Á tardiña do pasado martes quedou controlado na parroquia de Quins, no concello de Melón, o incendio que se iniciou na noite do pasado luns e queimou xa 75 hectáreas nunha nova semana con diversos incendios en Galicia que afectan sobre todo a provincia de Ourense.
Ademais de en Melón, a Consellería do Medio Rural informou a primeira hora do mércores da situación doutros fogos, como o que afecta desde hai días á Pena, no municipio de Cenlle, activo tamén pero que "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización" logo de queimar xa unhas 62 hectáreas.
Os incendios aínda activos en Cenlle, Oímbra e Melón achéganse ás 300 hectáreas ardidas
Na mesma provincia, Oímbra tamén volveu ser protagonista logo de sufrir varios incendios importantes neste verán. Desta vez, un foco orixinado en Portugal e xa estabilizado espallou as lapas alén da raia e arrasou xa 140 hectáreas en territorio galego. Son, xa que logo, tres fogos aínda sen controlar en Ourense que se achegan ás 300 hectáreas ardidas.
Todo nunha semana que empezou coa extinción doutro incendio en Viana do Bolo, na parroquia de Grixoa, despois de queimar 114,4 hectáreas (dúas arboradas e 112,4 de monte raso), e dun fogo en Porto do Son que arrasou 80 hectáreas.
Aínda que con menos virulencia e superficie afectada que a finais de xullo e principios deste mes, o número de hectáreas queimadas continúa a aumentar no que é o peor verán dos últimos quince anos en Galicia.
Son xa máis de 9.000 hectáreas ardidas en incendios forestais neste agosto logo da intensa vaga de lume en xullo, na que só na última quincena de mes arderon en toda Galicia máis de 34.000 hectáreas.
Tan só en mes e medio, desde o 14 de xullo pasado, o total de hectáreas ardidas, segundo os datos que facilita a Xunta, supera xa as 43.000. É o peor verán e o segundo peor ano -cando aínda quedan catro meses para que remate- desde 2006.