O presidente pide á cidadanía "tranquilidade" e asegura que "todas as urxencias son atendidas"
"É certo que despois das festas do Nadal se produce esta repunta e é certo que se están dando situacións complicadas nas Urxencias que se deron tamén outros anos". Así admitiu este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a situación complexa que afrontan as urxencias non só hospitalarias senón tamén da atención primaria, como os Puntos de Atención Continuada (PAC).
Preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns pola situación da atención sanitaria, tras varias semanas de impacto da gripe e outras infeccións respiratorias, o presidente da Xunta asegura que "loxicamente, onde fora necesario facer algún tipo de reforzo se faría". Unha afirmación que contrasta coas queixas de persoal implicado, que asegura que o Sergas non está a adoptar "medidas reais" nin está a reforzar os cadros de persoal.
Pero Rueda non se amosa preocupado e dixo querer mandar "a mesma mensaxe á poboación de que todas as urxencias son atendidas, e polo tanto que teñan esa tranquilidade, con independencia de que é certo que neste momento se produce unha afluencia moi superior á Doutras épocas".