O Tribunal Constitucional condena que se decidise o internamento psiquiátrico involuntario dun home sen que puidese contar coa presenza dun avogado, da Fiscalía, nin dunha irmá que o podía representar
O Tribunal Constitucional vén de facer pública unha sentenza con data do 20 de xullo que declara que un xulgado de Santiago e a Audiencia Provincial da Coruña vulneraron o dereito constitucional fundamental dun home á liberdade persoal ao decidir o seu internamento psiquiátrico involuntario sen que puidese contar coa presenza dun avogado, da Fiscalía, nin dunha irmá que o podía representar. O Constitucional considera que se privou ao home do seu dereito á liberdade nas dimensións do "dereito á asistencia xurídica" e do "dereito a recibir información do órgano xudicial" sobre a súa situación.
Segundo o relato dos feitos o home foi sometido en setembro de 2024 "a un internamento urxente non voluntario por razóns de saúde mental". Para iso o Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago celebrou unha audiencia conxunta do home e do médico forense encargado do caso na que o primeiro foi informado da facultade de designar avogado, pero non fixo ningunha manifestación "porque no seu estado psicopatolóxico actual se estima polo maxistrado e o/a médico forense que non é quen de comprender o ofrecemento e/ou de articular resposta, asumindo en consecuencia o representante do Ministerio Fiscal a súa defensa e representación".
Porén, foi esa unha audiencia que se realizou "sen a intervención persoal do representante do Ministerio Fiscal" nin de ningún avogado. Só nas horas posteriores, e por escrito, a Fiscalía comunicou o seu acordo co internamento non voluntario.
Tras decidir o xulgado o internamento sen que o home contase con asistencia xurídica, a Audiencia avalou a decisión, e agora o Constitucional censura as dúas actuacións
Nesa audiencia sen presenza de ningún fiscal tanto o home como o médico fixeron referencia á convivencia cunha irmá nunha casa familiar, irmá que fora a que requirira a asistencia médica inicial para o home. Foi esa irmá a que acabou designando un avogado da súa confianza que recorreu contra o ingreso involuntario. Porén, ese recurso foi desbotado tanto polo xulgado como posteriormente en apelación pola Audiencia Provincial da Coruña a través da súa sección sexta, tamén con sede en Santiago.
No proceso a Fiscalía xustificou a súa ausencia na comparecencia do home ante o xulgado "en que a súa intervención no procedemento vén delimitada [...] a informar previamente á resolución xudicial como observador imparcial e obxectivo do cumprimento dos trámites" e que "non é práctica habitual nin requisito legal a presenza física do Ministerio Fiscal no precoñecemento xudicial e forense". E a Audiencia da Coruña desestimou o recurso da irmá co argumento de que non existira ningunha infracción do procedemento. Pero o Tribunal Constitucional considera que se vulnerou o dereito do home "á súa liberdade persoal" consagrada no artigo 17.1 da Constitución nas súas dimensións do "dereito a recibir información do órgano xudicial de conformidade co previsto legalmente acerca da súa situación material e procesal e do seu dereito a contar con avogado e procurador e á práctica de proba" así como na dimensión do "dereito á asistencia xurídica".
O Constitucional detalla que malia constatar a xuíza de primeira instancia e o forense a incapacidade do afectado de comprender o ofrecemento dun avogado, "non se realiza mención algunha" a que se realizasen "posibles axustes necesarios para que o afectado comprendese o ofrecemento" nin para que actuase "unha terceira persoa que fose representante do afectado ou lle viñera prestando un apoio", en referencia á súa irmá.
O Constitucional admite a dificultade que poden ter en ocasións os xulgados en determinar a existencia desas persoas de apoio, pero neste caso concreto "as actuacións xudiciais si puñan de manifesto que o demandante contaba cun apoio informal no desenvolvemento da súa vida cotiá por parte da súa irmá", como el mesmo declarou nesa audiencia de internamento, e que "ademais" a irmá "estaba interesada en facer valer formalmente os dereitos do demandante no procedemento de ratificación xudicial do seu internamento" como así fixo ao comparecer posteriormente no proceso.
Ao non escoitar á irmá antes de decidir o internamento, di o Constitucional, "o órgano xudicial de instancia vulnerou ao demandante o seu dereito á liberdade persoal" na súa dimensión de "dereito a recibir información. Unha vulneración que "por outro lado, non foi reparada" pola Audiencia da Coruña cando a irmá apelou ante ela. A Audiencia, engade o Constitucional, "tivo a oportunidade de tomar coñecemento de toda a información referida aos datos sinalados que indicaba a existencia" da irmá coas súa actuación de "apoio informal do demandante, e que desenvolvera unha destacada actividade para poder facer efectiva a defensa dos dereitos do demandante".
A Fiscalía argumentou inicialmente que non tiña por que estar presente na audiencia para confirmar o internamento do home, pero ante o Constitucional acabou recoñecendo que "se produciu unha infracción das garantías do dereito de defensa"
O Constitucional tamén considera que se vulnerou o dereito á liberdade persoal "na súa dimensión do dereito á asistencia xurídica" porque a decisión en si mesma do xulgado de deixar a defensa do home en mans da Fiscalía non supuxo unha vulneración de dereitos, pero si o feito de non comunicar esa situación á Fiscalía para que intervira xa nesa primeira audiencia. Segundo o tribunal de garantías, había tempo para así facelo dentro do prazo de 72 que fixa a lei para que o xulgado decidise sobre o internamento.
E posteriormente "a decisión xudicial de confirmar a adecuación a Dereito da asistencia xurídica recibida polo demandante de amparo parte do Ministerio Fiscal, que consistiu nun mero escrito de alegacións apoiando a autorización de internamento, redactado á simple vista das actuacións e sen establecer ningún contacto directo co demandante ou a súa contorna familiar, tamén constitúe unha vulneración do dereito á liberdade persoal". Segundo o Constitucional, o xulgado de Santiago debía concluír "que a asistencia xurídica dispensada polo Ministerio Fiscal resultara unha mera formalidade carente do contido material e substantivo mínimo que garante o dereito á asistencia xurídica".
No proceso posterior ante o Tribunal Constitucional, a Fiscalía con representación nese órgano acabou recoñecendo que "se produciu unha infracción das garantías do dereito de defensa" e que ningunha das decisións xudiciais impugnadas foi correctamente motivada.
O Constitucional, na sentenza asinada por unanimidade por seis maxistrados, remata concluíndo que o home "veuse privado da posibilidade de comunicarse persoalmente ou a través da persoa que lle vén prestando o seu apoio informal co Ministerio Fiscal coa fin de que este, na súa condición de defensor, o informara dos seus dereitos e outros aspectos relevantes do devir do proceso e de poder expresarlle as súas pretensións na defensa dos seus intereses". Tamén que o home "non puido contar coa presenza e acompañamento legal do Ministerio Fiscal, que era o que asumira a súa defensa, nos actos procesais máis relevantes deste proceso, limitándose a súa actuación a un mero escrito de alegacións que interesaba a autorización do seu internamento".
A sentenza declara así que foi "vulnerado" o dereito fundamental do home á liberdade persoal e anula tanto o auto do xulgado que autorizou o seu internamento involuntario como o da Audiencia da Coruña que rexeitou o recurso da súa irmá. Porén, o Constitucional constata que a súa é unha declaración sen efectos prácticos "por constar acreditada o cesamento da medida de internamento controvertida". En todo caso, o tribunal considera o caso o suficientemente relevante como salientar como xurisprudencia que a obriga de facilitar información aos afectados nestes procedementos inclúe "a intervención de terceiros, coa obriga detrasladar esa información aos seus achegados ou persoas que veñan prestando apoio informal á persoa afectada polo internamento".