"Pechado por eclipse": instan a modificar horarios laborais para poder gozar do histórico fenómeno

Cartel deseñado pola Agrupación Ío © Agrupación Ío

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío impulsa a iniciativa Pechado por eclipse que anima a concellos, empresas e entidades con servizos non esenciais a considerar a adaptación temporal dos seus horarios

O vindeiro 12 de agosto non toda a poboación poderá ver a eclipse total de Sol. Algunhas persoas terán que estar traballando no período de tempo no que terá lugar o histórico fenómeno, que non se repetirá ata o ano 2180. A eclipse será visible en Galicia -con pequenas variacións entre unha e outra comarca- entre as sete e media e as nove e vinte da tarde, cun máximo preto das outo e media. 

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío impulsa a iniciativa Pechado por eclipse que anima a concellos, empresas e entidades con servizos non esenciais a considerar a adaptación temporal dos seus horarios

Imaxe deseñada por Manuel Cráneo © Agrupación Ío

A iniciativa tamén pretende "contribuír a unha mellor organización da mobilidade urbana durante esas horas, nas que se prevé unha importante afluencia de persoas a espazos abertos e miradoiros da cidade"

A proposta busca facilitar que "traballadores e cidadanía poidan vivir colectivamente un acontecemento natural pouco frecuente e de grande interese científico, educativo e cultural. Ademais de favorecer a participación cidadá na observación da eclipse, a iniciativa tamén pretende "contribuír a unha mellor organización da mobilidade urbana durante esas horas, nas que se prevé unha importante afluencia de persoas a espazos abertos e miradoiros da cidade". 

A Agrupación Ío destaca que "esta medida permitiría transformar unha tarde singular nun momento colectivo de encontro coa ciencia, ao tempo que reforza a imaxe dunha cidade comprometida coa divulgación científica e coa cultura do coñecemento".

"Esta medida permitiría transformar unha tarde singular nun momento colectivo de encontro coa ciencia, ao tempo que reforza a imaxe dunha cidade comprometida coa divulgación científica e coa cultura do coñecemento"

A campaña ofrece distintas formas de participación, como adiantando a fin da xornada, establecendo un horario especial ou pechando durante un breve intervalo; tamén organizando unha observación colectiva e, igualmente, informando con antelación a clientes, provedores e persoas usuarias. 

Para facilitar a comunicación da modificación temporal de horario,  a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío
facilita unha serie de materiais gráficos, que se poden descargar de balde dende o seu sitio web. No deseño destes materiais colaboraron Manel Cráneo, que realizou a imaxe identitaria e Marta Cortacans, que realizou o deseño gráfico da campaña.

Ademais, na web tamén se poden descargar documentos informativos para entidades públicas, empresas privadas e para entidades sociais e culturais. Nestes, a entidade sinala que "o importante non é a dimensión da medida, senón a vontade de facilitar que as persoas poidan vivir un momento excepcional". 

Cartel deseñado pola Agrupación Ío © Agrupación Ío

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.