Unha reportaxe de Raquel C. Pico en VINTE sobre o impacto mental de internet gaña o Premio Reimóndez Portela de xornalismo

Reportaxe de Raquel C. Pico en VINTE galardoada co XXX Premio Xornalístico Reimóndez Portela CC-BY-SA Praza Pública

O xurado salienta o "uso de fontes coas que resulta fácil a identificación, á par doutras máis profesionais que poden afondar na cuestión que se analiza sen ser superficial"

A xornalista Raquel C. Pico vén de gañar o XXX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela coa reportaxe Non estamos ben en internet publicada en VINTE, revista de sociedade, cultura e tendencias editada, como Praza.gal, pola Fundación Praza Pública. O xurado do premio salienta que a reportaxe "aborda o impacto que ten a hiperconexión do mundo actual na saúde mental e no benestar emocional, ademais de reflectila coma un novo elemento de presión no entorno laboral".

Raquel C. Pico CC-BY-SA cedida/Praza Pública

O xurado desta edición estivo conformado por Lois Docampo Míguez, David Cofán Mazás, Ana Cela Neira, Yuri Carrazoni Mier, Juan Andrés Fernández Castro e María Victoria Reimóndez Sanmartín. Na súa deliberación analizaron 21 candidaturas e elixiron a reportaxe de Raquel C. Pico por afrontar "temas de total actualidade ofrecendo enfoques diferentes, facendo uso de fontes coas que resulta fácil a identificación, á par doutras máis profesionais que poden afondar na cuestión que se analiza sen ser superficial".

A reportaxe publicada en VINTE, di o xurado, "ofrece unha lectura amena que conecta co lector dende o primeiro parágrafo, introducindo o paradoxo de que na era da información o principal perigo é a desinformación, reivindicando como antídoto un xornalismo lento e reflexivo".

Xurado do XXX Premio Xornalístico Reimóndez Portela © Concello da Estrada

O premio xornalístico para traballos en galego que se vén convocando na Estrada desde hai 30 anos lembra a figura de Manuel Reimóndez Portela (A Estrada, 1916-1994), médico e político que presidiu pola UCD a comisión que elaborou o coñecido como Estatuto dos 16, anteproxecto elaborado en 1979 do Estatuto de Autonomía finalmente aprobado en 1981. Reimóndez Portela con varios libros escritos sobre a súa vila e o seu patrimonio cultural, tamén foi alcalde da Estrada nos anos oitenta.

Raquel C. Pico é colaboradora habitual de VINTE e xa gañou o Premio Reimóndez Portela en 2016, naquel momento coa reportaxe Descubrindo á esquecida "Marquesa Roja".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.