- DOCUMENTO | Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
O TC atende parcialmente o recurso de Vox contra a modificación da lei de saúde impulsada polo PP galego en 2021, que tamén dera lugar a un contencioso da Xunta co Goberno de España que finalizara cun acordo
Unha das innumerables controversias mantidas polo Goberno galego que presidía Alberto Núñez Feijóo co Goberno de España durante a pandemia da COVID foi a relativa á reforma da lei de saúde de Galicia impulsada en 2021 polo Grupo Parlamentario do PP. Aquela modificación nacera cunha ampla controversia, dende aspectos máis mediáticos a respecto dunha suposta vacinación obrigatoria ata outros de maior alcance, como o impacto nos dereitos fundamentais.
O tirapuxa concretárase nun recurso do Executivo central ante o Tribunal Constitucional e nun posterior acordo entre o gabinete de Pedro Sánchez e a Xunta para ratificar na lei o "carácter voluntario" da vacinación. Pero o do Goberno de España non era o único recurso en marcha. Tamén formulara outro o partido de extrema dereita Vox a través do seu grupo parlamentario no Congreso. E o Constitucional vén de lle dar parcialmente a razón.
Segundo avanzou o tribunal de garantías a través dun comunicado -a sentenza completa aínda non foi divulgada-, o seu pleno suspende todos os preceptos da lei galega relativos á "restricións" de dereitos fundamentais da cidadanía. Non polo fondo da cuestión, senón porque "unha regulación deste tipo debe ser aprobada polas Cortes Xerais mediante Lei Orgánica".
Este fora, precisamente, un dos argumentos do Goberno de España contra a norma galega. Discrepaba, por exemplo, de que a Xunta puidese aplicar limitacións que daquela estaban cubertas baixo o estado de alarma declarado pola COVID, tales como "cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación", a "incautación ou inmobilización de produtos", diversos peches ou medidas de autoprotección de diverso tipo como "ilamento en domicilio, o internamento en centro hospitalario ou o illamento ou internamento noutro lugar adecuado para tal fin".
"O lexislador galego introduciu medidas restritivas da integridade persoal", "liberdade deambulatoria", "intimidade persoal", "liberdade de circulación" e "dereito de reunión". Todas elas atinxen ao "desenvolvemento directo de dereitos fundamentais "recollidos na constitución" e polo tanto, sentencian, é inconstitucional limitalos se non é a través dunha lei orgánica.
O tribunal argumenta que a lei galega incluíu restricións a liberdades como circulación ou reunión que só poden ser aplicadas mediante lei orgánica aprobada nas Cortes e non coa lexislación autonómica
Á espera da publicación da sentenza íntegra, o TC anula as medidas da Xunta neste sentido e as sancións que puidesen existir ao seu abeiro. Pero respecta "os fragmentos da Lei de Saúde de Galicia que se limitan a reproducir, con leves variacións" preceptos da lei de saúde pública do Estado de 1986. "Son conformes á Constitución", porque "a reprodución destas normas se produce nun ámbito de concorrencia de competencias entre o Estado e a comunidade autónoma" e é "útil para a mellor intelixencia da regulamentación establecida".
O ditame, que tivo como relator o maxistrado e ex-ministro de Xustiza co PSOE Juan Carlos Campo, si desbota a parte do recurso na que a formación ultra argumentaba que "as medidas introducidas polo lexislador galego constitúan supostos de suspensións dos dereitos fundamentais" que só son posibles baixo estados de excepción ou sitio. Contra a sentenza anunciaron un voto particular conxunto cinco maxistrados do bloque considerado conservador do tribunal.