A calidade do aire é "mala" na meirande parte de Galicia este xoves e venres pola chegada de po do Sáhara

Calidade do aire en Galicia ao mediodía dos días 16 e 17 de xuño © Meteogalicia

Esta mala calidade do aire débese á concentración de partículas PM2.5, de pequeno tamaño

O Índice de Calidade do Aire (ICA), que elabora MeteoGalicia, anuncia que este xoves e venres as condicións na maior parte de Galicia serán dunha "mala" calidade do aire, debido aos continuados ventos do sur que están a trasladar po en suspensión procedente do deserto do Sáhara e do norte de África. O fenómeno comezará a percibirse xa este mércores na provincia de Ourense e xa o xoves e venres se estenderá ao resto do país. Esta mala calidade do aire débese á concentración de partículas PM2.5, partículas de pequeno tamaño, cun diámetro de menos de 2.5 micras.

Calidade do aire en Galicia ao mediodía dos días 15, 16 e 17 de xuño © Meteogalicia

Este fenómeno dáse nun contexto marcado polo vento do sur e as altas temperaturas, que chegarán aos 36 graos este mércores en Ourense

Este fenómeno dáse nun contexto marcado polo vento do sur e as altas temperaturas, que chegarán aos 36 graos este mércores en Ourense, aos 34 en Lugo, aos 32 en Compostela e mesmo aos 30 en Ferrol. O xoves as temperaturas reduciranse un chisco, pero manteranse nos 35 graos en Ourense e aos 33 en Lugo.

Meteogalicia destaca tamén a presenza de néboas no litoral, que irán desaparecendo ao longo do día, para dar paso nalgúns lugares a chubascos localizados, con posibilidade de treboadas no interior. Así mesmo, tamén se están a detectar algúns raios no mar.

Meteogalicia anuncia avisos de nivel amarelo por temperaturas elevadas e treboadas en boa parte de Galicia

Meteogalicia anuncia neste senso avisos de nivel amarelo por temperaturas elevadas en toda a provincia de Ourense e no sur da provincia de Pontevedra. Igualmente, hai aviso amarelo por treboadas, chubascos e sarabia en toda a provincia de Ourense e Pontevedra e mais na montaña de Lugo, no sur desta provincia e mais no suroeste da provincia da Coruña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.