Cinco días para o 29N xa sen enquisas e a falta dun debate a catro

CC-BY-NC-SA Praza.gal
  • Unha parella co seu bebé paseando por Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

    O Goberno de España aproba a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade a 20 semanas que tiña pendente

    O Consello de Ministros aproba este martes, canda outras medidas en clave social, a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ata 20 semanas. Esa extensión era un dos compromisos pendentes nesta materia por parte do Goberno do PSOE e Sumar, que en 2025 xa ampliara estes permisos de 16 a 19 semanas para ambos proxenitores no que implicou, tamén, o primeiro aumento da prestación para as nais dende 1989. No caso dos pais, o aumento é de dúas a 20 semanas en apenas unha década. Esas vinte semanas estaban reflectidas nos acordos de investidura asinados polo PSOE con Sumar e tamén co BNG.

    "Cumprimos co compromiso de acadar as 20 semanas no permiso de nacemento e coidado. Vinte semanas para que pais e nais coiden dos seus bebés e gocen dos momentos que fan grande a vida en familia. Seguimos consolidando dereitos. Seguimos construíndo un país mellor", resaltou Pedro Sánchez nunha mensaxe nas redes sociais antes do Consello que dará luz verde á medida.

    Non obstante, para cumprir plenamente coa Directiva europea na materia, os permisos remunerados por nacementos e coidados deben chegar cando menos ás 22 semanas.

  • Néstor Rego, cabeza de cartel da candidatura coruñesa do BNG, na cidade vella da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

    ENTREVISTA | Néstor Rego: "O BNG é quen está en mellores condicións para frear á dereita: disputamos escanos a Vox e PP"

    "Temos unha folla de servizos con decisións que o Goberno central adoptou porque prememos para que saísen adiante. Que conseguiu o PP para Galiza? Nada que non sexa avergoñarnos con actuacións impresentables e votar en contra dos intereses do noso país", afirma Néstor Rego, deputado do Bloque no Congreso nas dúas últimas lexislaturas e cabeza de cartel da formación soberanista pola Coruña nas eleccións do 29N. Seguir lendo.

  • Minuto final dos participantes no debate a 8 de RTVE © RTVE

    Debate a oito por bloques á espera do debate a catro do xoves

    Tras o cara a cara da semana pasada entre Sánchez e Feijóo, TVE acolleu na noite deste luns un debate a oito entre os voceiros e voceiras das formacións que tiveron grupo parlamentario de seu na lexislatura que remata. Ester Muñoz (PP), Patxi López (PSOE), Pepa Rodríguez de Millán (Vox), Emilio Delgado (Frente Amplio), Gabriel Rufián (ERC), Míriam Nogueras (Junts), Oskar Matute (EH Bildu) e Maribel Vaquero (PNV).

     Un debate de veteranos parlamentarios -Delgado actualmente non é membro do Congreso pero si da Asemblea de Madrid- que deixou clara a división entre bloques de esquerda e dereita. O último gran debate da campaña será o xoves, a catro, con Sánchez e Feijóo acompañados desta volta por Santiago Abascal, de Vox, e Ada Colau, da Fronte Ampla. 

  • A última enquisa do CIS antes das eleccións reafirma as opcións da esquerda ante a baixada de Vox

    Este luns foi o último día en que se puideron publicar enquisas antes do 29N e o CIS fíxoo cunha que sinala unha perda de forza da dereita en relación á súa propia enquisa preelectoral publicada dez días antes, con baixadas para o PP (do 25,5% ao 24,7%) pero sobre todo para Vox (do 18,4% ao 15,6%). A esquerda subiría, dende o PSOE a FA, pasando polo BNG. Seguir lendo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.