A empresa Valoriza, contratada polo Concello coruñés no marco da emerxencia sanitaria, leva recollidas case 200 toneladas de refugallos
A empresa Valoriza foi contratada polo Concello da Coruña para afrontar a emerxencia sanitaria que declarou a causa da folga na recollida do lixo convocada polo sindicato STL -cuxos dirixentes están inmersos nunha investigación por unha presunta trama corrupta-. Leva apañadas case 200 toneladas de refugallos en tres días, do xoves ao sábado.
É o cómputo ofrecido polo goberno local coruñés este domingo, xornada na que a folga vira en indefinida e na que a empresa concesionaria do servizo, Prezero, di non ter constancia de que ningún traballador a secunde oficialmente. Isto non impide, non obstante, que en múltiplos barrios da cidade a recollida ordinaria do lixo -alén do traballo de emerxencia de Valoriza- sexa inexistente.
Segundo os datos manexados pola comisión de seguimento da emerxencia sanitaria -que preside a alcaldesa, Inés Rey, xunto a tres edís e persoal técnico-, "igual que nos dous días anteriores, cando estaban convocadas senllas xornadas de folga" antes do inicio do paro indefinido, "ningún traballador a secundou". Pero "as porcentaxes de lixo recollidas por operarios da concesionaria foron, novamente, moi baixos ou inexistentes" en diversos puntos.
Na Sagrada Familia, O Castrillón, Os Castros, Matogrande e Eirís ou Mesoiro, Feáns e Valaire o persoal da concesionaria non recolleu lixo ningún este sábado. Na Cidade Vella chegou ao 75% e noutros puntos do centro, ao 70%
Esa ausencia de recollida, abonda o consistorio, tivo "claro impacto en zonas como a Sagrada Familia, O Castrillón, Os Castros", a contorna de Matogrande e Eirís e "a área correspondente a Mesoiro, Feáns e Valaire". Neses barrios a concesionaria non recolleu lixo ningún e noutros, fíxoo en porcentaxes moi baixas, como un 10% nas Roseiras e Labañou, un 15% na Sardiñeira e Elviña, un 20% en Monte Alto ou apenas un 25% no Ventorrillo e a Agra do Orzán.
Só os arredores do Estadio de Riazor (60%) e a Pescaría e outras rúas céntricas (70%) ou a Cidade Vella (75%) rexistraron porcentaxes de recollida do lixo significativas por parte de Prezero. Ao tempo, este domingo o Concello tivo constancia dun novo incendio de colectores, concretamente de dous no barrio de Eirís.
O Xulgado de Instrución número 6 da Coruña mantén como investigado o líder do sindicato convocante da folga, Miguel Ángel Sánchez, por presuntos delitos de branqueo de capitais, estafa, corrupción entre particulares, fraude á Seguridade Social e revelación de segredos. No inicio da operación, a Policía advertiu de que a través do STL os acusados crearan unha "rede criminal" que, entre outras acusacións, cobraba "mordidas" aos empregados para poder traballar no servizo de limpeza da cidade.