Os novos casos do coronavirus aceleran a súa baixada en Galicia mentres a ocupación das UCI bate outro récord

Cribado da COVID en Forcarei e mapa de incidencia cos datos deste 8 de febreiro CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Forcarei | Montaxe: Praza Pública

O Sergas suma este 8 de febreiro 526 novos casos confirmados da COVID-19, 490 deles diagnósticos mediante PCR. Son os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. E tamén a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 5 de xaneiro, xusto antes de que comezasen a aflorar de vez os contaxios das semanas do Nadal e Aninovo.

Os 526 casos que o Sergas suma este 8 de febreiro supoñen a cifra máis baixa dende o 5 de xaneiro

Esta cifra, relativamente baixa no marco da terceira vaga, pero que sería alta durante a segunda (que é comparable coa actual por dispoñer o Sergas dunha capacidade diagnóstica semellante), supón que por terceira xornada consecutiva son rexistrados menos de mil casos novos. En termos de días naturais, a dinámica é semellante: o venres, día 5, Sanidade sumou 866 casos e o sábado (último día completo con datos dispoñibles) foron 764, dous días seguidos con menos de mil por primeira vez dende o 11 de xaneiro.

Como produto deste freo, a media diaria de novos diagnósticos a sete días continúa descendendo e faino a unha velocidade semellante á do ritmo de incremento do pasado xaneiro. Segue, así e todo, en cifras moi altas: unha media superior aos 870 diagnósticos novos mediante PCR ao día na última semana. O pico da segunda vaga non chegara aos 700 -a primeira non é comparable porque daquela o Sergas, como o resto de sistemas sanitarios, dispuña dunha capacidade diagnóstica moito menor, que o levaba a detectar apenas un terzo dos casos, segundo constataron estudos serolóxicos como o impulsado polo Ministerio de Sanidade ou o da propia Xunta.

A ocupación das UCI, nun 'altiplano'

O total de persoas hospitalizadas coa COVID-19 é inferior ao de hai unha semana, pero os ingresos nas UCI son doce máis que daquela

Esta rápida baixada no número diario de novos casos da COVID-19 segue sen ter a súa correspondencia nos hospitais, onde tanto os incrementos bruscos no número de positivos detectados como as melloras na situación epidemiolóxica xeral adoitan tardar en reflectirse. Isto sucede especialmente nas unidades de coidados intensivos: as 254 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus supoñen un novo máximo de toda a pandemia e doce máis que hai unha semana. 

Mentres, si vai aliviando aos poucos a presión nas unidades de hospitalización ordinaria. Agora son 1.063, 43 máis que vinte e catro horas antes pero 135 menos que o mesmo día da semana anterior. Isto provoca que a cifra total de persoas hospitalizadas sexa inferior á de hai sete días por terceiro día consecutivo. [A terceira vaga da COVID pon as enfermeiras ao límite: "Os pacientes son máis graves e máis novos; non damos visto o final"]

Os hospitais aínda teñen un longo camiño por diante ata chegaren a un relativo alivio da presión directamente ligada coa pandemia e o mesmo sucede noutros ámbitos dos sistema sanitario, como a Atención Primaria. O descenso no número de novos casos e o gran número de altas epidemiolóxicas de persoas contaxiadas nas semanas do Nadal, Aninovo e Reis está a contribuír que o total de "positivos activos" leve descendendo case unha semana. Non obstante, aínda son 19.246, o que implica que case 18.000 (concretamente, 17.929, en cifras pechadas ás seis da tarde do domingo) persoas contaxiadas da COVID-19 estean en seguimento nos seus lugares de residencia.

Incidencias acumuladas en claro descenso e aínda moi por riba da segunda vaga

A incidencia a 14 días baixa dende finais de xaneiro e sitúase en 640 casos novos por cada cen mil habitantes; o pico da segunda vaga apenas superara aos 340

Os devanditos datos de casos novos detectados permiten que as incidencias acumuladas (novos positivos por cada cen mi habitantes) continúen trazando unha liña claramente descendente, cun ritmo semellante ao previo ascenso. Ás portas dos días nos que, previsiblemente, comezarán a apreciarse os efectos do actual paquete de restricións (vixente dende o 27 de xaneiro), a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia baixa dos 640 casos tras superar os 770 a finais de xaneiro. O pico da segunda vaga quedara en arredor de 342.

Tamén a incidencia acumulada a sete días continúa baixando, mesmo dun xeito máis pronunciado. Agora sitúase nuns 258 casos novos por cada cen mil habitantes na última semana. Na anterior vaga da pandemia non chegara a 180.

Estes rexistros prodúcense nun contexto no que a razón de taxas (indicador que serve para medir se o ritmo da incidencia aumenta ou diminúe) amosa decrecemento tanto a sete como a catorce días. Dende o 30 de xaneiro, a incidencia acumulada a 7 días vén sendo, cada xornada, máis baixa que o do mesmo día da semana anterior. O mesmo sucede coa incidencia a 14 días, no seu caso dende o 3 de febreiro. [Podes consultar a evolución en detalle deste indicador nesta ligazón]

Os concellos sen casos novos nas últimas dúas semanas seguen sendo menos de vinte.

O descenso da incidencia acumulada da COVID-19 a catorce días tamén se vai percibindo aos poucos sobre o mapa de Galicia, pero igualmente cun notable camiño por diante. Non en van, aínda son varios os concellos con máis de dez mil habitantes nos que este indicador segue por riba dos 1.000 casos. Así sucede en Poio (1.534), Betanzos (1.478), Arteixo (1.264), Vilalba (1.264), Ordes (1.116), Sanxenxo (1.022) ou Sada (1.019). Así e todo, estes relevantes núcleos de poboación con máis de mil casos novos por cen mil habitantes en 14 días están a diminuír e neles a evolución deste indicador tende, en xeral, a ir mellorando. Os concellos sen casos novos nas últimas dúas semanas seguen sendo menos de vinte.

No que atinxe ás principais cidades, as liñas descendentes na incidencia acumulada a 14 días tamén se van impoñendo aos poucos. Nas dúas con incidencia máis alta, A Coruña e Ourense, destaca o incremento ourensán no ritmo de descenso, aínda que a súa incidencia polo momento segue sendo moi alta. Mentres, Pontevedra e Ferrol semellan transitar por un período de estabilidade e Lugo e Vigo apuntan, agora si, a un descenso. Isto sucede de xeito máis pronunciado en Vigo, que pasa a ser a cidade con menor incidencia acumulada (388 casos novos por cen mil habitantes a 14 días). A liña descendente máis prolongada segue sendo a de Santiago, a piques de baixar dos 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días.

Mentres todo isto sucede, o número de mortes de persoas que contraeran a COVID-19 tamén semella ir acougando aos poucos. Non obstante, as 24 mortes oficialmente ligadas á pandemia que, de media, rexistrou Galicia cada día da última semana seguen sendo máis que nos peores días da primeira vaga. Naqueles primeiros meses de pandemia (de marzo a xuño) morreran 619 persoas que padecían a COVID. Dende o comezo da terceira vaga (a finais de decembro) xa están confirmadas 617 mortes, polo que xa é posible afirmar que o total de falecementos superará á da primeira aínda que a taxa de letalidade vaia ser moi inferior, dado que agora se detectan moitos máis casos que daquela. O total chega xa ás 1.967.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.