O 26M decide as eleccións municipais máis abertas e o rumbo de Europa

CC-BY-NC-SA Praza Pública
  • Co 80% dos votos escrutados a socialista Lara Méndez podería recuncar na alcaldía de Lugo mediante un acordo no que o PSdeG unise na investidura os seus 8 edís aos 5 que tería o BNG. Na cidade o PP sería a primeira forza, con 10 escanos.

    © Concello de Lugo
  • Ao traspasar o 70% do escrutinio a popular Beatriz Mato sería a máis votada na Coruña, pero a socialista Inés Rey podería ser alcaldesa se obtén apoios da Marea Atlántica.

    © PP A Coruña
  • Con entre o 60% e o 70% do escrutinio o PSdeG lograría as alcaldías das tres cidades ata agora gobernadas polas Mareas. Inés Rey na Coruña e Xosé Sánchez Bugallo en Santiago non precisarían pactos pola esquerda, mentres que Ángel Mato sería alcalde co apoio de Ferrol en Común e BNG.

    CC-BY-NC-SA PSdeG
  • Avanza o escrutinio alén do 50% na maioría das cidades galegas. O PSdeG sería o máis votado en Vigo e tamén na Coruña, Santiago e Ourense. Tamén podería gobernar mediante acordos pola esquerda en Ferrol e Lugo. O BNG mantería folgadamente a alcaldía en Pontevedra

  • O escrutinio rolda entre o 30% e o 40% nas cidades galegas. A estas alturas do reconto o PSdeG podería lograr a alcaldía nas tres cidades ata agora gobernadas polas Mareas: A Coruña, Ferrol e Santiago, ademais de lograr unha amplísima vitoria en Vigo. O PP podería aspirar ao poder en Lugo e Ourense.

  • A enquisa de GAD3 para ABC augura tamén que o PSOE será a forza máis votada nas eleccións europeas con ata 18 escanos, seis máis que o PP. Este inquérito dá 2 escanos á coalición na que participa o BNG.

    © Praza Pública
  • O PSOE sería a forza máis votada nas eleccións europeas con 18 escanos, 7 máis que o PP. A coalición na que participa o BNG obtería 3 escanos e a alianza na que se integra CxG tería 1, segundo unha sondaxe de Celeste-Tel para eldiario.es

    CC-BY-SA eldiario.es
  • O PSdeG sería a forza máis votada en todas as cidades galegas agás Pontevedra e Ferrol, onde o serían o BNG e o PP, segundo a enquisa difundida pola CRTVG. Os socialistas estarían en condicións de gobernar esas cinco cidades e mesmo tamén en Ferrol, onde os populares non lograrían unha maioría absoluta que si obtería o Bloque en Pontevedra

    CC-BY-NC-SA Praza Pública
  • Por cidades, a participación ás seis da tarde aumenta en seis das sete encabezadas por Ferrol, que avanza 4,44 puntos con relación a 2015 e é tamén, co 49,37%, a cidade con maior participación de Galicia a esa hora da tarde seguida de preto por Santiago, que tamén supera o 49% e rexistra o segundo maior crecemento, con 3,25 puntos máis que hai catro anos. Na banda contraria sitúase Lugo, cun leve retroceso de 3 décimas con relación ás anteriores municipais.

  • A participación nas eleccións municipais en Galicia aumenta algo máis dun punto a respecto de 2015, ata o 52%, e sobe 16 puntos con relación ás europeas de 2014, superando o 50% ata as seis da tarde por cadrar cos comicios locais.

  • Retiradas no Grove papeletas municipais do PSdeG nas que foran riscados nomes dalgúns dos candidatos ou outras inscricións feitas a man. A formación xa protestou formalmente.

    Papeletas do PSdeG do Grove con nomes riscados, xa retiradas CC-BY-NC-SA Praza Pública
  • Por cidades, a que máis participou nas municipais ata as dúas da tarde foi Vigo, cun 33,49%. Aumenta en cinco das sete e faino con especial intensidade en Ferrol, onde aumenta 2,74 puntos, e en Santiago, con 2,44 puntos máis que hai catro anos. Na Coruña e Lugo redúcese levemente, con dúas e tres décimas menos que en 2015 á mesma hora.

  • A participación en Galicia superaba ás dúas da tarde o 34%  nas eleccións municipais e o 32% nas eleccións europeas. No caso dos comicios locais é un incremento dunhas nove décimas con relación a 2015 e nos europeos a suba, ao cadrar coas municipais, é superior aos 12 puntos a respecto de 2014.

  • O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, votou no colexio Niño Jesús de Praga, en Vigo. Apelou a votar con "liberdade" e "responsabilidade" porque "o que imos decidir durará ata 2023".

    Feijóo, votando en Vigo neste 26M CC-BY-SA PPdeG
  • O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, votou na casa do Concello de Vigo, dende apelou a unha "mobilización masiva" e animou a exercer a "liberdade" do dereito ao voto.

    Gonzalo Caballero, votando nas municipais e europeas do 26M CC-BY-NC-SA PSdeG
  • O alcalde da Coruña e candidato á reelección pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, votou no centro cívico de San Diego. "Votei con ilusión e optimismo pensando nas vindeiras xeracións e tamén nas que loitaron para que poidamos facelo", afirmou no marco dun chamamento a exercer o "dereito á participación".

    Xulio Ferreiro, votando no centro cívico de San Diego neste 26M CC-BY-SA MA
  • O candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, votou no centro cívico do Castrillón e pediu á veciñanza "que acuda a votar". "Pido que se faga pensando cal é a mellor candidatura e as mellores propostas para a cidade e o país", dixo.

    Francisco Jorquera, votando na Coruña neste 26M CC-BY-NC-SA BNG
  • Martiño Noriega, alcalde de Santiago e candidato á reelección por Compostela Aberta, votou no colexio compostelán La Salle. "Hoxe o que toca defender é que a xente vote", sinalou Noriega, que participa na xornada tamén como apoderado da súa formación nas diferentes mesas electorais.

    Martiño Noriega, votando no colexio compostelán La Salle neste 26M CC-BY-SA CA
  • Lidia Senra, candidata de En Marea ao Parlamento Europeo, votou en San Miguel de Sarandón (Vedra). "O Parlamento Europeo parece que está moi lonxe, pero é unha institución que toma moitas decisións que nos afectan", afirmou para animar a participar tanto nas municipais como nas europeas.

    Lidia Senra, votando en Vedra este 26M CC-BY-NC-SA AGEe
  • O alcalde de Pontevedra e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, votou na casa da cultura de Marcón. “É importante que vote todo o mundo porque nos xogamos moito”, destacou.

    Lores, votando en Pontevedra neste 26M CC-BY-NC-SA BNG
  • O voceiro de En Marea, Luís Villares, votou no centro sociocomunitario da Milagrosa, en Lugo, acompañado por membros de Lugonovo. "É importante que hoxe ninguén quede na casa", resaltou.

    Villares, co candidato de Lugonovo á alcaldía, Xosé Chorén, e outros membros da formación ante o local onde votou CC-BY-SA EM
  • A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, vota en Vigo acompañada polo candidato do BNG á alcaldía da cidade, Xabier Pérez Igrexas

    Miranda, acompañada por Pérez Igrexas, votando en Vigo este 26M CC-BY-NC-SA BNG
  • A candidata do PP á alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, vota no IES do Castro. Anima a que a veciñanza participe porque "cada día de votación é un día importante", neste caso para "o futuro dos vigueses".

    Muñoz, votando neste 26M © PP Vigo
  • A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, votou no CGAC acompañada pola candidata do BNG á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín. Pontón anima a "exercer un dereito polo que moitas persoas loitaron" e agarda "mobilización" da cidadanía para participar.

    Ana Pontón, votando no CGAC acompañada por Goretti Sanmartín este 26M CC-BY-NC-SA BNG
  • O alcalde de Vigo e candidato do PSOE á reelección, Abel Caballero, votou a primeira hora no colexio electoral situado na Casa do Concello. "A todo Vigo: vamos a votar, a votar y a votar", animou.

    Abel Caballero, votando nestas eleccións municipais CC-BY-NC-SA PSOE Vigo
  • O candidato do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, votou no polígono do Ceao a primeira hora da mañá. Arroxo anima tamén á participación do electorado.

    Rubén Arroxo, candidato do BNG en Lugo, votando este 26M CC-BY-NC-SA BNG
  • O candidato do PSdeG á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, vota no instituto Xelmírez I. "Hoxe é un día importante para Santiago, vaise decidir o seu futuro", destacou.

    Bugallo, votando neste 26M CC-BY-NC-SA PSdeG
  • Un colexio electoral en Comoxo (Boiro) acolle hoxe de 10 a 12 unha experiencia piloto para facilitar o voto a unhas 80 persoas con discapacidade mediante pictogramas e outros elementos de apoio. É unha iniciativa da Asociación Amicos na que colabora o Ministerio de Sanidade. 

    Colexio electoral de Comoxo (Boiro), onde se desenvolve a experiencia piloto de apoio ao voto para persoas con discapacidade © Delegación do Goberno de España en Galicia
  • Apenas unha de cada catro candidaturas municipais que hoxe se votan en Galicia están encabezadas por mulleres. En Allariz, Moeche, Muros, Oímbra e Vilariño de Conso todos os partidos teñen candidatas á alcaldía.

  • O Goberno central confirma a constitución das 3.955 mesas electorais distribuídas polos 313 concellos galegos. Desta volta o censo está composto por 2.245.011 persoas. A última en abrir foi a situada na Reitoral dos Capuchinos, en Vigo, que estará aberta ata as 20:16. En Santiago o colexio electoral situado na sede da asociación veciñal de Verdía amenceu coa pechadura "bloqueada", pero puido constituírse con normalidade.

    CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.