14% de matriculadas en Informática ou 29% nas enxeñarías: un 'Día da Muller e da Nena na Ciencia' con moito por facer

Dúas nenas participantes nunha edición de Galiciencia © Galiciencia

Este sábado celébrase, como todos os 11 de febreiro, o Día da Muller e a Nena na Ciencia, unha data na que todos os anos se celebran actividades para fomentar as vocacións científicas entre rapazas e mozas, buscando rachar a crecente fenda existente nas carreiras científicas e técnicas e, consecuentemente, nestes ámbitos profesionais, cada vez máis importantes na sociedade actual.

Este sábado celébrase, como todos os 11 de febreiro, o Día da Muller e a Nena na Ciencia

A realidade, á vista dos datos, é que hai moito traballo por diante para eliminar as grandes diferenzas que seguen existintindo en moitas titulacións e oficios en relación ao número de homes e mulleres. De feito, atendendo á evolución da proporción de mulleres matriculadas en carreiras do ámbito informático, varias das disciplinas científicas e a maior parte das enxeñarías, a fenda foi en aumento nas últimas décadas.

No curso 2021-22 as mulleres representan algo máis do 56% das matriculacións nas tres universidades galegas, unha proporción que se vén mantendo estable nos últimos 35 anos. Nas carreiras de Ciencias, a porcentaxe é algo menor (51%), aínda que esta proporción agocha unha gran diversidade entre unhas e outras titulacións, por exemplo entre as do campo da saúde (maioritariamente feminizadas) e outras, como Matemáticas ou Física.

A maiores fendas atopámolas nas carreiras do campo da Informática, onde as mulleres supoñen apenas o 14% das matriculadas

A maiores fendas atopámolas nas carreiras do campo da Informática, onde as mulleres supoñen apenas o 14% das matriculadas, moi por debaixo das cifras (xa cativas), que se rexistraban nos anos 90 do pasado século, onde se acadaba o 30%

O mesmo sucede coas enxeñarías, onde as matriculadas roldan o 29% do total, por debaixo tamén das cifras da década pasada, onde era habitual superar o 30%.

En Física as mulleres este curso son o 33% das matriculadas E en Matemáticas representan o 42,5% do total. Curiosamente, as mulleres foron maioría na carreira de Matemáticas ata o ano 2010

Se observamos polo miúdo algunhas carreiras científicas, vemos algunhas titulacións nas que as mulleres son maioría en Galicia, como Bioloxía (60,9%), Ciencias do Mar (58,9%) ou Química (52,2%). Iso si, tres carreiras onde a proporción de mulleres era aínda superior hai 10 ou 20 anos.

Distinta é a situación en Física, onde as mulleres este curso son o 33% das matriculadas. Ou en Matemáticas, onde representan o 42,5% do total. Curiosamente, as mulleres foron maioría na carreira de Matemáticas ata o ano 2010.

As mulleres superan o 70% en moitas carreiras do campo da Educación, como Educación Infantil e Pedagoxía; tamén en Traballo Social, Medicina, Farmacia ou Enfermaría; e en titulacións de artes e humanidades, coma Historia da Arte ou Belas Artes

Se miramos, no terceiro gráfico, a distribución por sexos das matrículas no curso 2021-22 nas universidades galegas, vemos como as mulleres superan o 70% en moitas carreiras do campo da Educación, como Educación Infantil e Pedagoxía; tamén en Traballo Social, Medicina, Farmacia ou Enfermaría; e igualmente en titulacións de artes e humanidades, coma Historia da Arte ou Belas Artes.

Moi diferente é a situación en Historia, Ciencias Políticas, Económicas, Administración de Empresas ou Xeografía, onde os homes son clara maioría.

A Deputación de Pontevedra desenvolveu accións "para amosar a súa preocupación ante as baixas cifras de rapazas e mulleres que se matriculan en especialidades STEM e que traballan con perfís técnicos e tecnolóxicos"

Esta semana, coincidindo coa celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, a Deputación de Pontevedra desenvolveu accións "para amosar a súa preocupación ante as baixas cifras de rapazas e mulleres que se matriculan en especialidades STEM e que traballan con perfís técnicos e tecnolóxicos". As actividades buscaban un dobre obxectivo: "fomentar vocacións técnicas entre as rapazas á vez que se dá visibilidade á contribución das mulleres ao sector industrial e a figura de mulleres referentes da provincia". Así, a institución provincial levou a cabo 10 actividades no marco da “Tecnolóxicas Week” e premiou os mellores expedientes académicos da Universidade de Vigo nos “Girl Geek Covid”.

A USC organizou relatorios, moitos deles dirixidos a alumnado preuniversitario, foros, obradoiros ou mostras, buscando o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia

Tamén o fixo a Universidade de Santiago, que durante toda a semana organizou relatorios, moitos deles dirixidos a alumnado preuniversitario, foros, obradoiros ou mostras, buscando o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia. “O 11F constitúe unha conmemoración necesaria, porque aínda que as mulleres son maioría no estudantado universitario a súa distribución entre as distintas titulacións é moi desigual”, afirmou a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.