A inminente suba do canon de Sogama, a factura que a empresa da Xunta (51%) e Naturgy (49%) cobra aos 295 concellos nos que xestiona os refugallos, devolveu os focos sobre o modelo de xestión do lixo. Para evidenciar, por exemplo, que a primacía da incineración para xerar enerxía eléctrica, modelo adoptado en tempos de Fraga, acaba prexudicando agora a Galicia por ir en contra das directrices europeas a prol da reciclaxe, que dispoñen gravar con máis impostos modelos coma o preponderante en Galicia.
A suba do canon de Sogama aos concellos volveu poñer o foco no modelo de xestión do lixo
No debe do modelo Sogama está a aposta pola queima do lixo. No seu haber, a desaparición de gran parte dos vertedoiros a ceo aberto que poboaban a paisaxe galega ata finais do século pasado. Aínda así, segue habendo vertedoiros. Tanto en Galicia, como noutros puntos do Estado. Para, por exemplo, tratar refugallos perigosos. Como vén de amosar unha investigación de Civio, son un total de 17 nun mapa no que o noso país figura por partida dupla. Pola planta de Sogarisa nas Somozas e pola propia Sogama.
Os datos concretos destas instalacións foron obtidos por Civio a través dunha solicitude ao abeiro da Lei de Transparencia. No caso galego, a máis relevante é a de Sogarisa, a Sociedade Galega de Residuos Industriais, concesionaria do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, titularidade da Xunta.
Sogarisa é a concesionaria do Centro de Tratamento de Residuos Industriais da Xunta e un dos 17 vertedoiros de refugallos perigosos de todo o Estado, cuxa situación aborda unha investigación de Civio
Este complexo, pouco presente habitualmente nas noticias, si estivo no foco público por ser o destinatario de parte do chapapote do Prestige. O pasado 2022, no vixésimo aniversario do naufraxio, a organización ecoloxista Adega calculaba que aínda permanecían nas Somozas sen tratar unhas 10.000 toneladas de refugallos do petroleiro, compostas por un 60% de area, 20% de auga, 12% de plástico e un 8% de fuel
Tamén existiron, non obstante, outros episodios conflitivos. Menos mediáticos, pero máis próximos no tempo. Así, como informa Civio, en abril de 2022 un gandeiro da parroquia de Seixas, Alejandro Casto, viu como a herba na que pacen habitualmente as súas vacas estaba manchada dun po branco. Deu aviso ao enxeñeiro técnico que está obrigado a contratar para poder recibir as axudas da Política Agraria Común (PAC) que, nun informe ao que tivo acceso Civio, ordenou que "baixo ningún concepto" utilizase esta herba para a alimentación dos animais, porque lles podería causar a morte, e que se desfixese dela.
O informe sinalaba que a herba estaba manchada con cal vivo procedente dos procesos de inertización dos residuos perigosos que almacena o vertedoiro das Somozas, a escasos 400 metros da súa leira. A finais dese ano volveu suceder e tivo que volver destruír a forraxe. Tentou, testemuña, comunicalo á Consellería de Medio Ambinete. " Tivéronme alí durante hora e media pero nada, que non miraban o informe, que non tiñan nada que mirar porque os informes que lle chegan son todos favorables", asegura Castro.
Un gandeiro da contorna denunciou que a cal usada por Sogarisa afectou á herba que pacen as súas vacas e un informe técnico advertiuno de que non a consumisen "baixo ningún concepto". Na Xunta, mantén, insístenlle en que "os informes que lles chegan son favorables"
O vertedoiro das Somozas está a escasos 30 quilómetros da ría de Ferrol. E a apenas 200 metros do extremo sur do espazo natural protexido da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ortigueira-Mera, incluído na Rede Natura 2000, tal e como reflicte na súa declaración de impacto ambiental. A escasos 80 quilómetros das Somozas atópase Sogama, en Cerceda.
Episodios coma estes non son puntuais, afirma Roberto Videla, de Ecoloxistas en Acción. Esta organización, xunto á asociación de consumidores Acoaga, denunciou por emisións ilegais a Sogarisa. Un xulgado de Ferrol está a investigar o caso.
"Se unha emisión de cal a medio quilómetro pode matar un animal de 500 quilos, pois non quero saber como nos pode afectar as persoas que vivimos a 2 quilómetros", alerta Videla. A autorización ambiental desta instalación non contempla emisións á atmosfera nin verteduras, enfatiza.
Un xulgado de Ferrol investiga unha denuncia por emisións ilegais de Sogarisa. A patronal do sector subliña que "é absolutamente excepcional que se produzan escapes contaminantes" en instalacións coma estas
A investigación xudicial está actualmente á espera do informe do Seprona da Garda Civil. A organización ambiental prevé presentar tamén un informe de seu, elaborado con probas recompiladas mediante axuda de veciñanza da zona.
Unha visión diferente é a que ofrece Luis Palomino, secretario xeral da Asociación de Empresas Xestoras de Residuos e Recursos Especiais (Asegre). "É unha situación absolutamente excepcional que se produzan escapes contaminantes", mantén. A patronal do sector evidencia que é frecuente que plataformas veciñais ou ecoloxistas poñan o foco en instalacións coma estas, pero defende que se caracterizan polas súas boas prácticas. "Como instalacións industriais que son, reciben queixas, que as instalacións atenden e resolven na medida do posible", conclúe.