Política Social nega que filtre as datas das inspeccións ás residencias e ameaza o persoal que o denuncia

Intervención da conselleira de Política Social, Fabiola García, no Parlamento CC-BY-SA Xunta

No pasado mes de agosto, inspectores e inspectoras de centros fornecedores de servizos sociais lanzaron duras críticas á conselleira de Política Social, Fabiola García, á que acusaron de "obstaculizar a eficacia" do seu labor nas residencias de maiores. Advertiron de "filtracións" mesmo desde o propio departamento da Xunta das datas e horas das inspeccións nalgúns centros para que estes puidesen "tapar só durante a visita as irregularidades e ilegalidades nas que están incorrendo". 

Ante a dureza daquelas denuncias, a Consellería apurouse a "negar con total contundencia" unhas acusacións que consideraba "moi graves" e que, advertía, "carecen de veracidade e fanse sen ningún tipo de proba". Esa fora a resposta ao comunicado emitido pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss), que sinalaba directamente a Fabiola García por "permitir que as visitas da Inspección se coñezan de antemán nas residencias de maiores a inspeccionar".

Segundo Agiss, o problema viña de lonxe e foran varias as denuncias de persoal de centros de servizos sociais que alertaban da "evidencia de filtracións" sobre a data e hora das inspeccións en centros que eran avisados con antelación das visitas dos inspectores e das inspectoras. Froito daquelas denuncias, acordouse un cambio no sistema de fixación de citas, optándose por outro que se prevía máis seguro e confidencial pero que foi substituído polo anterior en xullo. 

Residentes dun centro de maiores da Xunta © Xunta

A resposta da conselleira de Política Social este mércores durante a súa intervención no Parlamento foi aínda máis dura. "Negamos taxativamente e con total contundencia as acusacións", dixo na Cámara ás preguntas de BNG e PSdeG, que reclamaron unha "resposta contundente" ante as denuncias e unha investigación "rigorosa e inmediata". 

Fabiola García cualifica as acusacións de filtracións de "gravísimas", "falsas" e "infundadas" e ameazou con "adoptar as medidas necesarias para depurar responsabilidades"

Para García, as acusacións son "gravísimas", "falsas" e "infundadas" e "carecen de toda veracidade". "Fanse sen ningún tipo de proba; e non hai probas porque do que non aconteceu non pode habelas", engadiu a conselleira, que cre que as denuncias "só buscan facer dano, desprestixiando un servizo público fundamental". "Non podemos toleralo, non todo vale", insistiu quen foi máis aló e ameazou as persoas que advertiron e denunciaron as supostas filtracións. 

"A Consellería realizar as actuacións correspondentes e adoptará as medidas necesarias para depurar as responsabilidades ás que haxa lugar", dixo Fabiola García, que insistiu en acusar os inspectores de "acusar sen probas", o que considera "unha enorme responsabilidade". Ademais, defendeu que o sistema funciona porque no que vai de ano leváronse a cabo "máis dun milleiro de inspeccións" que derivaron en "ducias de expedientes e sancións". 

García renegou tamén das críticas que o corpo de inspectores fixo por volver un sistema que fora mudado tras as queixas dos traballadores. Acordouse que a cada inspector ou inspectora lle fose asignada unha listaxe de centros a inspeccionar, sendo unicamente este profesional o que decidía o día e hora da súa visita, que só sería comunicada no intre de acceder ás instalacións á xefa de servizo responsable de cada área "coa finalidade de garantir a máxima confidencialidade da actuación inspectora". 

Supoñía pór fin ao sistema anterior, que consistía na programación das visitas con arredor dunha semana de antelación por parte da xefa de servizo e a autorización destas pola subdirectora xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais. "A esta programación tiñan acceso outros argos da Consellería, como a secretaria xeral, o vice-secretario ou o gabinete da conselleira", advirte o comunicado. Nel asegúrase tamén que "resulta curioso que dalgunha filtración fose acusada a propia conselleira", denunciaba o persoal. 

Iago Tabarés, durante a súa intervención no pleno do Parlamento CC-BY-NC-ND BNG

"Probouse un novo sistema experimental a petición dunha parte do persoal; se ese sistema se desbotou foi porque dificultaba e prexudicaba a organización da inspección", xustifica agora a conselleira de Política Social, que defendeu a "absoluta confidencialidade" da planificación das visitas, á que "só ten acceso o persoal inspector e funcionarios de carreira que forman parte do equipo de inspección". 

O presidente da asociación de inspectores lembra que hai denuncias "desde 2018" e que o cambio de sistema debeuse á preocupación polas filtracións

En conversa con Praza.gal, Marcelino Vidal, presidente de Agiss, lémbralle á conselleira que as filtracións "véñense denunciando desde 2018" e advirte que o cambio de sistema "xurdiu por algo, precisamente pola preocupación ante as devanditas filtracións". 

"O novo sistema beneficiaba as persoas usuarias e eliminaba unha gran parte das posibilidades de filtracións", engade Vidal, que recorda tamén á titular de Política Social que as denuncias sobre estas filtracións "puideron mesmo lerse nalgunha pancarta de traballadores" e foron feitas tamén por "asociacións de usuarios". 

"A Consellería ten que abrir unha investigación e ser tamén investigada, como todos os que formamos parte da inspección"

"A Consellería ten que abrir unha investigación e ser tamén investigada, como todos os que formamos parte da inspección... Eu comparecería gustosamente nunha comisión para achegar todos os datos dos que dispoñemos", di Vidal, que bota en falta que a Consellería "cite os representantes do persoal, das residencias e dos usuarios" para "propoñer un sistema con garantías". 

"Estamos desexando que haxa unha investigación a fondo da inspección dos centros de servizos sociais", insiste, nunha petición na que coincide a oposición. Así, durante o pleno, o deputado do BNG Iago Tabarés pediu á Consellería unha "resposta contundente" e acusouna de "perseguir as persoas denunciantes e ocultar a documentación de expedientes". 

Marina Ortega, na sesión plenaria na que interviu a conselleira de Política Social, Fabiola García CC-BY-SA PSdeG

O BNG pediu á Consellería unha "reposta contundente" e acusouna de "perseguir as persoas denunciantes"

Na súa intervención, o parlamentario do BNG explicou que na actualidade só existen 7 inspectores e inspectoras para o control de 984 centros de maiores e discapacidade, 690 centros residenciais e de atención diúrna de maiores, con pacientes  psiquiátricos e  patoloxías diversas, e 258 centros de discapacidade. “7 traballadoras para 948 centros, varias delas con destino precario e provisorio e con medios materiais escasos”.

Tabarés acusou a Consellería de "permitir un cambio do sistema que impedía as filtracións dende arriba porque non tiñan máis remedio pola presión social" e volver logo ao anterior sistema con “nocturnidade e aleivosía” e "en vez de analizar as denuncias de inspectores e traballadoras se apresuraron a negar a veracidade e ameazar ás denunciantes".

Pola súa banda, a deputada de portavoz de Política Social, Marina Ortega, esixiulle  á conselleira de Política Social que pida unha comisión de investigación “rigorosa e urxente” e denunciou que o Goberno galego ofreza unha “negativa sen informes, argumentos, datos nin proposta de investigación ningunha” logo das acusacións. 

“Se a denuncia do corpo de inspección é certa, a conselleira non pode seguir un minuto máis no posto”, advirte o PSdeG

A parlamentaria socialista advertiu que “se a denuncia do corpo de inspección é certa” a conselleira “non pode seguir un minuto máis no posto”. Emprazou á conselleira de Política Social a facer “a proba do algodón” e, engadiu, “se está tan segura de que ten razón solicite hoxe mesmo unha investigación para esclarecer os feitos diante da cidadanía”. 

Ademais, dixo que estes presuntos chivatazos, que xa foran denunciados polo presidente da Asociación Galega Vellez Digna xa en 2019, de ser certos trátanse de “algo totalmente irregular e gravísimo” por canto “vulneran os dereitos fundamentais das persoas maiores que viven nas residencias”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.