O Prestige aínda mancha, pero non é doado saber exactamente canto. Tras a catástrofe, recolléranse unhas 90.000 toneladas de fuel mesturadas con area, plásticos e outros refugallos. A maioría, unhas 60.000 toneladas, almacenáranse nas instalacións da Sociedade Galega de Residuos Industriais (SOGARISA) e o resto foran a Sogama e outros puntos.
O deputado Néstor Rego advirte no Congreso de que, segundo cálculos de Adega, quedan sen tratar unhas 10.000 toneladas de refugallos do chapapote mesturado con outros materiais
Entre 2006 e 2009 tratáranse a maior parte destes residuos e Sogarisa afirmou que os que foran á súa planta foran tratados por completo, se ben colectivos ambientalistas como a asociación ecoloxista Adega calculan que unhas 10.000 toneladas quedaron simplemente almacenadas. O asunto vén de chegar ao Congreso a través do BNG, que reclama ao Estado que, en coordinación coa Xunta, aclare se efectivamente queda esa cantidade de residuos do chapapote do Prestige sen tratar e, sexa cal for, reciba tratamento adecuado.
As iniciativas presentadas no Congreso este venres polo deputado do BNG, Néstor Rego, inciden en que "até 2006 non se comezou cos traballos de tratamento destes residuos" e, aludindo aos cálculos de Adega, idican que "unhas 10.000 toneladas están se tratar, almacenadas nunha balsa de augas pluviais e pendentes de que as dúas administracións" alcancen "un acordo para dotar os recursos económicos necesarios" e así "iniciar o tratamento".
A reclamación chega no marco do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige e mentres, subliña Rego, organizacións como Adega "lembran que a lei de residuos e solos contaminados obriga a tratar estes refugallos nun prazo máximo de seis meses". Por iso, subliña, "o Estado debe acordar coa Xunta, se é que aínda non o fixo, financiar o tratamento dos residuos" e así "cumprir a legalidade establecida".
Pontón chama a manifestarse este domingo fronte á crise de prezos
Paralelamente á presentación en Madrid, das iniciativas ao fío dos refugallos do Prestige, o BNG puña este venres o foco, a través da súa portavoz nacional, no chamamento á manifestación convocada pola formación soberanista para este domingo en Santiago "por unha saída galega e xusta á crise" de prezos. Durante unha visita a varios comercios e á praza de Abastos de Redondela con membros do Bloque na localidade, Ana Pontón subliñou que esta manifestación pretende ser un chamamento a "actuar" en ámbitos como os dos prezos dos alimentos.
Pontón cre "de sentido común" abordar "o descontrol de prezos" con medidas temporais como "IVE cero para os produtos básicos da cesta da compra"
Despois de que, esta mesma semana, os datos da inflación de novembro confirmasen un incremento interanual do 15% dos prezos da alimentación, Pontón cre "de sentido común" abordar "o descontrol de prezos" con medidas temporais como "IVE cero para os produtos básicos da cesta da compra". A esta reclamación, di, engaden outras como unha modificación da lei da cadea alimentaria chamada a "evitar a especulación cos alimentos de primeira necesidade" ou a creación dun Observatorio Galego de Prezos que controle esa cadea.
A líder do BNG cre que "para que se tomen medidas en profundidade e evitar que unha minoría se enriqueza mentres unha maioría o está pasando mal", cómpre que a do domingo sexa "unha gran mobilización social". Trátase, conclúe, de "evitar erros do pasado", que é tanto como "evitar que os de sempre paguen a crise mentres os de sempre se enriquecen".