Un ano sen Xaquín Álvarez Corbacho: o economista, o alcalde, o loitador

Xaquín Álvarez Corbacho © Foro Económico de Galicia

O pasado mes de abril Álvarez Corbacho recibiu no Grove unha homenaxe -organizada pola Asociación Cívico-Cultural Barlovento, o Concello e a Deputación de Pontevedra- na que se proxectou un vídeo que repasa a súa traxectoria

O 23 de xuño do pasado ano faleceu o economista Xaquín Álvarez Corbacho, alcalde do Grove entre 1979 e 1981, loitador antifranquista, militante do PCG e catedrático universitario, colaborador moi activo de CCOO en Galicia e da Fundación 10 de Marzo e conselleiro do Consello de Contas de Galicia. A súa perda foi chorada en distintos ámbitos e lugares, especialmente na propia vila do Grove, onde se lembrou especialmente o seu activismo político e o seu labor como alcalde, destacando o seu papel clave en loitas que permitiron salvar o Monte Central da Toxa ou a contorna da Lanzada, ameazada por intereses inmobiliarios.

O pasado mes de abril Álvarez Corbacho recibiu unha homenaxe organizada pola Asociación Cívico-Cultural Barlovento, o Concello do Grove e a Deputación de Pontevedra, que incluíu unha exposición sobre a súa figura e un acto no propio monte da Toxa, que pasou a denominarse 'Monte Xaquín Álvarez Corbacho'. Os actos tiveron por título “Principios, Modernidade, Visión de Futuro" e neles interviu o ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño.

Coincidindo co primeiro cabodano do seu pasamento, publícase na rede esa peza audiovisual, realizada por Xarda

Nesa homenaxe proxectouse tamén un vídeo dedicado a Álvarez Corbacho, que repasa a súa vida e no que interveñen distintas persoas que o coñeceron en diferentes momentos da súa traxectoria. A peza audiovisual, realizada polo colectivo Xarda vén de publicarse na rede para o seu visionado aberto, coincidindo co cabodano do pasamento do economista. 

A peza audiovisual repasa a súa loita antifranquista e a súa xestión na alcaldía, destacando o seu papel clave en loitas que permitiron salvar o Monte Central da Toxa ou a contorna da Lanzada, ameazada por intereses inmobiliarios

A peza audiovisual repasa a súa loita antifranquista e a súa xestión na alcaldía, a través dos testemuños de compañeiros e compañeiras, concelleiros do Grove e outros veciños e veciñas da localidade. Ademais, incorpora fragmentos dunha entrevista concedida por Álvarez Corbacho. "Eu poño en primeiro lugar a liberdade e a dignidade das persoas. Sen liberdade os pobos afogan na barbarie; e ter pan pero a custa de perder a dignidade é unha mala combinación", di o economista nun destes fragmentos.

Xaquín Álvarez Corbacho CC-BY-SA Praza Pública

O vídeo, ademais de percorrer a súa actividade como economista, activista e político, lembra tamén a súa traxectoria deportiva, dunha notable importancia, pois nos anos 60 Álvarez Corbacho xogou durante catro tempadas no Celta de Vigo, co que disputou máis de 30 partidos, para logo completar a súa carreira no Racing de Santander e no Compostela. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.