As orixes de Zeltia

Publicación de Zeltia do ano 1953 ©

 

Texto publicado no número 242 de Grial

O estudo da historia é sempre unha magnífica fonte de aprendizaxe e, por suposto, a historia da farmacia non é ningunha excepción. Con estas premisas realízase o presente estudo onde se analizan as orixes de Zeltia, buque insignia da industria farmacéutica galega. Unha empresa que nace tras a fractura do Instituto Bio-Químico Miguel Servet e nun contexto social e político extraordinariamente complexo: o final da Guerra Civil española e o comezo da Segunda Guerra Mundial.

O estudo da historia é sempre unha magnífica fonte de aprendizaxe e, por suposto, a historia da farmacia non é ningunha excepción. Aos profesionais farmacéuticos axúdanos a comprender quen somos e de onde vimos, e mesmo, en numerosas ocasións, sinálanos o camiño que seguir. Tamén nos axuda a divulgar o moito que contribuíu o sector á saúde da humanidade nun exercicio de responsabilidade social e rendición de contas á sociedade. Con estas premisas realízase o presente estudo onde se analizan as orixes de Zeltia, buque insignia da industria farmacéutica galega. Unha empresa que nace tras a fractura do Instituto Bio-Químico Miguel Servet e nun contexto social e político extraordinariamente complexo: o final da Guerra Civil española e o comezo da Segunda Guerra Mundial.

 

Constitución do Instituto Bio-Químico Miguel Servet

O 28 de abril de 1936 comparecían en notaría viguesa de Fernando Póveda Martín, Manuel Emilio Martínez García, coñecido tamén como Manuel Emilio Martínez Baladrón García, avogado, natural de Santiago de Compostela e membro dunha influente e adiñeirada familia con importantes propiedades nos concellos de Negreira e Ames, entre outras moitas, e domicilio habitual na compostelá rúa da Senra; Serafín Campos Pichel, industrial, veciño de Forcarei; Alexandre Bóveda Iglesias, veciño de Pontevedra, funcionario de Facenda e destacado militante do Partido Galeguista, e os veciños de Vigo, Ramón Obella Vidal, tamén nado na rúa da Senra de Santiago, aínda que orixinario de Bastavales, no concello de Brión, licenciado en Medicina e activo membro do devandito partido político, e Francisco Rubira Fariña, farmacéutico, seguindo a tradición familiar, natural de Negreira —onde o seu pai era titular dunha oficina de farmacia—, para formalizar a constitución do Instituto Bio-Químico Miguel Servet. Culminaba desta forma un proxecto iniciado varios anos antes por Obella e Rubira, antigos compañeiros de bacharelato no instituto compostelán, no vello edificio de Fonseca, realizando os seus respectivos estudos universitarios e o servizo militar no Rexemento de Infantería Zaragoza número 12, establecido en Compostela, polo que se creaba un laboratorio farmacéutico colectivo, de acordo coa lexislación sanitaria da época, única vía administrativa que abría a posibilidade de ser propietario dun laboratorio sen necesidade de ser licenciado en Farmacia.

O capital da sociedade sumaba 530.000 pesetas, achegadas da seguinte forma: Manuel Emilio Martínez García (300.000); Serafín Campos Pichel (25.000); Alexandre Bóveda Iglesias (5.000); Francisco Rubira Fariña (100.000); Ramón Obella Vidal (100.000).

De acordo co documento notarial, os tres primeiros facían a súa contribución en metálico, Rubira contribuía co laboratorio farmacéutico que tiña en Vigo, valorado en 100.000 pesetas, e Obella facíao con dez marcas comerciais, das que falaremos máis adiante, valoradas na mesma cantidade.

Un dos produtos do Instituto Bio-Químico Miguel Servet ©

Había un proxecto iniciado varios anos antes por Obella e Rubira, polo menos desde 1929, que tiña a súa culminación formal naquel acto notarial coa incorporación de dous socios capitalistas, fundamentalmente Martínez Baladrón

Efectivamente, Rubira era titular dunha farmacia nesa cidade desde 1925, situada na rúa García Barbón 1, cun laboratorio farmacéutico anexo, de acordo coa normativa legal aplicable naquel momento, onde elaboraba varias especialidades farmacéuticas, como o Sabañonil e o Aceite de rícino Rubira, rexistradas en 1927, e o Pyroneutrol, de 1928. Pero a partir de 1929 obsérvase un importante cambio estratéxico: o 2 de xullo era aprobado o rexistro sanitario do Oxitiol, con Rubira como propietario e preparador, mentres esa mesma marca era rexistrada por Obella o 10 de setembro seguinte, tal como figura no documento notarial do que estamos a falar. Convén tamén sinalar que o 18 de outubro de 1930 rexistraba Obella o tubo da pomada Oxitiol, onde figuraba impreso o texto “F. Rubira Farmacéutico Vigo”. De acordo coa normativa sanitaria, en febreiro de 1930 aprobábase o Linfoyodol, presentado por Rubira, cuxa marca fora rexistrada por Obella o 14 de novembro anterior. E desde entón rexistran outras especialidades e marcas, seguindo esa práctica ata a constitución do Instituto, o que dá conta da estreita colaboración entre ambos os dous[1].

Débese destacar ademais que a partir de 1932 aparecen algunhas especialidades, co engadido Servet asociado á marca, como o Biyodin Servet, aprobado por Sanidade o 13 de outubro de 1932, o Roengenbario (sic) Servet e o Tónico Miguel Servet aprobados o 5 de novembro de 1932, e o Pireton (Antipirético “Servet”), aprobado o 3 de abril de 1934 [1]. Na contorna desas, Obella procedía tamén ao rexistro das marcas.

Todo isto confírmanos que había un proxecto iniciado varios anos antes por Obella e Rubira, polo menos desde 1929, que tiña a súa culminación formal naquel acto notarial coa incorporación de dous socios capitalistas, fundamentalmente Martínez Baladrón, moi relacionado con Obella e Rubira, por veciñanza e a contorna en que se movían, e Bóveda, pola súa grande experiencia en temas económicos e financeiros, e moi próximo a Obella en canto á súa militancia política.

Contaban con Fernando Calvet Prats como asesor científico do proxecto, un novo catedrático de Química Orgánica da Universidade compostelá, que tras licenciarse en Química e estar algún tempo en Madrid nos laboratorios da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), complementara a súa formación en diversas universidades europeas abeirado a prestixiosos científicos

Algunhas fontes, entre elas Álvarez Seoane [2], que foi director técnico Farmacéutico do Instituto Servet entre 1951 e 1970, sinalan mesmo que, aínda que se formalizase a súa constitución nesa comparecencia notarial, en realidade o acto fundacional tivera lugar o ano anterior. Parece confirmar este testemuño unha noticia aparecida en El Pueblo Gallego do 17-XII-1935 [3], segundo a cal Obella, director do Miguel Servet, embarcaba en Vigo cara a América do Sur para ampliar o horizonte comercial do Instituto, e outra do xaneiro seguinte, dando conta de que se atopaba no Uruguai realizando xestións comerciais para o mesmo [4].

No documento notarial citado fixábase o domicilio social no número 3 da rúa Xeneral Riego de Vigo —denominación da rúa de Afonso XIII durante o período republicano—, que algunhas fontes sinalan como domicilio de Obella, aínda que comprobados os arquivos municipais, nunca estivo censado nese edificio. Tamén se recollen os nomeamentos de Obella, como director xerente e de Rubira como substituto, e detállanse as normas de xestión do laboratorio, das que destacarei unicamente a cláusula trixésima, pola que se impedía aos socios participar en negocios con fins similares aos do Servet, salvo autorización expresa da asemblea de propietarios. Unha prohibición que tería unha vixencia de catro anos, desde a data de separación, para aqueles socios que se desvinculasen do negocio.

Contaban con Fernando Calvet Prats como asesor científico do proxecto, un novo catedrático de Química Orgánica da Universidade compostelá, que tras licenciarse en Química e estar algún tempo en Madrid nos laboratorios da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), complementara a súa formación en diversas universidades europeas abeirado a prestixiosos científicos. Todo ese periplo formativo fixera del un profesor innovador desde o punto de vista docente e investigador e aberto á relación co mundo empresarial. Á marxe do seu compromiso científico e universitario, destaca tamén pola súa integración na sociedade galega ao ser un dos asinantes do Manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía en 1933. Como primeira responsabilidade investigadora, na súa condición de asesor científico do Instituto, encomendábaselle o estudo dos métodos de extracción, conservación e análise dos alcaloides do caruncho do centeo para a elaboración de especialidades farmacéuticas indicadas no tratamento de hemorraxias e atonía uterina [5].

Convén tamén sinalar que cando se constitúe a compañía Rubira tiña outro negocio en Vigo co alemán Franz Böhme Kresse —Francisco Boehme tras a castelanización do seu nome—, denominado Rubira, Boehme e Cia. (Ruboco), dedicado á comercialización de produtos químicos, farmacéuticos e material sanitario, circunstancia esta coñecida polos demais socios do Servet, polo que non contraviña a cláusula 30 dos seus estatutos.

Publicidade do Instituto Bio-Químico Miguel Servet en 1937, no primeiro aniversario do Golpe de Estado ©

Impacto do levantamento militar e a Guerra Civil

O levantamento militar de 1936 e a consecuente Guerra Civil impactan directamente naquel incipiente proxecto empresarial. Alexandre Bóveda é detido o 20 de xullo, condenado á morte o 13 de agosto e fusilado ao amencer do día 17

O levantamento militar de 1936 e a consecuente Guerra Civil impactan directamente naquel incipiente proxecto empresarial. Alexandre Bóveda é detido o 20 de xullo, condenado á morte o 13 de agosto e fusilado ao amencer do día 17.

Nese medio tempo, Manuel Emilio Martínez era posto como exemplo de patriotismo nos medios de comunicación da denominada España Nacional, tras facer entrega, coa súa nai, de vinte mil pesetas para o exército, ofrecer a súa incorporación ás forzas armadas na súa situación de suboficial de Artillería e poñer a disposición destas trinta mil libras esterlinas (equivalente a un millón e medio de pesetas da época) que tiña depositadas no Midland Bank de Londres, sen condición ningunha, retribución ou intereses. O 6 de agosto formalizábanse en Burgos estas ofertas nun acto solemne celebrado na Xunta de Defensa Nacional ante o xeneral Cabanellas, e ascendido nese acto a alférez da escala de complemento [6, 7, 8]. Valeríalle tamén esta acción ser recoñecido con diversas distincións [9, 10] e unha importante influencia política e social, que manterá toda a súa vida. Incorporado a filas no mes de novembro, o 26 de decembro caía ferido na fronte de Brunete, con graves lesións que lle afectaban centros nerviosos [11], polo que é retornado a Santiago para a súa convalecencia. Nunha moi problemática situación, consegue que traian o médico Ramón Baltar Domínguez, que fora mobilizado e desprazado á fronte, para pedirlle consello, quen recomendou que fose intervido en Alemaña. Utilizando de novo a súa grande influencia, logra que permitan a Baltar, a pesar dos seus antecedentes políticos, que o acompañe, onde é intervido no mes de agosto, e non volvería a España ata finais dese ano 1937, tras catro meses de convalecencia [12].

Nese medio tempo, aparece tamén Baladrón como delegado no Porto do Comité Nacionalista da Habana, creado para canalizar as importantes axudas materiais e económicas para o exército doadas pola comunidade española en Cuba. Aínda que á fronte desa oficina atopamos a Obella, como apoderado de Baladrón, que tras o levantamento militar fuxira a Portugal pola súa coñecida militancia política. Non cabe a menor dúbida de que con esta estratexia estaba Baladrón dando protección ao seu vello amigo compostelán, e era tal a súa influencia, que mesmo había para el unha certa permeabilidade na fronteira hispanoportuguesa, o que lle permitía desprazarse a Vigo para atender as súas obrigas no laboratorio. Tampouco o molestaban as forzas de seguridade portuguesas, colaboradoras habituais das autoridades franquistas, por estar amparado pola representación diplomática na cidade. Como dato anecdótico, sinalaremos que no exercicio das súas funcións na delegación, o 15 de xaneiro de 1937 tiña que facer entrega a Franco, nun acto solemne celebrado en Salamanca, dunha primeira partida de materiais recibidos desde Cuba, consistente en 503 sacos de café, acompañado do vicecónsul español no Porto, Marcial Rodríguez Cebral, e de José Ignacio Ramos Rey, ambos os dous naturais de Santiago de Compostela e licenciados en Dereito [13] [14]. En relación a este último, debemos destacar que aos poucos días marchaba a Buenos Aires como delegado de prensa e propaganda na Arxentina do Goberno franquista [15] e axiña tamén aparece, segundo diversos medios, á fronte dos Legionarios Civiles de Franco [16]. Volvendo a aquela primeira entrega de materiais, Baladrón non puido asistir por estar convalecente en Santiago, pero si estaría na entrega dunha importante partida de tabaco o 24 de decembro seguinte, ao seu retorno de Alemaña [17].

Tamén desde esa oficina do Porto, situada na rúa do Duque de Saldanha 612, se facían xestións para o laboratorio, sorteando o illamento internacional ao que estaba sometida a zona franquista. Para colaborar na adquisición de maquinaria e equipos que entrarían vía marítima por ese porto, e protexelo do acoso que estaba a padecer en España, incorpórase en maio de 1937 Ramiro Isla Couto, militante galeguista con ampla experiencia comercial, que quedara sen traballo despois de pasar varios meses en prisión [18].

Convén, por último, comentar que xunto a esas actividades laborais, Ramón Obella e Ramiro Isla aproveitaron as circunstancias para organizar unha vía de escape cara a América e Francia para os fuxidos de Galicia, entre eles o deputado agrarista Antón Alonso Ríos [18].

Polo protagonismo que terá no futuro, debemos indicar que ao pouco tempo de iniciarse a guerra incorporábase ás oficinas do Servet en Vigo Fidel Isla, irmán de Ramiro, con igual militancia política e ampla experiencia comercial, que tamén perdera o seu traballo tras a confiscación e peche da delegación viguesa de Busquets [18], empresa dedicada á comercialización de, entre outros produtos, insecticidas e fertilizantes [19], experiencia esta que con toda seguridade lle sería de grande utilidade no futuro.

En canto a Francisco Rubira Fariña, que permanece en Vigo atendendo os seus labores no Instituto, fundamentalmente os relacionados coa formulación dos medicamentos na súa calidade de director técnico farmacéutico, e suplindo a Obella como xerente cando era preciso, aparece na prensa viguesa facendo doazóns desde a súa farmacia para o exército [20], para a Bandera Legionaria Gallega de Falange española das JONS [21] e como militante desa formación política [22].

No que se refire a Calvet, que desde o comezo das vacacións universitarias se instalara en Vigo para poder dedicarlle máis tempo ao Instituto, é inmediatamente destituído dos seus cargos [23] e, en vista da perigosa situación, marcha a Estocolmo cunha bolsa de investigación da Fundación Rockefeller [5]. O 20 de novembro de 1936 era suspendido de emprego e soldo [24], e o BOE do 29 de setembro do ano seguinte recollía unha disposición da Comisión de Cultura y Enseñanza, pola que era separado definitivamente de servizo, inhabilitado para cargos directivos e de confianza e dado de baixa na escala [25]. Este cúmulo de circunstancias provoca no primeiro ano de actividade do laboratorio serias dificultades e as consecuentes perdas económicas, máis alá das propias da posta en marcha dun proxecto empresarial.

Neste medio tempo, a empresa Ruboco facía tamén importantes doazóns ao Servizo Médico das JONS de Vigo [26] e á Junta de Auxilio a Poblaciones Liberadas [27], e paralelamente, grandes negocios coa comercialización de produtos importados de Alemaña conforme avanzaban as tropas franquistas [2]. Como anécdota, diremos que se facía promoción na prensa para conmemorar o primeiro aniversario do Alzamento Nacional, con anuncios onde se inserían os saúdos “Arriba España” e “Heil Hitler” [28]. Non debemos esquecer neste sentido as numerosas probas documentais que existen do irmandamento de Falanxe e os colectivos nazis en Vigo, nin tampouco a importancia da cidade e da colectividade alemá naqueles anos e durante a inmediata Segunda Guerra Mundial como centro loxístico e de espionaxe [29].

Convén tamén deixar constancia de que os medios de comunicación recollían doazóns, neste caso para o exército, do persoal do Servet, algunha en concepto dun día de haber [30], e mesmo do propio Instituto [31].

No que se refire a Boehme, ao finalizar a Segunda Guerra Mundial sería un dos alemáns da colonia viguesa reclamados polos EUA, por consideralo membro dos servizos de espionaxe alemáns, tesoureiro do NSDAP (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei / Partido Nacional Socialista Alemán) en Vigo e colaborar desde Ruboco co consorcio nazi Sofindus [32].

Un dos produtos do Instituto Bio-Químico Miguel Servet ©

Asemblea de socios de 1937

O 3 de maio de 1937 celebrábase unha asemblea de socios á que asistían todos os membros, salvo a representación de Alexandre Bóveda, por falecer este ab intestato e estar en tramitación a declaración de herdeiros. Cinco días máis tarde solucionábase ese problema coa publicación dun auto polo Xulgado de Primeira Instancia de Pontevedra, e o 2 de xuño seguinte comparecían en notaría viguesa habitual, Francisco Rubira en representación da sociedade, o contable Octavio Mediero Migueles polo seu propio nome e dereito e a viúva de Bóveda, Amalia Álvarez Gallego, en representación dela e dos seus fillos, menores de idade e suxeitos á súa patria potestade, para a formalización dos acordos adoptados na mesma:

Aceptar a separación dos herdeiros de Bóveda, con efecto desde o 31 de decembro de 1936, quedando obrigados a ingresar no fondo da compañía 393,94 pesetas no prazo máximo dun ano, como parte proporcional das perdas dese exercicio (37.518,04), tendo en conta que o causante non achegara ningunha suma á conta do seu haber social.

A incorporación como accionista do administrativo Octavio Mediero Migueles, con efecto desde o 1 de xaneiro de 1937, cunha contribución de capital de cinco mil pesetas, igual que a de Bóveda, que tería que ingresar en caixa cando a asemblea de socios o requirise.

Por último, a pesar do que se recolle na cláusula trixésima dos estatutos, autorizábase a Obella para exercer cargos de responsabilidade ou representación en empresas con fins similares aos sociais, sempre que fosen desempeñados no estranxeiro e que con eles se obtivesen beneficios ou vantaxes para o Servet. Cómpre destacar que este documento notarial non sería presentado no Rexistro Mercantil ata o 7 de outubro de 1939.

Facendo uso daquela autorización, o 2 de agosto presentaba Obella a rexistro en Portugal a marca Zeltia, destinada a produtos farmacéuticos, apósitos, desinfectantes e produtos veterinarios, que era aprobada o 29 de decembro seguinte. Na solicitude correspondente facíase constar o logotipo en que figuraba o nome e un feixe de centeo —pola importancia que lle daban ao caruncho— deseñado por Ramiro Illa, o que confirma a súa participación nesa iniciativa [33].

Solicitudes de obra

O 9 de setembro de 1937 entraba no Concello de Vigo unha solicitude asinada por Mediero, como apoderado do Instituto, para construír un edificio nuns terreos adquiridos na rúa Tomás Alonso. Acompañábase a solicitude dos correspondentes planos e unha memoria asinados polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios. A Comisión Municipal Permanente, celebrada o día 24 de setembro, acordaba conceder a autorización, despois de dar cumprimento con extraordinaria dilixencia aos complexos trámites administrativos, o que dá conta da importancia que se lle daba ao proxecto e, por suposto, a grande influencia dalgúns dos seus promotores.

Para o seu deseño seguiuse o modelo do primeiro laboratorio co que contou a empresa alemá Ichthyol Cordes, Hermanni & Co. Gessellschaft en Hamburgo, coa que o Instituto Servet mantivo desde os primeiros momentos unha estreita relación [2]. Actualmente, nese edificio, propiedade do concello vigués, está instalado o Instituto Municipal de Educación.

Aínda que sexa brevemente, en relación a Joaquín Vaquero Palacios debemos indicar que era un novo arquitecto ovetense, ademais de recoñecido debuxante e pintor, que ao comezo da Guerra Civil estaba na súa cidade natal. Asediado Oviedo polas forzas republicanas, en canto as circunstancias llo permitiron fuxiu a Galicia, establecéndose en Santiago de Compostela durante varios anos, onde tivo unha grande acollida e deixou unha importante pegada arquitectónica. Efectivamente, ao pouco tempo de chegar aparece como director técnico do aeroporto de Lavacolla, onde proxecta unha serie de obras (hangares, almacéns e outras dependencias) [34], encárgase da restauración de numerosos edificios do centro histórico, entre eles, a Biblioteca da Universidade [35], a fachada da Facultade de Farmacia no pazo de Fonseca [36], o Instituto Rosalía de Castro [37], o vello Colexio de Santiago Alfeo para as instalacións do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos [38] ou a fachada do edificio de Santo Agostiño, na rúa Virxe da Cerca, para a Escola de Artes e Oficios [39], e encárgase tamén do deseño de novas construcións, como o edificio destinado á Escola de Traballo en San Clemente [40] e o coñecido, e recoñecido, mercado compostelán [41]. Fóra da cidade, ademais do laboratorio vigués, levou a cabo importantes obras, como a restauración do mosteiro de Sobrado dos Monxes [42] e o acondicionamento e mellora do pazo de Meirás [43]. Pola súa relación co tema que estamos a tratar, destacaremos que tamén foi o arquitecto do grande edificio coñecido como pazo Baladrón, que construíu Manuel Emilio Martínez en Ponte Maceira (Portor, Negreira) nos anos corenta [44]. Como dato anecdótico, destacaremos tamén, que no verán de 1938 regala Vaqueiro “a Carmencita Franco unha preciosa casiña de madeira desmontable, da que é autor”, instalada na praia de Bastiagueiro, tal como recolle El Eco de Santiago de 24 de agosto [45].

Volvendo ao proxecto do Instituto, aparece como aparellador Isidro Suárez Paz, que tamén estudara Ciencias Químicas na Universidade compostelá. Durante esa etapa, participara activamente nas folgas universitarias de 1931, levadas a cabo en resposta á entrada da policía nos recintos académicos [46], e ao finalizar a licenciatura incorpórase ao colectivo de profesores innovadores da Facultade de Ciencias. Non é preciso dicir que como consecuencia do golpe militar desaparece do cadro de persoal da Universidade compostelá [5].

Adicionalmente, o 1 de febreiro de 1938 entra no Concello vigués outra solicitude para a construción dun sólido galpón de pedra destinado a gardar materiais de obra e “mercadorías que non poden estar á intemperie, mentres a construción do edificio non finalice”. Con toda seguridade, con esta licenza pretendíase legalizar o barracón, ao que se refería Obella en carta ao profesor Ribas, do que falaremos a continuación, do 15 de decembro anterior, adiantándolle que en cuestión de días estaría xa finalizado e dispoñible para a instalación do aparello de baleiro que adquiriran, cuxa posta en marcha debería supervisar [47].

Coa dilixencia comentada, o 16 de febreiro seguinte, a Comisión Municipal Permanente autorizaba construír o galpón con carácter provisional, aínda que, en realidade, para os propietarios do laboratorio tiña vocación de permanencia. Posteriormente construirían, dentro do mesmo recinto, outras edificacións para usos industriais e servizos.

Imaxe publicitaria do Instituto Bio-Químico Miguel Servet ©

Novos asesores científicos

Debido ao autoexilio de Calvet e sendo necesario seguir contando con asesoramento científico, Obella contacta co profesor Ignacio Ribas Marqués, catedrático de Química Orgánica da Universidade de Salamanca desde 1929. Un recoñecido científico, bolseiro pola JAE con ampla formación internacional e firme defensor da transferencia de coñecementos e da colaboración empresa-universidade

Debido ao autoexilio de Calvet e sendo necesario seguir contando con asesoramento científico, Obella contacta co profesor Ignacio Ribas Marqués, catedrático de Química Orgánica da Universidade de Salamanca desde 1929. Un recoñecido científico, bolseiro pola JAE con ampla formación internacional e firme defensor da transferencia de coñecementos e da colaboración empresa-universidade, tal como puxera en manifesto na lección inaugural de 1931, en que denunciou o lamentable estado das universidades españolas como fábricas de títulos e escasa investigación [48] . Un contundente posicionamento que mesmo molestara ao reitor Unamuno [5].

Existe unha interesante correspondencia entre Obella e Ribas, que evidencia os comezos desa relación en 1937 e a formalización do contrato de colaborador e asesor técnico a través dunha carta enviada polo primeiro desde Vigo o 31 de decembro dese ano [47].

Noutra carta de 21 de abril de 1938 informaba Obella a Ribas que desde o día 19 Calvet estaba en Portugal, tras convencelo da conveniencia do seu retorno a Galicia e negociar coas autoridades franquistas a súa integridade persoal. En calquera caso, esta negociación non o librou da prisión de Tui durante vinte e uns días, aínda que tivo un trato favorable durante a súa estancia grazas á mediación dun exalumno, o químico Francisco Meis Domínguez, alcalde daquela vila. Coa saída de prisión impedíaselle a entrada en Santiago e impúñaselle a obriga de presentarse semanalmente en comisaría, pero polo menos podía reincorporarse ás súas tarefas no laboratorio vigués [47].

Adiantándonos aos acontecementos, subliñaremos que, a pesar do seu exemplar currículo, tras a Guerra Civil o profesor Ribas foi excluído por razóns políticas da primeira liña de investigación e impedíuselle o acceso á cátedra da Universidade madrileña [48].

Por outra banda, débese indicar que, a partir de 1937, contaron co asesoramento de José Pérez López-Villamil, catedrático de Medicina Legal da Universidade salmantina, tras exercer a docencia na Universidade compostelá, onde iniciara os seus estudos de licenciatura, pasar polos laboratorios da JAE en Madrid e en Múnic, bolseiro por esta, e formarse paralelamente na clínica psiquiátrica con Sanchís Banús e visitando importantes establecementos psiquiátricos europeos [5].

Segundo o historiador Ricardo Gurriarán, ao comezo da Guerra Civil tivo que esconderse, pero, grazas á súa fama como especialista de enfermidades mentais foi recuperado polos franquistas para tratar das súas doenzas a Millán-Astray. Ademais, desde 1939 compatibilizaría a docencia cunha clínica psiquiátrica en Vigo, onde levou a cabo un labor profesional moi diferente do que exercían Laín Entralgo e López Ibor [5].

No Servet foi responsable da elaboración de documentación sanitaria [47] e suxeriu a preparación de especialidades como o Pan-neural simple e o Pan-neural bromo-valerianado [2].

Novo cambio no accionariado

En asemblea de socios do 13 de abril de 1938, en que actuaba Obella como presidente e Rubira como secretario, aceptábase a separación de Campos Pichel, que cedía a súa participación no laboratorio (25.000 pesetas) ao estudante Ramón Martínez Baladrón, irmán de Manuel Emilio.

Unha semana despois, o día 20, formalizábanse notarialmente os acordos adoptados, actuando en representación de Campos Pichel o seu fillo José Campos Valiñas, antigo “heroe da causa agraria” [49] e un dos “campións do agrarismo” [50] na segunda metade dos anos 10 e comezos dos 20, que mesmo sufrira un atentado en 1922 polo seu protagonismo na loita agraria [51], aínda que, nestes momentos da contenda, xa ofrecera os seus servizos ao gobernador civil da provincia [52].

A comparecencia de Campos Valiñas nese acto pode interpretarse en relación á presenza do seu pai no accionariado inicial do Instituto. Non esquezamos, neste sentido, que nos anos 20 tamén Obella participou activamente na causa agraria a través do Sindicato Agrícola y Pecuario de Bastavales, institución á que tiña grande afecto por ser o seu pai, Ramón Obella Patrón, falecido prematuramente, o seu primeiro presidente, e el mesmo desempeñaría ese cargo. Débese subliñar que durante o seu mandato no ano 1927, destacaba o sindicato polo seu dinamismo e o seu labor cultural e así, os medios de comunicación recollían a noticia de que adquiriran un automóbil coas cinco mil pesetas que conseguira Obella nunha recente viaxe a Buenos Aires do colectivo emigrante da zona, para trasladar gratuitamente a 15-20 mozos todos os días a Santiago para asistir ás clases na Escola de Artes e Oficios [53]. Eses mesmos medios destacaban a utilización do idioma galego por parte de Obella en todos os actos públicos [54]. O 3 de setembro de 1938 presentaban o documento notarial no Rexistro Mercantil de Pontevedra.

Título de rexistro da marca Zeltia ©

Fractura do Instituto Bio-Químico Miguel Servet

Cando as circunstancias auguraban a chegada dun período de maior estabilidade para o desenvolvemento do negocio, co edificio social construído, ao que estaban a trasladar a actividade industrial levada a cabo previamente no laboratorio anexo á farmacia de Rubira, e finalizada a Guerra Civil, prodúcese en 1939 unha gran crise no accionariado

Cando as circunstancias auguraban a chegada dun período de maior estabilidade para o desenvolvemento do negocio, co edificio social construído, ao que estaban a trasladar a actividade industrial levada a cabo previamente no laboratorio anexo á farmacia de Rubira, e finalizada a Guerra Civil, prodúcese en 1939 unha gran crise no accionariado.

Como consecuencia, o 19 de xuño comparecían na notaría habitual de Vigo os socios da compañía, coa excepción de Ramón Martínez Baladrón, representado nese acto polo seu irmán Manuel Emilio, quen facía uso duns poderes notariais outorgados en Barcelona. Na escritura desa comparecencia recóllese que Rubira e Mediero aceptaban a separación voluntaria dos demais socios con efecto a 31 de decembro de 1938. Acordábase tamén o importe da liquidación e a forma de pago a cada un deles, tendo en conta a súa participación no capital social da compañía, xunto coa parte proporcional dos beneficios daquel exercicio (74.889,18 pesetas). No caso de Obella correspondíanlle 114.148,90 pesetas, e adxudicábanselle para facer o pago en drogas por ese valor da partida “Existencias do activo”. Como é habitual nestas situacións, Rubira e Mediero recoñecían no documento que Obella, no exercicio das súas funcións como xerente, actuara sempre con total lealdade á compañía e este facía constar que en todo momento as instrucións que recibiu da entidade para as actuacións xerenciais, incluídas as importacións levadas a cabo, axustábanse ás disposicións legais e regulamentarias, deixando libre desta maneira ao laboratorio de toda responsabilidade por eses conceptos. Recoñecía tamén Obella que quedaban en propiedade exclusiva do laboratorio as dez marcas que achegara no acto constitucional, así como todas as que se aprobaron, e mesmo as que estaban en tramitación, tanto en España como en Portugal, ata a data, ao seu nome ou a nome do Instituto. No entanto, quedaban en propiedade exclusiva de Obella as marcas industriais que levasen as denominacións Celtia (sic), Ramón Obella e Ramón Obella Vidal. Pola cláusula novena do acordo, Rubira e Mediero exhimían ademais os que foran os seus socios do cumprimento da cláusula trixésima da constitución da compañía, polo que quedaban autorizados a dedicarse a negocios ou operacións similares ás do Instituto Servet desde ese mesmo momento. Por último, como consecuencia destas estipulacións, Rubira e Mediero obrigábanse e comprometían a non admitir no negocio a ningún estranxeiro e a manter o carácter netamente español do laboratorio.

Con toda seguridade, con estas cláusulas estaba a vetarse a entrada no capital social de Francisco Boehme. Non esquezamos que estamos en vésperas do comezo da Segunda Guerra Mundial, e a colonia alemá viguesa estaba moi activa e eufórica, e máis aínda, tras ver desfilar o 23 de maio anterior polas rúas da cidade a Lexión Cóndor con todas as honras, na súa despedida de España, para agradecer a súa contribución á vitoria franquista na Guerra Civil. Subxacía, con todo, unha clara fractura social e certas reservas en parte da poboación fronte aos xermanófilos, circunstancia que foi interpretada en numerosas ocasións como causa da ruptura da sociedade. O investigador Ricardo Gurriarán sinala tamén como detonante unha situación incómoda que se produciu no principio do ano como consecuencia duns despedimentos [47].

Curiosamente, entraba este documento notarial no Rexistro Mercantil de Pontevedra ás once horas e trinta minutos do 7 de outubro de 1939, isto é, trinta minutos despois do documento notarial do 2 de xuño de 1937 relativo ao falecemento de Bóveda, entrada de Mediero no accionariado e autorización a Obella para negocios en Portugal, que ata daquela quedara aparcado.

Publicación de Zeltia do ano 1953 ©

Consecuencias da fractura

Como consecuencia da escisión, o laboratorio Miguel Servet entraba nunha problemática situación financeira, ademais de perder unha parte substancial do equipo humano

Como consecuencia da escisión, o laboratorio Miguel Servet entraba nunha problemática situación financeira, ademais de perder unha parte substancial do equipo humano, como se verá máis adiante. Nestas circunstancias, para reter o profesor Ribas, o 23 de agosto de 1939 Rubira asinaba con el ante notario un contrato de arrendamento de servizos cunhas condicións económicas máis favorables das que gozaba ata ese momento, asociadas ao seu nomeamento como director químico. Tamén o 8 de novembro seguinte documentábase notarialmente que, para recuperar o capital social inicial, Rubira facía unha entrega de 425.000 pesetas e, ao ser só dous os socios, modificaban algunhas cláusulas dos estatutos da compañía. En calquera caso, ratificábanse nas obrigas contraídas en relación á exclusión de socios estranxeiros.

Durante a década dos 40 abandona Mediero a sociedade e entran novos socios, e a pesar de que se lanzan nese período de tempo numerosas especialidades, era obvio que para enfrontarse ao futuro era imprescindible recorrer a unha ampliación de capital. Así, acórdase en 1950 elevalo ata 3.500.000 pesetas mediante unha achega adicional de Rubira (508.000 pesetas) e a incorporación doutros accionistas, entre eles Boehme, cunha participación de 672.000 pesetas, amparado nunha lei do 24 de novembro de 1939 [55] que permitía salvar a exclusión de estranxeiros pactada.

Mesmo en 1955, ante a saída do negocio dalgúns asociados, entraba no accionariado a empresa Rubira, Boehme e Cia. —aquela empresa que fora bloqueada, en 1946, pola Comisión Aliada de Control por considerala tapadeira do consorcio nazi Sofindus [56]—, e para facer fronte á liquidación dos mesmos (1.540.000 pesetas), víanse na necesidade de hipotecar as instalacións fabrís como garantía de pago, o que evidencia as dificultades económicas que tiveron que ir salvando permanentemente.

En todo caso, convén subliñar que durante un par de décadas foi un laboratorio exitoso, tanto desde o punto de vista económico como sanitario, en gran medida grazas ás licenzas xestionadas por Boehme nos anos 50 para a fabricación e comercialización de especialidades de laboratorios alemáns e suízos [2]. Esta estratexia facilitou durante ese tempo levar a cabo unha renovación practicamente total do seu vademécum coa incorporación de importantes novidades terapéuticas, deixando á marxe moitas das que rexistraran con anterioridade.

O “desarrollismo” económico dos anos 60 propicia unha maior presenza en España de laboratorios estranxeiros, que xa non tiñan que recorrer a licenciatarios locais, e a necesidade de homologar a normativa española co mercado internacional, forza ás autoridades sanitarias a introducir novos e máis esixentes requirimentos fabrís e maiores demandas para a validación periódica de rexistros de especialidades farmacéuticas. Como consecuencia, prodúcese unha grave crise nos laboratorios españois, á que non é allea o Miguel Servet, de tal maneira que no Catálogo do Consejo General de Colegios Farmacéuticos de 1978 aparece xa con moi poucas especialidades [57], que en 1980 figuran no vademécum do laboratorio López Brea [58]. E coa volatilidade propia daqueles anos, en 1981, pasaban a Labobióticos de Málaga [59].

No que se refire a Manuel Emilio Martínez Baladrón, como se comentou anteriormente, abandonaba o laboratorio Servet, dedicándose a partir de entón a xestionar por outras vías o seu importante capital familiar, aínda que algúns autores sinalan que foi tamén durante un certo período de tempo, ao redor das datas que estamos a falar, un dos xestores do capital privado de Franco a través dunha Sección de Donativos creada no seo do Cuartel General del Generalísimo [60].

É oportuno lembrar que ao comezo dos anos 40 construíu en Ponte Maceira (Portor, Negreira) o chamado pazo de Baladrón, deseñado polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios, e adquiriu e restaurou o castelo de Doiras, no municipio de Cervantes. Faleceu naquel pazo o 4 de marzo 1970, sendo membro dos consellos de administración de FENOSA e FRINSA, tenente coronel de Artillería e estando en posesión de numerosas distincións civís e militares.

En canto a Obella, é obvio que aínda que abandonase aquel proxecto, mantiña vivo o seu afán emprendedor, e o seu paso polo Instituto Miguel Servet achegáralle unha grande experiencia e un maior coñecemento do sector industrial farmacéutico. Si, ademais, de acordo coas capitulacións de saída, quedaban algunhas marcas na súa propiedade, entre elas as que levasen asociada a denominación Zeltia, e permitíaselle dedicarse inmediatamente a negocios ou operacións similares ás do Instituto, é evidente que tiña xa en mente algún novo proxecto. Probablemente gardaba tamén relación con isto, tal como veremos a continuación pola evolución dos acontecementos, unha visita de Obella e Calvet ao matadoiro de Mérida, rexentado polos irmáns Fernández López, en febreiro de 1939 [47]. Non podemos esquecer, por outra banda, que ademais de Calvet, había un equipo no Servet, con experiencia no sector e unha clara afinidade ideolóxica, disposto a seguilo en calquera iniciativa.

Como é coñecido, os irmáns Fernández dispuñan dun gran capital, como continuadores do negocio herdado do seu pai, importante exportador de gando. Un negocio que diversificaron e ampliaron, introducíndose, entre outros sectores, no mundo dos matadoiros industriais. Convén destacar en relación a dous deles, José e Antonio, que eran os que fundamentalmente lideraban os negocios familiares, que forma parte do grupo Mocidade Céltiga na súa época estudantil en Madrid e movéranse, sobre todo o segundo, en círculos galeguistas. A súa irmá, Concepción, por outra banda, estivera aloxada na Residencia de Señoritas, o que evidencia tamén unha certa relación co “institucionismo”. É incuestionable que, con estas premisas, fosen os irmáns Fernández os candidatos de elección para iniciar un novo proxecto. Se antes tiñan entre os seus obxectivos explotar a flora medicinal galega con fins terapéuticos, agora engadíase a posibilidade do aproveitamento de glándulas de animais con ese mesmo obxectivo.

Coa mesma dilixencia encomendábaselle ao arquitecto Robustiano Fernández Cochón, antigo colaborador do Seminario de Estudos Galegos, pero moi involucrado por entón co novo réxime, a elaboración dos planos das novas instalacións, que se construirían nun terreo que adquiriran no barrio porriñés da Relva

Nesas circunstancias, o 3 agosto de 1939 constituíase formalmente Zeltia S. A. en notaría de Diego Pombo Somoza no Porriño, entrando no capital os catro irmáns Fernández López (José, Antonio, Concepción e Manuel) con 200 accións cada un; Obella, con outras 200; Calvet, con 25; Fidel Isla, con 10, e José Ruiz Gómez, man dereita de José Fernández no matadoiro porriñés, aínda que de moi distinto perfil ideolóxico, tamén con 25.

Non entrarei en detalle sobre a nova compañía, por ser o obxectivo analizar exclusivamente as orixes de Zeltia. Permítaseme, con todo, un par de comentarios adicionais:

En primeiro lugar, destacar o considerable capital social da nova compañía —2.005.000 pesetas— e a solvencia económica da parte máis importante do accionariado, o que lles permitiría acometer con total dilixencia un ambicioso proxecto como o que tiñan en mente.

Avanzando con esa prema e de acordo cos requirimentos legais da época [61], o inmediato 24 de agosto, presentábase na Delegación de Industria de Pontevedra a solicitude de autorización da nova empresa, tal como se recolle na sección de anuncios do BOE do 19 de setembro [62], dando un prazo de quince días para a presentación de reclamacións por parte daqueles que se considerasen prexudicados coa súa actividade. A prensa local do 17 de novembro facía pública a concesión da autorización a Ramón Obella Vidal, como conselleiro-representante de Zeltia S.A., “para instalar no Porriño unha industria de fabricación de produtos químicomedicinais e especialidades farmacéuticas producidas todas elas a base de materias primas españolas” [63, 64].

Logotipo de Zeltia ©

E así se constrúe esta compañía, buque insignia da industria farmacéutica galega e, xunto con ela e, mesmo a partir dela, un amplo grupo empresarial, exemplo e modelo para todos os emprendedores

Coa mesma dilixencia encomendábaselle ao arquitecto Robustiano Fernández Cochón, antigo colaborador do Seminario de Estudos Galegos, pero moi involucrado por entón co novo réxime, a elaboración dos planos das novas instalacións, que se construirían nun terreo que adquiriran no barrio porriñés da Relva. Rematado o proxecto en xaneiro de 1940, iniciábanse de inmediato as tarefas de edificación polo construtor Rodolfo Lamas Prada. Un ambicioso plan, que levaría a cabo durante ese ano e os primeiros meses de 1941. Confirma a importancia do proxecto e a dilixencia coa que estaban a traballar, un resumo das certificacións polas obras do almacén, fábrica, oficinas e laboratorio por un importe de 1.091.386,15 pesetas presentado nese exercicio.

Desde o punto de vista do persoal, ademais de Obella, Calvet e Fidel Isla, incorporábase á nova compañía, como era previsible, un grupo de expertos profesionais provenientes do Servet, entre eles Isidro Suárez Paz, e pronto crecía o equipo coa chegada de novos técnicos que sufriran represión ou marxinación. Tamén se sumaban ao proxecto dúas persoas de total confianza dos Fernández: Valentín Sobrini Mezquíriz e Arcadio Arienza Valcarce, que ocuparían importantes cargos de xestión.

Colaborarían ademais coa nova compañía reputados investigadores e científicos que foran represaliados, como Andrés León Maroto, Miguel Catalán Sañudo, Faustino Cordón Bonet, Álvaro Gil Varela e Isidro Parga Pondal. Tampouco faltaron as colaboracións de escritores e artistas comprometidos co galeguismo, como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ricardo García Suárez (que asinaba a súa obra artística como Xohán Ledo), ademais do pintor Manuel Torres.

E mesmo, en 1953, créase o Consello Asesor Científico de Zeltia en colaboración coa Universidade compostelá, constituído por nove catedráticos dirixidos por Luís Iglesias, entre os que figuran personalidades distantes do réxime e varios represaliados. Destaca a presenza dos profesores Ribas Marqués e López-Villamil, antigos asesores científicos do Instituto Miguel Servet, como se comentou anteriormente, co que cortaran a súa relación.

Tendo en conta as circunstancias que rodean a creación da nova compañía, os contactos que estaban a establecer para a integración no proxecto de persoal técnico e colaboradores científicos, e mesmo a denominación social e o emblema que e adoptou, un círculo cun tríscele céltico no seu interior, tal como figura no rexistro da marca presentado en España o 1 de maio de 1941, é lóxico considerar a desconfianza das autoridades, a pesar de actuar permanentemente dentro do marco legal establecido. Unhas sospeitas atenuadas polos moitos beneficios sociais, económicos e sanitarios que achegaba. Tampouco podían esquecer a subministración de carne ás tropas franquistas durante a guerra desde o matadoiro de Mérida rexentado polos Fernández. En todo caso, para salvar aquela desconfianza, desde un primeiro momento utilizan tamén en ocasións a denominación Laboratorios Españoles Zeltia S. A.

E así se constrúe esta compañía, buque insignia da industria farmacéutica galega e, xunto con ela e, mesmo a partir dela, un amplo grupo empresarial, exemplo e modelo para todos os emprendedores.

 

Bibliografía de referencia

[1] Índice Alfabético de Especialidades Farmacéuticas (1935). Ministerio de Trabajo, Justicia y Sanidad. 
[2] Álvarez Seoane, G. (2010).“El Instituto Bioquímico Miguel Servet”, Boletín do Instituto de Estudios Vigueses 15, Vigo. 
[3] El Pueblo Gallego 3.829, 17-XII-1935, p. 3. 
[4] O Irmandino 6, xaneiro de 1936, p. 2, O Uruguai. 
[[5] Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2006). Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións. 
[6] El Eco de Santiago 16.518, 6-VIII-1936, p. 2. 
[7] El Ideal Gallego 5.138, 6-VIII-1936, p. 6. 
[8] Boletín Oficial de la Provincia de Lugo 187, 13-VIII-1936. 
[9] El Compostelano 4.817, 11-VIII-1936, p. 1. 
[10] El Compostelano 4.820, 14-VIII-1936, p. 3. 
[11] El Pueblo Gallego 4.427, 25-XI-1937, p. 9. 
[12] El Pueblo Gallego 4.351, 28-VIII-1937, p. 8. 
[13] El Pueblo Gallego 4.184, 19-I-1937, p. 7. 
[14] El Eco de Santiago 16.661, 5-II-1937, p. 2. 
[15] Fe Gallega. Órgano de la Acción Gallega de los Cruzados de Santiago 5, 1-III-1937, p. 2, Buenos Aires. 
[16] El Correo Gallego 20.493, 20-VIII-1937, p. 2. 
[17] El Pueblo Gallego 4.453, 25-XII-1937, p. 4. 
[18] Pastoriza Rozas, Xosé Luís (2022). “Salvar o pelello e gañar a vida no exilio. Florencio Delgado Gurriarán, Ramiro Isla Couto e as redes de axuda a refuxiados republicanos en Francia en 1939”, en Alonso Girgado, L.; Cochón, L.; Requeixo, A. (coords). Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán. Cadernos Ramón Piñeiro XLV, pp. 213-232. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 
[19]  https://heraldodemadrid.net/editores/. Consulta: 17-XI2023. 
[20] El Pueblo Gallego 4.048, 12-VIII-1936, p. 2. 
[21] El Pueblo Gallego 4.083, 22-IX-1936, p. 4. 
[22] Hoja Oficial del Lunes 70, 6-IX-1937, p. 4. 
[23] Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña 191, 5-VIII-1936,  p. 694. 
[24]  Boletín Oficial del Estado 38, 23-XI-1936, p. 246. “Orden destituyendo a personal docente del Distrito Universitario de Santiago”. 
[25]  Boletín Oficial del Estado 344, 29-IX-1937, p. 3588. “Orden separando definitivamente del servicio al catedrático de Ciencias de la Universidad de Santiago Fernando Calvet Prats”. 
[26] El Pueblo Gallego 4.083, 22-IX-1936, p. 4. 
[27] El Pueblo Gallego 4.590, 4-VI-1938, p. 3. 
[28] Hoja Oficial del Lunes 63, 19-VII-1937, p. 10. 
[29] Giráldez Lomba, Antonio (2014). Vigo y la Segunda Guerra Mundial (I), Vigo y su colonia alemana durante la Segunda Guerra Mundial. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. 
[30] El Pueblo Gallego 4.578, 21-V-1938, p. 3. 
[31] El Pueblo Gallego 4.457, 30-XII-1937, p. 3. 
[32] “Galicia y la Guerra Mundial. Deshilando la araña nazi”, en: https://www.adiantegalicia.es/reportaxes/2016/04/14/galiciay-la-guerra-mundialdeshilando-la-arana-nazi.html. Consulta: 11-X-2022. 
[33]  Isla Couto, Xaime (2015): “O meu irmán Ramiro”, en Pastoriza Rozas, X. L. (ed.). Xaime Isla Couto. Raiz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto Editorial Galaxia. 
[34] El Compostelano 5.194, 18-XI-1937, p. 2. 
[35] El Correo Gallego 21.844, 17-III-42, p. 2. 
[36] El Ideal Gallego 8.298, 4-IV-1943, p. 7. 
[37] El Correo Gallego 23.201, 22-VII-1946, p. 3. 
[38] La Noche 7.963, 31-VIII-46, p. 2. 
[39] El Pueblo Gallego 6.994, 15-I-1946, p. 2. 
[40] El Correo Gallego 21.763, 10-XII-1941, p. 2. 
[41] Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña 32, 8-II-1941, p. 3. 
[42] El Pueblo Gallego 21.375, 10-IX40, p. 3. 
[43] El Pueblo Gallego 4.568,10-V-1938, p. 1 . 
[44]  https://www.plataformaarquitectura.cl/cl/888830/las-catedrales-industriales-de-joaquin-vaquero-palacios-aterrizanen-el-museo-ico . Consulta: 11-X-1922. 
[45] El Eco de Santiago 17.470, 24-VIII-1938, p. 1. 
[46] Carballo Calero, Ricardo (2020). A forza pública na Universidade de Santiago. Vigo: Consorcio de Santiago Editorial Galaxia.
[47] Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2009). Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista. Vigo: Foro Enrique Peinador. 
[48]  Mato, Alfonso (2014). “Ignacio Ribas Marqués”. en Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega), 30-XI-2014. http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22263. Consulta: 12-VIII-2022. 
[49] El Tea 319, 3-XI-1920, p. 2. 
[50] El Progreso 1.958, 20-VI-1916, p. 1. 
[51] El Compostelano 694, 6-VI-1922, p. 6. 
[52] El Diario de Pontevedra 71.534, 25-XI-1937, p. 3. 
[53] El Eco de Santiago 13.941,15-X-1927, p. 1. 
[54] El Pueblo Gallego 1.153, 16-X-1927, p. 15. 
[55] Boletín Oficial del Estado 349, 15-XII-1939, pp. 7034-7040. “Ley de 24 de noviembre de 1939 sobre ordenación y defensa de la industria”. 
[56] Pastoriza Rozas, Xosé Luís (2020). “Rara avis. Plácido Ramón Castro del Río e o liberalismo galeguista”, en: https://www.fundacionplacidocastro.com/conferencia-anual/21a-conferencia-anual-placido-castro-rara-avis-placido-ramon-castrodel-rio-e-o-liberalismo-galeguista .Consulta: 12-VIII-2022. 
[57]  Catálogo de especialidades farmacéuticas (1978). Consejo General de Colegios Oficiales de Farmacéuticos. Madrid. 
[58]  Catálogo de especialidades farmacéuticas (1980). Consejo General de Colegios Oficiales de Farmacéuticos. Madrid. 
[59]  Catálogo de especialidades farmacéuticas (1981). Consejo General de Colegios Oficiales de Farmacéuticos. Madrid. 
[60] Viñas, Ángel (2015). “¿La ‘hábil prudencia’ de Franco? (política exterior y finanzas)”, en Hispania nova. Revista de Historia Contemporánea 1, número extraordinario. 
[61] Boletín Oficial del Estado 53, 22-VIII-1938, p. 836-838. “Decreto de 20 de agosto de 1938 sobre establecimiento de nuevas industrias o ampliaciones importantes de las existentes”. 
[62] Boletín Oficial del Estado 262, 19-IX-1939, p. 1342. “Anexo único. Anuncio de la Delegación de Industria de Pontevedra”. 
[63] El Pueblo Gallego 5.040, 17-XI-1939, p. 3. 
[64] Faro de Vigo 22.416, 17-XI-1939, p. 2.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.