Outra folga no Sergas: médicos de Primaria convócana para o 19 de xuño en toda Galicia

Concentración da Asemblea de Área Sanitaria (AAS) de Santiago © AAS-Santiago

A sanidade galega afrontará outra folga o vindeiro 19 de xuño. Tras a desconvocada a última hora do mes de abril na Atención Primaria e os paros nos centros de saúde de Vigo de maio ou a que acumula varios meses nos PAC, o Sergas atópase con outra mobilización de médicos de Atención Primaria acordada este mércores pola Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) de Galicia. 

Representantes de asembleas de áreas sanitarias de toda Galicia acordaron convocar unha folga de médicos de Atención Primaria para o vindeiro 19 de xuño

Por unanimidade, representantes de asembleas de toda Galicia decidiron en Santiago convocar folga no servizo de Atención Primaria do país para este 19 de xuño e confirmar así unha medida preparada desde hai semanas e á que se sumaron o colectivo Precarias e o persoal dos PAC mobilizado. 

Porque o conflito sanitario en Galicia non rematou coa creación desa ampla mesa de diálogo para abordar o futuro da Atención Primaria, unha das medidas que sindicatos e colectivos reclamaran para desconvocar a folga de tres días en abril. O Consello Técnico, a inclusión de cinco puntos “irrenunciables” nas conversas e o cambio no modelo de negociación detiveron aqueles paros, pero non o malestar xeral, que agromou en poucas horas. Tampouco o plan con máis de 100 millóns anunciado hai unhas semanas por Feijóo en plena campaña electoral

Consulta de atención primaria nun centro sanitario galego © Xunta

O conflito sanitario abriu máis frontes. A Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que agrupaba sindicatos, sociedades científicas e diferentes entidades profesionais, dividiuse até quedar case sen funcionamento. As primeiras ofertas de prazas e medidas do Sergas foron cualificadas de “insuficientes” por case todos os implicados e a primeira reunión do Consello Técnico creado a petición do persoal mobilizado espertou tamén as críticas dalgúns sindicatos e de colectivos “frustrados” malia que aínda apostan pola negociación fronte aos que rexeitan xa esta vía e apostan pola mobilización inmediata.

A Asemblea de Áreas Sanitarias, co apoio de Precarias e o persoal mobilizado dos PAC, reclama melloras laborais, máis financiamento, máis persoal e maior capacidade de decisión da Atención Primaria

Asembleas de profesionais das áreas sanitarias galegas constituíronse nesa nova organización, AAS, que apoiou os paros dos médicos da área de Vigo do pasado mes de maio. Agora, este mesmo mércores, membros de asembleas de toda Galicia reuníronse en Compostela para confirmar a convocatoria do 19 de xuño e as demandas comúns, entre as que se atopan melloras laborais, máis financiamento, máis persoal e incremento na capacidade de decisión da Atención Primaria

Entre as reclamacións está tamén o incremento progresivo do orzamento ata o 25% para Atención Primaria e a recuperación das estruturas de xestión deste nivel asistencial nun prazo máximo de 12 meses. Os profesionais solicitan tamén que se habilite "de forma inmediata" a derivación e a consulta telemática con outros servizos, así como a "igualdade de acceso" a probas diagnósticas. Tamén que sexan convocadas en oferta pública de emprego todas as vacantes actuais e previstas no servizo e que se teña en conta a calidade asistencial para redimensionar as cotas e os persoais. Ademais, apoian as peticións dos PAC e reclaman un cambio no contrato eventual de continuidade que lle dea estabilidade e non "fomente a precariedade".

No mesmo día, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, defendeu o plan para a Primaria por ser “moi concreto” e con 200 medidas das cales o 40%, segundo di. Xon aplicables “a curto prazo”. Ademais, cre que os efectos destas medidas “xa se está vendo” e van “moi avanzadas”, tras insistir na necesidade do traballo “conxunto”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.