A psicóloga Marta Ramos asegura que hai catro saúdes que están interrelacionadas ás que é preciso atender con igual dedicación: a saúde física, a mental, a económica e a social
“Que é ser maior?”. A pregunta encheu a Casa Escola de Ladra (Vilalba) mentres a veciñanza trataba de dar cunha definición oficial. O certo é que esa definición regrada non existe como tal, por iso pódese afirmar que hai moitas maneiras de ser unha persoa maior. A psicóloga Marta Ramos é a encargada de impartir as conferencias sobre envellecer de forma activa que o programa Xunt@s da Deputación de Lugo está a levar por toda a provincia. “Non se trata de botarlle anos á vida, senón vida aos anos”, resumiu sobre o concepto do envellecemento.
Un dos veciños que atendía á xornada que tivo lugar o pasado 24 de abril deu cunha das claves. “Trátase de vivir como é debido”, dixo. Ese é o obxectivo, ao final, non vivir moitos anos. Co envellecemento activo o que se pretende é que a xente cumpra anos mantendo a saúde. E Marta Ramos asegura que hai catro saúdes que están interrelacionadas ás que é preciso atender con igual dedicación. Son a saúde física, a mental, a económica e a social.
“Por moitos cartos que teñas, aquí non queda ninguén”, conta a psicóloga que lle dixo unha muller nunha das primeiras charlas que impartiu para o programa Xunt@s, unha experiencia que preparou xunto ao xeriatra do hospital de Lugo Laureano Negrón. Marta Ramos falou da importancia de chegar a vello cun peto porque –dixo– “ser maior é moi caro”. Gafas, implantes de dentista, audiófonos, adaptacións no fogar... “É importante reclamar que haxa recursos públicos para que a xente maior teña uns mínimos cubertos”, explica a especialista. “Por desgraza os cartos aínda fan moito”, apunta un dos asistentes.
Segundo a psicóloga, para poder dicir que alguén ten boa saúde debe aprobar nos catro apartados, sen menosprezar o social, pois "o ánimo é saúde"
A saúde social é fundamental, tanto nas contornas rurais como nas cidades. “Aquí se falta un veciño decatámonos, non pasa o mesmo na cidade”, reivindica un dos veciños de Ladra, quen incide en que “xa non se aguanta aos vellos nas casas coma antes”. Segundo a psicóloga, para poder dicir que alguén ten boa saúde debe aprobar nos catro apartados, sen menosprezar o social, pois “o ánimo é saúde” e “quen ten relación coa xente do seu arredor ten mellor saúde”.
Quizá resulte esencial a calquera idade, pero Ramos destacou que non importa o número de amizades, senón o feito de ter persoas de confianza na contorna. Porén, e máis alá da necesidade de manter un nivel aceptable de saúde física, o piar fundamental está na saúde mental. “É que se che falta a cabeza, fáltache todo”, asegura un dos veciños. Un bo estado anímico pasa pola felicidade, a serenidade, a gratitude, o optimismo ou a empatía; sen sensacións persistentes de medo, tristeza, culpa ou nervios. “Temos que ter as emocións que toca, cando toca”, argumenta a psicóloga.
Como coidamos as nosas emocións? A veciñanza de Ladra ten claro que “a cabeza hai que tela ocupada” e a iso se refire a psicóloga cando pon o foco nas afeccións, neses proxectiños que axudan no día a día. Tamén afectan un descanso correcto –“Non é só durmir, tamén é ter tempo para un mesmo”, di Marta Ramos–, unha dieta saudable sen abuso de substancias tóxicas como o alcohol, un desafogo emocional –para o que axudan moito as relacións de confianza– e realizar actividades intelectuais como ler, escribir a man, facer contas ou facer pasatempos. “O cerebro é vago, hai que poñelo a traballar”, advertiu.
"Ter unha boa saúde non é non ter unha enfermidade", precisou a psicóloga
Por último, unha boa saúde física depende tanto de factores biolóxicos ou xenéticos como de cuestións sociais e do medio ambiente. O exercicio físico aeróbico axuda a moitas persoas cos nervios e a ansiedade, e resulta moi bo para o corazón e mais o sistema circulatorio; os exercicios de flexibilidade axudan moito co equilibrio; e os de forza e resistencia coidan da saúde dos ósos e dos músculos. Ademais, Ramos salientou que “pasamos máis tempo do que deberamos na cama”, onde argumentou que non é bo estar máis de oito ou nove horas.
“Ter unha boa saúde non é non ter unha enfermidade”, precisou a psicóloga Marta Ramos durante a súa exposición, na que animou a veciñanza asistente a demostrar as súas capacidades: “Cando nos digan que somos moi vellos para facer algo, fagámolo dúas veces”, lembrou. Neste senso, reivindicou as vantaxes de pedir axuda tanto aos profesionais sanitarios como as traballadoras sociais dos centros de saúde e dos concellos.