O Premio Reimóndez Portela de xornalismo recoñece a "imaxe transversal de 40 anos de autonomía" que vén ofrecendo Praza.gal

Entrega do XXVI Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela a David Reinero, este venres na Estrada © Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada

A XXVI edición do galardón premia a serie de cinco entrevistas sobre o aniversario do Estatuto publicada por David Reinero no marco das diversas informacións coas que no último ano lembramos a constitución das principais institucións galegas

Dous días antes de que este domingo se celebre o 40 aniversario da primeira constitución do Parlamento de Galicia, o 19 de decembro de 1981, A Estrada acolleu este venres o acto de entrega do XXVI Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que lembra a figura de quen foi, entre outras moitas cousas, presidente da comisión de políticos que elaborou o coñecido como Estatuto dos 16, precedente do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado hai agora 40 anos. O xurado elixiu este ano a serie de cinco entrevistas publicadas baixo o denominador común Galicia 1981-2021 durante o pasado verán por David Reinero, xornalista de Praza.gal, con cinco persoas representativas dos cinco grandes gobernos que tivo Galicia neste tempo: Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo, Teresa Táboas e Agustín Hernández.

Manuel Reimóndez Portela (A Estrada 1916-1994), presidente da comisión que elaborou o Estatuto dos 16 © Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada

O acto deste venres na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada estivo presidido polo concelleiro de Cultura da Estrada e deputado no Congreso Juan Manuel Constenla, e nel interviron tamén Juan Andrés Fernández Castro, membro do comité de seguimento do premio, e José Manuel Bouzas Blanco, secretario do xurado. Este último leu a acta do xurado na que recoñece a “imaxe transversal da situación sociopolítica de Galicia” que ofrecen as entrevistas, publicadas no marco das diversas informacións que Praza.gal vén ofrecendo no último ano en lembranza dos 40 anos que se veñen celebrando sucesivamente da aprobación do Estatuto e da constitución do primeiro Parlamento de Galicia. 

Pola súa banda, o premiado salientou a importancia da existencia de premios xornalísticos como o Reimóndez Portela que non só galardoen artigos de creación literaria ou de opinión senón tamén formatos informativos como as entrevistas. Reinero tamén tivo unha lembranza para a figura de Reimóndez Portela (A Estrada, 1916-1994), de quen salientou a descrición que del fixo un dos cinco entrevistados, Portomeñe, participante tamén na comisión do Estatuto dos 16: Reimóndez, para Portomeñe, “era un home venerable”, dixo o xornalista.

O premio xornalístico que organiza cada ano a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, o Concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra lembra a figura de quen foi médico e político, humanista que presidiu pola UCD a comisión que elaborou o coñecido como Estatuto dos 16, anteproxecto elaborado en 1979 do Estatuto de Autonomía finalmente aprobado en 1981. Reimóndez Portela con varios libros escritos sobre a súa vila e o seu patrimonio cultural, tamén foi alcalde da Estrada nos anos oitenta.

O concelleiro de Cultura da Estrada e deputado no Congreso polo PP Juan Manuel Constenla, entregando o premio ao xornalista de Praza.gal David Reinero © Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada

O premio xornalístico en lembranza do médico e político estradense que presidiu a elaboración do Estatuto dos 16 recoñece as conversas con Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo, Teresa Táboas e Agustín Hernández publicadas durante o pasado agosto

A serie de entrevistas premiada este ano no galardón que leva o seu nome pretendía achegar cinco visións sobre as transformacións non só políticas senón da sociedade galega en xeral desde a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981 a través de conversas con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto, electos pola cidadanía.

Pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade, as persoas entrevistadas axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia. Esta imaxe compleméntase co podcast Retrocorenta, unha produciónde Praza.gal e VINTE que ao longo deste ano está a facer un exercicio de memoria colectiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.