Segue a estabilidade nos datos galegos da COVID á espera da fin do dobre 'efecto fin de semana'

Manexo de instrumental nun cribado da COVID en Cangas CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Cangas | Montaxe: Praza Pública

É habitual lermos e escoitarmos a expresión efecto fin de semana vinculada aos datos de evolución da pandemia do coronavirus, tanto en Galicia como noutros lugares. Este efecto está vinculado, sobre todo, a dous elementos: a menor detección de novos casos pola diminución de probas diagnósticas durante o sábado e o domingo e a distorsión nos datos de hospitalización, ao tramitarse menos altas hospitalarias, especialmente nas xornadas dominicais.

O 'efecto fin de semana' adoita afectar ás cifras de casos novos, pola diminución de probas, e aos indicadores de hospitalización, ao tramitárense menos altas

Dende hai algún tempo, ese efecto fin de semana non veu sendo especialmente relevante en Galicia no relativo ás probas diagnósticas, cando menos no que atinxe ás PCR. Si seguiu sendo máis perceptible nas cifras de hospitalización. Nesta semana en concreto percíbese en ambas variables e faino ademais, especialmente no relativo á hospitalización, con máis intensidade por ser festivo o pasado venres, 19 de marzo. Produciuse, ata certo punto, un duplo efecto fin de semana.

Partindo da base de que, previsiblemente, os datos do vindeiros días reflectirán a situación con maior precisión, o certo é que as cifras actualizadas este luns pola Consellería de Sanidade manteñen a tendencia que, alén das variacións puntuais de días concretos, veu consolidando dende principios de marzo. A estabilidade segue sendo a tónica dominante nos principais indicadores.

O cómputo oficial do Sergas suma este luns 103 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo e dos que 92 son diagnósticos mediante probas PCR. A media a sete días dos diagnósticos do coronavirus a través deste tipo de test segue na contorna dos 130 e as lixeiras diminucións dalgunhas xornadas propician que o total de casos activos continúe á baixa. Segundo a última actualización son 2.481.

Cifras estables de concellos sen casos, malia algunhas variacións locais

As incidencias acumuladas a 14 e 7 días para o conxunto de Galicia baixan un chisco e quedan en 77 e 36 casos novos por cada cen mil habitantes

Esta estabilidade tamén continúa, a grandes trazos, nas cifras de concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas. Os municipios libres da COVID en 14 días son agora 131 (+1) e os que non tiveron casos novos na última semana quedan en 176 (-2). A maior incidencia acumulada a 14 días é, por segundo día consecutivo, a de Beade, que por mor da súa pouca poboación (apenas 384 habitantes) pasou en corenta e oito horas de non rexistrar casos a superar os 1.000 de incidencia a 14 días por ter "entre 1 e 9" -a Xunta non publica o dato exacto para estes pequenos municipios con escaso número de casos-.

Tamén seguen destacando, puntualmente, as incidencias de concellos como Cortegada ou Silleda, este último por mor do gromo que afecta á residencia de persoas anciás da localidade (con 50 casos activos, 45 deles de residentes). Alén destes municipios, os concellos e comarcas con incidencias acumuladas máis elevadas seguen situándose nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo.

Esas variacións locais non provocan, cando menos de momento, alteracións significativas nos datos globai sde Galicia. A incidencia acumulada a 14 días mesmo volve baixar un chisco e, cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, día 20), queda en 77 casos novos por cada cen mil habitantes. A incidencia a 7 días tamén volve diminuír lixeiramente e rolda os 36. Ambos valores son os máis baixos dende o pasado agosto.

Lixeira diminución da hospitalización malia á fin de semana longa

Igualmente á espera dos datos do primeiro día laborable da semana, que serán públicos o martes, as cifras de hospitalización feitas públicas este luns (pechadas ás seis da tarde do domingo) reflicten unha lixeirísima diminución do total de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19, que pasan de 266 a 264 por mor da diminución de dous ingresos en UCI, de 51 a 49. O número de pacientes co coronavirus en unidades de hospitalización ordinaria queda en 215 por segundo día consecutivo. 

Alén dese efecto do día festivo e mais do domingo, que previsiblemente favoreceron que se tramitasen menos altas das que corresponderían, o certo é que os niveis de hospitalización de persoas coa COVID seguen sendo semellantes aos do pasado outono, cando as cifras de casos novos rexistrados practicamente duplicaban ás actuais. Cómpre tamén ter en conta que nestas estatísticas de hospitalización figuran unicamente -en aplicación dos protocolos vixentes- as persoas con test positivo da COVID-19 e desaparecen deles os pacientes que superan a infección pero deben seguir ingresados por mor do seu estado xeral de saúde.

Menos PCR e incremento da positividade

O sábado 20 foi o día con menos PCR procesadas dende setembro e, por esta razón, a taxa de positividade aumenta malia á estabilidade no número de casos novos

O outro indicador no que o efecto fin de semana é desta volta máis claro é o referido ao número de probas PCR procesadas e á súa taxa de positividade (porcentaxe das que dan positivo). Entre as cero horas e as seis da tarde do domingo, o Sergas procesou apenas 1.234 probas PCR e nas vinte e catro horas do sábado foron só 3.103, a cifra máis baixa nun día dende o pasado mes de setembro.

Esta é a razón pola que, malia á estabilidade nas cifras de casos novos, aumentan un chisco as taxas de positividade. Así e todo, a positividade media para o conxunto de Galicia continúa sendo baixa, de arredor do 2,3%, isto é, menos da metade do limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar a pandemia por controlada nun determinado territorio.

Mentres todo isto sucede, tamén van acougando aos poucos as cifras de mortalidade. Este luns entran no cómputo oficial 3 falecementos máis (dous do venres e un, do sábado). O total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega así ás 2.320. [As mortes coa COVID nas residencias pasan de ser o 40% do total de Galicia a apenas o 6% tras a vacinación]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.