Un mapa interactivo informa a diario da situación da COVID nos concellos galegos e portugueses das dúas beiras do Miño

Situación epidemiolóxica dos concellos situados nunha e noutra beira do río Miño © AECT

A cidadanía dos concellos do sur da provincia de Pontevedra e do norte do distrito de Viana do Castelo xa pode consultar a situación da pandemia nunha e noutra beira da fronteira nun único mapa, o Covid-Miño, creado pola Deputación de Pontevedra e que se pode consultar na web smartminho.eu da AECT Río Miño.

A aplicación inclúe un mapa interactivo que recolle a incidencia acumulada en 15 concellos galegos e 10 portugueses

A aplicación inclúe un mapa interactivo que recolle a incidencia acumulada (número de positivos diagnosticados nos 14 días anteriores) en 15 concellos galegos e 10 portugueses, así como o número total de casos activos en cada localidade. Ademais, amosa os distintos niveis a través dún código de cores propio (independente dos empregados en Galicia ou Portugal), permitindo unha comparación máis rápida e intuitiva entre a situación dunhas e doutras zonas.

Neste momento, segundo o mapa, un concello -Arbo- ten un nivel de risco moderado (cunha incidencia por debaixo dos 240 casos por cada 100.000 habitantes), outro -A Guarda- ten un nivel de risco alto (cunha IA entre 240 e 480), 12 localidades atópanse nun nivel de risco moi alto (IA entre 480 e 960) e os restantes 11 presentan un nivel de risco extremo, cunha IA por riba dos 960 casos. Entre eles están os galegos Crecente, A Cañiza e Mondariz e os outros oito son portugueses, entre eles todos os que teñen fronteira con Galicia.

Autoridades e cidadanía de Tui camiñando cara a Valença pola ponte metálica sobre o Miño na reapertura da fronteira o 1 de xullo © Concello de Tui

O COVID-Miño "pretende facilitar o coñecemento e datos veraces da pandemia a toda a cidadanía que ten que moverse no territorio miñoto ben por cuestións laborais ou familiares"

O COVID-Miño "pretende facilitar o coñecemento e datos veraces da pandemia a toda a cidadanía que ten que moverse no territorio miñoto ben por cuestións laborais ou familiares", destaca Uxío Benítez deputado responsable do Departamento de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra.

As localidades dunha e doutra beira da raia manteñen a demanda da apertura da totalidade dos pasos na fronteira para os e as traballadoras. Benítez aseguran que seguen “expectantes” e “vixiantes” ante o que suceda nos próximos días e as decisións que adopten os respectivos gobernos español e portugués. De momento, o Estado español xa prorrogou ata o 1 de marzo o peche de fronteiras e o Estado portugués espérase que o faga en breve.

A web informa tamén das diferentes medidas decretadas polos respectivos gobernos sobre cuestións como a mobilidade laboral e peches perimetrais

Uxío Benítez explica que “o que nos consta é que os gobernos están negociando para ver que pasos fronteirizos van manter para o paso das persoas traballadoras. Queremos ser optimistas e entendemos que as nosas reclamacións e as nosas protestas tiveron eco sobre todo no lugar onde eran máis reacios, no goberno portugués, polas declaracións do ministro de Administración Interna. Entendemos e agardamos que vai haber unha recapacitación na decisión tomada hai 15 días”

A web informa tamén das diferentes medidas decretadas polos respectivos gobernos sobre cuestións como a mobilidade laboral e peches perimetrais, réxime de apertura de hostalaría e restauración, educación e situación escolar, comercio e outras consideracións socio-sanitarias co obxecto de manter informada ás persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río. 

"Queremos ser optimistas. As nosas reclamacións tiveron eco sobre todo no lugar onde eran máis reacios, no goberno portugués", destaca Uxío Benítez, confiado na apertura de máis pasos fronteirizos para traballadores/as

En Portugal está en vigor un confinamento domiciliario obrigatorio agás para ir traballar (nas ocupacións que non permitan o teletraballo, que é obrigatorio) ou realizar compras esenciais. Toda a hostalaría está pechada, o mesmo que a maior parte do comercio e as oficinas non esenciais.

A fronteira entre os dous países permanecerá pechada, cando menos, ata o 14 de febreiro e só pode ser atravesada por quen acredite debidamente ter un motivo para facelo. Estes pasos condicionados poden ser realizados en calquera momento polas pontes que unen Tui e Valença do Minho e unicamente de luns a venres de 8:00 a 10:00 e de 19:00 a 21:00 horas pola ponte entre Salvaterra do Miño e Monçao.

Ponte entre Salvaterra do Miño e Monçao, que só abre de luns a venres de 8 a 10 e de 19 a 21 horas CC-BY-SA Kanano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.