Se lle preguntamos pola súa mocidade a calquera persoa da cidade de Ourense que foi novo ou nova nos anos 80, 90 ou na primeira década deste século, na conversa acabará saíndo a Casa da Xuventude. Diranos que era un lugar que acollía unha chea de actividades para a xente nova, que estimulou numerosas vocacións e afeccións -dende a banda deseñada á fotografía, pasando polo cine, a lectura ou o xadrez- e, sobre todo, que era un espazo aberto, democrático, no que a mocidade podía autoorganizarse e tomar decisións sobre o seu tempo de ocio.
O Espazo Lusquiños pechou en xaneiro, despois de facelo tamén entre 2020 e 2022 por mor da pandemia. A Casa da Xuventude ten unha actividade e unha participación a anos luz da que chegou a ter
A Casa da Xuventude, dependente da Xunta, segue a existir, agora chamada Espazo Xove, pero cunha actividade e unha participación a anos luz da que chegou a ter. Ademais, a cidade conta preto da Estación de Tren co espazo Lusquiños, de titularidade municipal, un centro que se define como lugar "de encontro e reunión onde poder realizar actividades de ensaio musical, teatro, danza, audiovisuais. Un punto de creación musical e artística, un espazo motivador e dinamizador para a mocidade de Ourense".
Porén, o espazo Lusquiños leva pechado dende o mes de xaneiro, despois de estar pechado tamén entre 2020 e 2022 por mor da pandemia. Hai dous días varios grupos musicais da cidade -Fire Plug, Burning Ashes, Bloom, 3 de Copas, Rompetechos, Josemi e Piratas sen Parche- organizaron un concerto para reclamar a súa reapertura, un evento que baixo o lema "Free Lusquiños" tivo lugar no bar Antigua O’Renque -ante a negativa do Concello para permitir realizalo na rúa- coa asistencia de 70 persoas e no que tamén se recolleron sinaturas de apoio á petición, que defenden PSdeG, PP e BNG.
Formacións musicais e colectivos reclaman a reapertura de Lusquiños. O alcalde Pérez Jácome respóndelles que "o diñeiro público non está para pagar hobbies individuais"
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, foi no pasado moi crítico coa existencia do espazo Lusquiños ("os locais están mal deseñados e, realmente, a demanda que hai é para os catro jetas de sempre, os músicos de verdade non queren ir a estes sitios") e apostou por reformulalo, eliminando a súa función de espazo para a mocidade ("Claro que imos tentar utilizar ese espazo. Vostedes tiraron o diñeiro público e ímolo aproveitar para que realmente o utilicen profesionais").
Nos últimos días o rexedor incrementou o ton das súas críticas ao espazo Lusquiños e aos colectivos que demandan a súa reapertura, sinalando este mesmo xoves que "unha minoría pretende que toda a cidade lle pague os seus pasatempos" e que "o diñeiro público pode pagar festas populares pero non está para pagar hobbies individuais, neste caso locais de ensaio ou salóns de futbolíns".
Durante case tres décadas houbo en Ourense un lugar no que a xente nova tivo múltiples opcións de ocio e socialización, un espazo no que mozos e mozas eran tratadados como maiores de idade e no que tiñan a oportunidade de tomar decisións e impulsar o seu talento: a Casa da Xuventude
E así morren os espazos e as opcións de ocio para a mocidade, especialmente para aquela con menos recursos. Internet, a reclusión individual, o botellón semellan ficar como únicas alternativas ante unha contorna tan hostil cara ás novas xeracións. Non sempre foi así, e durante tres décadas houbo en Ourense un lugar no que a xente nova tivo múltiples opcións de ocio e socialización, un espazo no que mozos e mozas eran tratadados como maiores de idade e no que tiñan a oportunidade de tomar decisións e impulsar o seu talento.
A Casa da Xuventude inaugurouse realmente en 1970 como sede da organización xuvenil oficial do réxime frnaquista, a OJE. Porén, a partir de 1978 o seu funcionamento muda completamente coa chegada da democracia e, sobre todo, grazas a Benito López Losada, que foi director do espazo durante 35 anos, no que abriu este amplísimo espazo á sociedade ourensá, especialmente á mocidade, "apostando pola cultura como canle de socialización", como destaca Millán Brea Castro na súa tese de doutoramento, A Casa da Xuventude de Ourense como experiencia histórica de educación social 1978-1992.
A figura clave foi Benito Losada, director durente 35 anos, nos que apostou "pola cultura como canle de socialización"
"Benito considerou que os verdadeiros protagonistas debían ser os grupos de mozos e mozas, dentro dun espazo que os habilitara para poder realizar as súas propostas e actividades", sinala Millán Brea, que debulla o funcionamento da Casa neses anos, como un "modelo de coxestión e autoxestión que permitía aos socios xestionar as actividades da propia institución" e no que tamén as asociacións culturais e sociais existentes de ámbito xuvenil tiñan un gran protagonismo e actividade.
"Benito considerou que os verdadeiros protagonistas debían ser os grupos de mozos e mozas, dentro dun espazo que os habilitara para poder realizar as súas propostas e actividades"
En 1983 a titularidade da Casa da Xuventude foi transferida á Xunta, como parte das competencias en materia de Cultura e Xuventude, pero nada mudou no seu funcionamento. O lugar ofrecía nos seus cinco andares amplos espazos -salas de exposicións, salas polivalentes, polideportivo, salas de proxeccións, salas de informática, cafetería, biblioteca, laboratorio fotográfico...- para a realización de actividades propostas polos propios usuarios e usuarias ou por colectivos e entidades. Na súa biblioteca destacaban os seus fondos de fancines e banda deseñada (a Fanzinoteca), de revistas musicais, de xadrez, a biblioteca verde (con libros sobre natureza e ecoloxismo, creada pola Asociación ecoloxista O Brote)...
En 1991 había case tres mil socios e socias e en 2010 eran máis de cinco mil. Unha amplísima masa social que medraba en paralelo a unha crecente actividade de xornadas, charlas, obradoiros, certames, concertos e exposicións
En 1991 había case tres mil socios e socias e en 2010 eran máis de cinco mil. Unha amplísima masa social que medraba en paralelo a unha crecente actividade de xornadas, charlas, obradoiros, certames, concertos e exposicións. A Casa da Xuventude acolleu o Outono Fotográfico (que se celebrou entre 1982 e 2018, ante a desidia do Concello), o Maio Xove, as Xornadas de Banda Deseñada (que superaron as vinte edicións), o Concurso de Contos para a Mocidade, o Diapo Galicia, as Mostras de Teatro Xuvenil, Xornadas Cinematográficas, ademais da amplísima actividade da súa Ludoteca ou das súas Escolas Deportivas.
Destacan o Outono Fotográfico, o Maio Xove, as Xornadas de Banda Deseñada, o Concurso de Contos para a Mocidade, o Diapo Galicia, as Mostras de Teatro Xuvenil, Xornadas Cinematográficas, ademais da amplísima actividade da súa Ludoteca ou das súas Escolas Deportivas
Entre as súas paredes centos de mozos e mozas descubriron a informática, o xadrez, a música, os cómics, o teatro ou o cine. Fixeron amizades que duran toda unha vida e aprenderon a vivir e convivir. Como destaca Millán Brea na súa tese, a Casa da Xuventude foi unha estrutura que facilitou "un desenvolvemento da sociabilidade, a circulación social e a promoción social e cultural".
A Casa axudou a crear e tecer redes entre individuos, colectivos e institucións, potenciou as relacións interpersoais e as dos grupos sociais "e a destreza para a posta en marcha de procesos de dinamización social e cultural". Ademais, "fomentou a posibilidade dunha mellora persoal e social. Como ben afirman os seus participantes, foi un espazo que facilitou unha apertura de posibilidades laborais que, noutro lugar, serían moi ríxidas e nada estimulantes".
Losada "xerou un proceso de desenvolvemento local sen precedentes, apoiado nas inquedanzas dunha xeración con ganas de trocar a sociedade, e potenciou un lecer comunitario en todas as súas dimensións"
Foi, finalmente, "un espazo único de democratización" e de promoción do asociacionismo, no que a figura do seu director durante 35 anos, Benito Losada, foi clave. Un xestor e animador sociocultural que xerou espazos de comunicación, culturais e de intercambio de experiencias, e habilitou "espazos críticos" sen estar condicionados polo poder autonómico ou estatal. Para Millán Brea, Losada "xerou un proceso de desenvolvemento local sen precedentes, apoiado nas inquedanzas dunha xeración con ganas de trocar a sociedade, e potenciou un lecer comunitario en todas as súas dimensións".
A súa historia comezou a esmorecer nos primeiros anos da pasada década, coincidindo coa morte de Benito Losada e a chegada de Núñez Feijóo á Xunta
A súa historia comezou a esmorecer nos primeiros anos da pasada década, coincidindo coa desaparición de Benito Losada, que abandonou a dirección en 2010 e finou un ano despois, substituído primeiro por Mercedes Valeira, funcionaria do Centro de Menores de Montealegre e curmá de Alberto Núñez Feijoo. De inmediato multiplicáronse as voces en Ourense "para que a Casa da Xuventude de Ourense volva ser o que foi", un movemento que organizou encontros, concertos e protestas e que reclamaba a recuperación do modelo anterior de funcionamento e a vizosa actividade que o espazo mantivera durante máis de 30 anos. Non foi así.