Hai un ano, entre o 12 e o 18 de setembro do 2020, Galicia sufriu a última gran vaga de incendios. Unha semana na que nuns poucos concellos da provincia de Ourense arderon unhas 8.500 hectáreas de terreo, máis da metade do total queimado no conxunto de Galicia, ao redor de 15.000 hectáreas.
Fernando Rodríguez Jiménez, Enxeñaría Forestal pola Universidade de Vigo, levou a cabo unha análise destes incendios, realizando a cartografía con detalle dos lumes
O lume deses días afectou sobre todo ao sur da provincia (Cualedro, A Mezquita ou Lobios, na serra do Xurés) e tamén ao Macizo Central Ourensán, en concellos como Vilariño de Conso, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Laza ou Pobra de Trives. O alto número de Grandes Incendios Forestais, principalmente por estar concentrados en só seis días, deu lugar a unha situación comprometida para o dispositivo contra incendios.
Fernando Rodríguez Jiménez, Enxeñaría Forestal pola Universidade de Vigo, levou a cabo unha análise detallada destes incendios, realizando a cartografía con detalle dos lumes na provincia de Ourense. Xa o pasado ano Rodríguez completara o seu Traballo de Fin de Grao sobre a caracterización e análise dos lumes no distrito forestal XIII entre os anos 2001 e 2015. No seu estudo afondaba nos datos do Macizo Central Ourensán, que se estende polos concellos Viana do Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Laza, O Bolo, Pobra de Trives, Montederramo, Larouco e Petín, unha zona que nas últimas dúas décadas sufriu un gran número de incendios repetidos nas mesmas zonas.
O groso do seu estudo céntrase nos incendios desa semana entre o 12 e o 18 de setembro, 15 incendios que queimaron 9.566 hectáreas
Fernando Rodríguez emprega as imaxes do satélite Sentinel-2, que ofrecen una resolución de 20 m por pixel, o que permite obter a superficie dos incendios cun bo detalle. Recolleu un total de 49 incendios, que suman un total de 15.738 hectáreas, aínda que unha parte corresponden a territorios en Portugal ou Zamora a carón da fronteira galega.
Con todo, o groso do seu estudo céntrase nos incendios desa semana entre o 12 e o 18 de setembro, 15 incendios que queimaron 9.566 hectáreas, unha parte xa en territorio portugués ou en Zamora, pero a maioría en concellos ourensáns.
O máis importante foi o que afectou á Serra do Xurés, iniciado na parroquia de Río Caldo, en Lobios, e que queimou case dúas mil hectáreas de terreo. Tamén o que queimou máis de 1.200 hectáreas en Cualedro (Montes). Outros sete incendios superaron esa semana as 400 hectáreas en Ourense.
A seguir pode consultarse a cartografía detallada realizada por Fernando Rodríguez, que inclúe información individualizada de cada incendio ao clicar sobre a superficie vermella que marca o terreo queimado en cada un deles.
Lobios (2.693 hectáreas queimadas) e Monterrei (1.924) foron os dous concellos que sufriron máis o efecto do lume
Lobios (2.693 hectáreas queimadas) e Monterrei (1.924) foron os dous concellos que sufriron máis o efecto do lume, seguidos de Cualedro (1.206), Chandrexa de Queixa (992) e Vilariño de Conso (908). Manzaneda, A Mezquita, Vilar de Barrio, Viana do Bolo, Oímbra, Vilardevós, A Gudiña e Maceda sumaron tamén amplas zonas de terreo queimado.
Varios deles son habituais nos últimos anos nas clasificacións das localidades con máis superficie queimada. Manzaneda, Cerdedo, Viana do Bolo, Cualedro, Laza, A Gudiña, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Quiroga, Pazos de Borbén, Avión, Vilariño de Conso, Carnota, Vilardevós e A Mezquita son os 15 concellos no que ardou máis superficie de terreo entre 2001 e 2014. 11 deses 15 sitúanse na provincia de Ourense