Varios colectivos presentan unha ILP para asegurar a protección da pesca e o marisqueo fronte a outras actividades no mar

Entrega de sinaturas no Parlamento da ILP para a protección das actividades pesqueiras e marisqueiras CC-BY-SA PDRA

A ILP propón a introdución de dous novos artigos na vixente Lei de Pesca de Galicia para declarar "de interese xeral" as actividades pesqueira e marisqueira 

Colectivos de todo tipo ligados á pesca e ao marisqueo, entre eles a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), presentaron este venres no Parlamento de Galicia o texto dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras.

O documento propón a introdución de dous novos artigos (artigo 5 bis e 5 ter, no Título I) na vixente Lei de Pesca de Galicia. O primeiro artigo sinalaría a declaración "a todos os efectos de interese xeral as actividades de pesca, marisqueo e acuicultura de bivalvos realizadas no ámbito xeográfico competencial da Xunta de Galicia".

Bateeira traballando na Ría de Arousa © Asociación de Mulleres do Mar de Arousa

"Priorizaríanse" estas actividades "fronte a calquera outro proxecto ou explotación ou á introdución de actividades que resulten incompatíbeis ou supoñan unha afectación negativa"

O segundo artigo incide na protección das actuais actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura de bivalvos, de xeito que nos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo en Galicia se "priorizarían" estas actividades "fronte a calquera outro proxecto ou explotación ou á introdución de actividades que resulten incompatíbeis ou supoñan unha afectación negativa para as actividades produtivas devanditas", en referencia, por exemplo, á instalación de parques eólicos mariños ou de industrias e actividades extractivas contaminantes.

Neste artigo sinálase que "en calquera proxecto ou explotación que supoña un uso do espazo marítimo onde se estean desenvolvendo as devanditas actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura de bivalvos será preceptivo e vinculante un informe da Consellería do Mar, que de ser negativo obrigará ao órgano competente a ditar unha resolución motivada poñendo fin ao procedemento e arquivando as actuacións". 

Mariscadoras na ría de Arousa CC-BY-SA Xunta

O documento ponlle cifras á relevancia destas actividades, que representas o 1,8% do PIB de Galicia e dan traballo directo a unhas vinte mil persoas

Nas últimas semanas confrarías, mariscadoras, mariñeiros, colectivos sociais, sindicatos e asociacións profesionais lanzaron "un SOS" sobre o declive do marisqueo e a importante caída da produción na ría de Arousa. Ademais, acusaron a Xunta de "desleixo" e de "axilizar diferentes iniciativas empresariais que son claramente lesivas para o ambiente e os sectores produtivos de Galicia".

O texto salienta que en Galicia as actividades pesqueira e mariñeira "destacan tanto pola súa pegada social, económica e riqueza produtiva, como pola súa tradición, situando ao noso territorio como principal rexión pesqueira de Europa". E engade que estas actividades "forman parte da nosa identidade, vertebran e arraigan poboación nos nosos municipios costeiros e son parte primordial da nosa paisaxe diferencial".

O documento ponlle cifras a esa relevancia: o sector representa o 1,8% do PIB de Galicia e dá traballo directo a unhas vinte mil persoas. Estas ramas de actividade primaria do mar desenvolvidas en Galicia contribúen con mais do 40% do VEB -valor engadido bruto- xerado en España pola pesca, marisqueo e acuicultura; e con mais do 55% en termos de emprego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.