Un falecemento e ningún diagnóstico novo de coronavirus na última xornada en Galicia

©

Algúns modelos matemáticos apuntaban ao comezo da pandemia que en Galicia podería comezar a darse por controlado o brote da covid-19 a mediados de maio e que, contra finais deste mes, comezaría a haber xornadas nas que non abrollase ningún caso novo. Iso é o que sucedeu este sábado, 30 de maio, e o que reflicten os datos publicados polo Ministerio de Sanidade este domingo, 31 de maio.

O Ministerio de Sanidade ultima a revisión da serie histórica completa, que para Galicia é a única porque a Xunta non contempla publicar a súa

Sen ningún novo diagnóstico nas últimas vinte e catro horas e cun só novo falecemento tras tres días sen novas mortes ligadas á covid-19, a pandemia está no seu ritmo máis baixo dende o inicio malia ao incremento dunha persoa ingresada nas UCI galegas nesta xornada, toda vez que a hospitalización tamén está niveis mínimos. Todo, mentres o Ministerio ultima a revisión da serie histórica -prevé culminar os traballos arredor do vindeiro mércores-, o cal no caso galego permitirá observar, en aplicación do protocolo aprobado o pasado 11 de maio, cantos casos foron diagnosticados cada día. Esta posibilidade non existe ata agora porque a Xunta desbotou a posibilidade de facer pública a súa serie e segue sen divulgar en formatos abertos os datos da pandemia.

As persoas falecidas pola covid-19 son 616 segundo o Sergas e o Ministerio ten pendente de confirmar se sete deses casos se deben ao coronavirus. Mentres a Xunta segue sen publicar todos os seus datos, Feijóo acusa o Estado de "improvisación de proporcións moi lamentables" na información

No que atinxe ao número de persoas falecidas, o Sergas deu conta dun máis na última xornada, para un total de 616, mentres que o Ministerio de Sanidade sinala en Galicia só 609 decesos, dos cales tres corresponderían á última semana. Esa diferenza débese, como indicou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, Fernando Simón, a que algúns casos poden estar duplicados ou existir dúbidas sobre se o falecemento se debeu ou non á covid-19.

Esas discrepancias serán resolvidas tamén na revisión de datos en marcha e a serie histórica, será corrixida "semanalmente" a medida que cada caso estea ratificado. Esa diferenza nos datos era admitida tamén este domingo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista co xornal La Voz de Galicia na que se gabou de "ofrecer os datos todos os días" e atribuíu "improvisación de proporcións moi lamentables" ao xeito en que o Goberno de España divulga a información, que é fornecida polas autonomías. 

Os "positivos activos" dos que informa a Xunta son 17 menos e quedan en 732, mentres que as persoas que o Sergas considera curadas chegan a 9.958, vinte e dúas máis

A Xunta, en calquera caso, segue sen ofrecer a súa serie completa e sen informar directamente -aínda que si transmite estes datos ao Estado- sobre o número de casos novos diagnosticados cada día ou sobre a referencia temporal das recuperacións que vai documentando. O indicador de referencia nos partes que publica o Goberno galego segue a ser o dos "positivos activos", que este 31 de maio seguen baixando e quedan en 732 -dezasete menos- mentres as persoas que considera "curadas" chegan a 9.958 -vinte e dúas máis-.

Con estas cifras, o número acumulado de persoas que deron positivo nalgún momento chega ás 11.306. Son seis máis que o día previo e, dado que o Ministerio informa de que nas últimas vinte e catro horas non se produciron diagnósticos novos, cabe deducir que esa media ducia de casos corresponden a positivos en test de anticorpos de días pasados. A Xunta, en calquera caso, non o aclara.

Estas cifras rexístranse mentres o número de probas PCR realizadas en Galicia chega ás 142.755, segundo o Sergas. Son 1.424 maís que un día antes. 

Unha persoa máis na UCI, só catro en total

A ausencia de datos completos por parte do Sergas dificulta tamén este domingo a interpretación dos datos de hospitalización que, en calquera caso, está en niveis mínimos dende o inicio da pandemia. Así, a información do Ministerio reflicte que nas últimas vinte e catro horas se rexistrou unha hospitalización nova en Galicia a causa da covid-19, pero tamén indican que na última semana non houbo ingresos novos en unidades de coidados intensivos por este motivo.

As persoas hospitalizadas con test positivo da covid-19 están en niveis mínimos dende o inicio da pandemia

Mentres, o parte diario da Consellería de Sanidade indica a existencia de 4 persoas ingresadas na UCI con test positivo da covid-19. Son, en calquera caso, niveis mínimos de ingresos tanto en coidados intensivos -chegou a haber 177 persoas na UCI con test positivo- como nas unidades de hospitalización ordinaria -en planta-, onde os ingresos son agora 33, tres menos que no día anterior. O total de hospitalizacións con test positivo está agora en 37, segundo o Sergas. Son dúas menos que o día anterior.

No que atinxe ás persoas que seguen en illamento domiciliario tras daren positivo, este 31 de maio son cinco menos e quedan en 695. Entre elas inclúense 39 persoas usuarias de residencias de maiores nos propios centros. O total de persoas usuarias de residencias que seguen con test positivo son este domingo 46, dous menos que na xornada anterior.

Por áreas sanitarias, coma sempre a única referencia é a dos positivos activos que indica o Sergas, xa que a información do Ministerio só chega ao ámbito autonómico. A redución de 17 positivos activos débese, sobre todo, aos sete casos menos na área sanitaria de Ourense. A única na que se incrementan é a área de Ferrol, que é a que menos positivos activos ten, e é unha suba dun único positivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.