Un xulgado de Lugo vulnerou a Constitución ao primar a organización dunha empresa fronte ao dereito dunha nai a coidar da filla

Sede dos xulgados de Lugo CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Tribunal Constitucional ampara á traballadora e di que o xulgado avalou mudarlle a redución de xornada da que disfrutaba sen ponderar como afectaba ao dereito fundamental de non discriminación por sexo

O Tribunal Constitucional (TC) vén de emitir unha sentenza, publicada este mércores no Boletín Oficial del Estado (BOE), coa que ampara unha traballadora fronte ao xulgado do Social número 2 de Lugo, que avalou que a súa empresa lle mudase o horario da redución de xornada que tiña recoñecida desde un ano antes. Segundo o Constitucional, o xulgado resolveu sobre o caso atendendo só á legalidade ordinaria da proposta da empresa, na que non ve intencionalidade lesiva, pero sen ponderar como podía afectar o cambio ao dereito fundamental de non discriminación por sexo contemplado na Constitución, que considera vulnerado. O TC ordena ao xulgado “retrotraer as actuacións” e ditar “nova resolución respectuosa co dereito fundamental recoñecido”.

Sentenza do Constitucional publicada no BOE no que ampara unha traballadora fronte a un xulgado de Lugo CC-BY-SA Praza Pública

As mulleres son "as que principalmente asumen o coidado dos fillos de corta idade e sofren, por iso, maiores dificultades para a súa inserción laboral”, lembra o Constitucional

Segundo o relato que fai o Constitucional, a traballadora levaba un ano cunha redución de xornada por coidado dunha filla que establecía a súa xornada de traballo de luns a venres. A empresa comunicoulle que tería que traballar tamén unha hora e media algúns sábados, que recuperaría ao luns seguinte, “cando así sexa requirida polas necesidades da produción e organización da planta”. Unha decisión empresarial derivada da negativa doutro persoal a facer esas gardas contra a que a traballadora presentou un recurso ante o xulgado do Social 2 de Lugo que o desestimou, dando a razón á empresa.

O Constitucional considera que para emitir a súa sentenza o xulgado non ponderou o dereito fundamental recollido na Constitución á non discriminación por sexo, que está tras o dereito á redución de xornada por coidado de fillos por incidir “de modo singular nas mulleres, ao ser as que principalmente asumen o coidado dos fillos de corta idade e sofren, por iso, maiores dificultades para a súa inserción laboral”. O tribunal di que o xulgado só tivo en conta que a proposta de modificación de horario realizada pola empresa, Insuiña SL, do grupo Nueva Pescanova, era legal e conforme tamén ao pacto de condicións laborais da planta, pero salienta que “a análise que a tal efecto corresponde efectuar aos órganos xudiciais non pode situarse exclusivamente no ámbito da legalidade, senón que ten que ponderar e valorar o dereito fundamental en xogo”

O Constitucional di na súa sentenza que “a vulneración dos dereitos fundamentais pode darse aínda que non exista intención lesiva”, e mesmo que non lle corresponde a el “determinar se é posible ou non eximir á demandante de prestar servizos os sábados”, “cuestión de legalidade ordinaria que compete exclusivamente aos xuíces e tribunais”. Pero censura que neste caso concreto o xulgado non analizou as implicacións da súa resolución sobre o dereito constitucional á non discriminación. 

“En relación coas circunstancias familiares concorrentes, resultaba necesario ter en conta a idade da filla da recorrente, o feito de ter que prestar servizos os sábados cando non hai garderías nin colexios, así como, no seu caso, a situación laboral do pai e, en suma, a posible incidencia que a prestación de servizos durante os sábados puidera ter para conciliar a súa actividade profesional co coidado da súa filla”, di o TC a respecto de cuestións que o xulgado non analizou. 

As mulleres son "as que principalmente asumen o coidado dos fillos de corta idade e sofren, por iso, maiores dificultades para a súa inserción laboral”, lembra o Constitucional CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Non foi debidamente tutelado polos órganos xudiciais o dereito fundamental da recorrente á non discriminación por razón de sexo”, conclúe o Constitucional

“O feito de que o órgano xudicial non se formulase a cuestión de se modificar o horario da demandante de amparo constituía ou non un obstáculo para a compatibilidade da súa vida familiar e laboral, en atención ás circunstancias concorrentes, supón, como sinala a recorrente en amparo, non valorar adecuadamente a dimensión constitucional” do asunto a xulgar, di o Constitucional. E conclúe sentenciando que “a decisión do órgano xudicial de desestimar a pretensión da recorrente de non prestar servizos unha hora e media os sábados, sen analizar ata que punto dita pretensión resultaba necesaria para conciliar a súa vida familiar e laboral, lévanos a concluír que non foi debidamente tutelado polos órganos xudiciais o dereito fundamental da recorrente á non discriminación por razón de sexo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.