"Pokemon", "Transformer", "Drogadicto": o TSXG avala sancionar un profesor de FP por desconsideracións graves ao alumnado

Un acto de capacitación de profesorado de Formación Profesional CC-BY-SA Xunta de Galicia

O tribunal ratifica a suspensión de funcións durante ano e medio a un docente tanto por falta inxustificada de rendemento como polo seu trato ao alumnado

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este luns unha sentenza que avala a suspensión de funcións durante 18 meses e 15 días imposta pola Xunta a un funcionario de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, con destino definitivo nun centro de Formación Profesional de Pontevedra, como autor responsable de dúas infraccións graves: unha por falta inxustificada de rendemento e outra por desconsideración grave a persoas coas que se relacionou no exercicio das súas funcións.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O TSXG tivo en conta un informe do Servizo de Inspección Educativa que indica que, ao longo dos cursos 2018-19 e 2019-20, o director do centro tivo que advertir ao recorrente, "de maneira verbal e en reiteradas ocasións", de que a súa actitude na aula e a respecto do alumnado, así como a súa práctica docente, "non eran as máis acertadas", xa que recibiran numerosas queixas do alumnado, as cales proseguiron nos cursos posteriores. Finalmente, o 17 de marzo de 2021 a Xunta adoptou o acordo de incoación do procedemento disciplinario contra o demandante e o 21 de decembro de 2021 ditou a resolución sancionadora.

A Xunta sancionou o profesor a finais de 2021 tras recibir numerosas queixas polo seu comportamento nos cursos 2018-19 e 2019-20

O castigo pola falta inxustificada de rendemento baseouse nos seguintes feitos: non informar ao alumnado da programación didáctica; impuntualidade; falta de explicación da materia; incoherencia en criterios de cualificación; os exames non demostraron a consecución dos obxectivos específicos; nalgúns exames figuran comentarios como "un desastre" ou "moi frouxo", sen realizar ningunha análise nin indicación; o único instrumento de avaliación era un exame por trimestre; non utilizou en ningún momento a aula virtual nin os medios dispostos pola Xunta; utilizou o WhatsApp como instrumento telemático; e non cumpriu coas instrucións recibidas por parte da Xefatura de Estudos.

O conselleiro de Educación, cuxo departamento sancionou o docente, nun acto sobre Formación Profesional CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Sala salienta que, tanto a través da proba testifical de, polo menos, oito alumnos e alumnas, e da declaración da xefa de estudos, quedou acreditado que o profesor "ausentábase habitualmente da aula sen xustificación durante as clases e deixaba só ao alumnado". Ademais, o TSXG destaca que quedaron debidamente acreditados "todos e cada un dos feitos en que se fundou a imputación de falta inxustificada de rendemento".

Canto aos feitos consistentes na desconsideración grave ao alumnado, o alto tribunal galego tamén entendeu probado o emprego de alcumes inapropiados "para referirse a moitos alumnos, ridiculizándoos e descualificándoos" co emprego de expresións como "Pokemon", "Miau", "Transformer" ou "drogadicto"; así como a utilización de contestacións desagradables, cortantes ou displicentes con algúns alumnos; o trato de favor respecto a algunhas alumnas polo seu aspecto físico e idade; o emprego de comentarios sexistas e insinuantes para referirse a algunhas das alumnas; a realización de preguntas innecesarias e persoais; a intervención nas conversas das mozas na aula; e comportamentos inapropiados, sen seguir as pautas pedagóxicas ás que está obrigado un docente.

Sentenza que avala a sanción a un profesor de FP polo seu comportamento CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG, deste xeito, rexeitou o recurso interposto polo profesor contra unha sentenza previa dun xulgado do contencioso-administrativo confirmara as dúas sancións. Os maxistrados explican que na resolución sancionadora "xustifícase a sanción imposta pola infracción grave de falta inxustificada de rendemento co argumento de que estamos ante condutas persistentes ás que debe imputarse un alto grao de culpabilidade, despois de que o inculpado foi advertido do incorrecto da súa conduta".

Respecto á sanción de suspensión de funcións de 11 meses imposta pola desconsideración grave cara aos alumnos, os maxistrados destacan que "igualmente concorre a intencionalidade, persistencia e dano aos intereses públicos e particulares dos alumnos". Os maxistrados destacan que os feitos imputados "refírense a condutas continuadas que se produciron ao longo dun curso académico, polo que non resulta imprescindible a especificación de datas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.