lixeiramente a respecto do día anterior con dez persoas máis ingresadas: unha máis en coidados intensivos, ata un total de 44, e nove máis en hospitalización convencional, con 158 en total.

Pola súa banda, canto á situación a nivel xeográfico, todas as áreas sanitarias continúan a reducir o número de casos activos, que no global de Galicia volven baixar dos 3.000, malia que no interior delas, especialmente nas de Santiago e Pontevedra, seguen persistindo zonas con peor situación. Canto ás cidades, Vigo, que é a que está en peor situación, continúa a reducir a incidencia de xeito significativo, o mesmo que ocorre no outro extremo con Ferrol, a urbe cunha mellor situación.

Fin do estado de alarma

A estabilidade pois é a nota dominante nos datos comunicados este domingo, xornada na que ás cero horas deixou de estar en vigor o estado de alarma decretado o pasado outubro. Estas son as principais restricións que agora están vixentes, e neste enlace pode consultarse a súa publicación oficial no DOG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.