A Policía Local de Rianxo denuncia por inxurias a Marcos Maceira e Sara Seco tras a vitoria xudicial da Mesa na que conseguiron que se anulase unha sanción a un veciño de Rianxo que solicitou ser atendido en galego nun cribado da COVID-19
A Mesa pola Normalización Lingüística acadou unha vitoria xudicial o pasado mes de xuño ao conseguir que o xulgado do contencioso administrativo de Santiago de Compostela anulase unha sanción de 600 euros imposta a un veciño de Rianxo, pola Subdelegación do Goberno, cando esixiu ser atendido en galego durante un cribado da COVID-19.
A entidade defendeu a vulneración dos dereitos lingüísticos deste cidadán e a xustiza considerou que non estaba probado que este veciño de Rianxo alterara o funcionamento do centro de saúde. Polo tanto, o xulgado deixou sen efecto a sanción imposta en aplicación da coñecida como Lei Mordaza. Aínda que na sentenza a xustiza sanciónao por uns feitos distintos, unha infracción por "falta de respecto aos axentes da Policía Local de Rianxo", que supón unha multa de 160 euros.
"Perante esta tentativa da policía de Rianxo e da delegación do goberno español de amedrentar a cidadanía que, amparada pola lexislación, solicite ser atendida en galego A Mesa non dubidará en acudir ás instancias que foren precisas para garantir o dereito ao uso do galego". Declaracións coma estas do presidente da entidade, Marcos Maceira, ao coñecer a resolución xudicial, valéronlle agora para ser investigado por un presunto delito de inxurias, segundo denuncia a Policía Local de Rianxo. Un delito do que o corpo policial do municipio do Barbanza tamén acusa a Sara Seco, colaboradora da Mesa pola Normalización Lingüística.
Marcos Maceira e Sara Seco están citados a declarar o 19 de marzo, despois desa toma de declaración o xulgado decidirá se arquiva o caso ou continúa as dilixencias. "A Policía, como forza pública, non lle pode dicir a ninguén que non ten dereito a ser atendido en galego. E por denuncialo, por facelo público, non nos poden denunciar", critica Maceira en conversa con Praza.gal.
O presidente da Mesa defende que desde a entidade non se referiron a ningunha cuestión que non apareza no atestado policial do día no que o veciño de Rianxo denunciado inicialmente solicitou ser atendido en galego polo persoal do Sergas que levaba a cabo o cribado da COVID-19 durante a pandemia.
A denuncia por inxurias presentada agora contén este atestado, no que segundo relata Maceira se demostra como a Policía Local de Rianxo omitiu informar con veracidade a este cidadán sobre o deber legal do empregado público de "garantir a atención aos cidadáns na lingua oficial", que se recolle na lei do emprego público de Galicia e na lei básica do funcionario público.
"Só se pode entender isto se hai algún tipo de fobia ao uso do galego ou á reivindicación dos dereitos lingüísticos", sinala Maceira
Tanto Maceira como Seco agardan que a investigación aberta agora no xulgado de Padrón sirva para aclarar por que a Policía Local de Rianxo informou a este cidadán de que non tiña dereito a solicitar atención nin a ser atendido en galego. Ambos os dous recalcan que "non só non é certo que o funcionariado público non teña que atender en galego a quen o solicitar, senón que a lexislación o considera falta grave".
"Só se pode entender isto se hai algún tipo de fobia ao uso do galego ou á reivindicación dos dereitos lingüísticos. Fobia e ánimo de amedrentar a un cidadán que, inicialmente, deberon pensar que estaba só. Pero tivo acompañamento noso, da Mesa, en todo momento; e agora van por nós. A razón, partindo de que está todo por escrito no atestado policial, está da nosa parte. Nós só nos metemos coa parte na que se lle di a esta persoa que non ten que ser atendido en galego", debulla Marcos Maceira.