O buque ‘Lagertha’ foi inmobilizado en Tarragona, primeiro porto español no que recalou, e a Mariña Mercante abriulle un expediente sancionador
O pasado día 11 o barco Lagertha, con bandeira de Malta, foi detectado por un avión de Salvamento Marítimo realizando unha vertedura de hidrocarburos fronte a Fisterra que se estendeu por 12,7 quilómetros cadrados. Agora, segundo informa o Ministerio de Transportes, vén de ser retido no porto de Tarragona, o primeiro español no que recalou, onde se lle abrirá un expediente sancionador e quedará inmobilizado ata que deposite unha fianza de 100.000 euros e entregue diversa documentación.

Segundo informou este martes o Ministerio de Transportes, a “descarga ilícita de hidrocarburos” foi detectada tamén polo radar do satélite da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) na zona do denominado dispositivo de separación de tráfico marítimo de Fisterra, o canal duplicado tras o Prestige para organizar a circulación de barcos fronte a Galicia.
O ministerio sinala que “a detención do buque produciuse en Tarragona, primeiro porto español no que atracou o Lagertha” e alí quedará “ata que os seus propietarios abonen unha fianza de 100.000 euros na caixa de depósitos, o capitán presente a documentación requirida e designe un domicilio en España”.
Transportes tamén sinala que “tanto a detección deste tipo de infraccións, de carácter grave, como a retención dos buques e a apertura dos correspondentes expedientes sancionadores forman parte das competencias asumidas pola Dirección Xeral da Mariña Mercante, que ten encomendadas as labores de control do tráfico marítimo e loita contra a contaminación que se produce no mar a Salvamento Marítimo”.